O artigo fai parte do Informe Nós No Mundo 2023-2024 "Conectar á Diáspora á Acción Exterior de Galicia"
Nós no Mundo 2024

Novos retos para a diáspora galega

A historia da emigración galega é a historia dunha identidade forte e resistente, dunha cultura que foi quen de manterse viva e prosperar fóra das súas fronteiras. Grazas á perseveranza de milleiros de galegos e galegas a emigración galega desempeña un papel fundamental no ámbito internacional no século XXI, mantendo a súa relevancia tanto a través dos centros físicos como das asociacións e das redes sociais. Esta conexión coa diáspora segue a ser un piar importante para a promoción da galeguidade e a cultura galega no exterior. Contribúe a constituír unha ponte cultural, social e económica, entre Galicia e o mundo dos e galegas que, desde o exterior, seguiron a alimentar un profundo vínculo coa súa terra de orixe. Hoxe, no século XXI, este legado non só debe ser preservado, senón que ten que ser potenciado como un factor (clave) na nosa estratexia de proxección global.
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia

A nosa diáspora, espallada por todo o mundo, especialmente en América Latina e Europa, representa unha conexión viva e directa con diferentes culturas e mercados. Estes lazos son unha oportunidade única para Galicia, xa que ofrecen un acceso privilexiado a redes internacionais que poden ser utilizadas tanto para a promoción da nosa cultura como para a internacionalización das nosas empresas. As políticas públicas deben enfocarse en recoñecer o valor estratéxico desta rede global de galegos e en dotalos dos recursos e apoios necesarios para fortalecer esa conexión co noso país.

Un aspecto que non podemos ignorar é o rol crucial que teñen desempeñado os centros galegos no estranxeiro. Estas institucións, nadas como lugares de encontro para os emigrantes e as súas familias, foron durante décadas os principais motores da

preservación da nosa cultura no exterior. Na actualidade, é evidente que os tempos cambiaron e, con eles, tamén o perfil da nosa emigración. O desafío actual está en como modernizar e adaptar estas institucións para que sigan a ser relevantes e atractivas para as novas xeracións de emigrantes, moitos deles mozos altamente cualificados que non atopan nos centros tradicionais o tipo de servizos ou redes que lles poden resultar útiles na súa vida profesional ou persoal.

Neste sentido, é fundamental que a Xunta de Galicia, en colaboración coas distintas asociacións e entidades da diáspora, desenvolva políticas que fomenten a renovación e modernización dos centros galegos. Isto inclúe non só a mellora das infraestruturas, senón tamén a incorporación de novas tecnoloxías que permitan conectar á emigración galega coa súa terra de orixe de xeito máis áxil e accesible. A creación de plataformas dixitais as redes sociais e os espazos virtuais de encontro, poden ser unha vía eficaz para fortalecer os vínculos entre as distintas xeracións de galegos no exterior e a Galicia contemporánea.

Por outro lado, a nosa aposta polo fomento da internacionalización das empresas galegas non pode entenderse sen contar coa diáspora como un aliado estratéxico. Moitos galegos residentes no exterior ocupan posicións de relevancia en sectores económicos e empresariais, e o seu coñecemento dos mercados locais é un activo fundamental que Galicia debe aproveitar. Temos que apostar polas políticas de apoio á emigración onde inclúan estratexias de colaboración empresarial que faciliten a creación de redes comerciais entre Galicia e os países de acollida, utilizando a nosa diáspora como ponte para abrir novas oportunidades de negocio e investimento.

O papel da cultura é outro eixe fundamental. A cultura galega sempre foi un dos grandes factores de cohesión da nosa diáspora. A lingua, a música, a literatura, e incluso a gastronomía, son elementos que conectan ás xeracións máis novas coas súas raíces. Temos o deber de garantir que a cultura galega continúe a ser unha ferramenta de proxección internacional. Isto significa que hai que apoiar iniciativas culturais que inclúan á diáspora non só como receptora, senón como partícipe activo na creación e promoción da cultura galega. Debemos ampliar as accións culturais máis aló das nosas fronteiras, levando espectáculos, exposicións e eventos galegos aos principais centros da nosa emigración, ao tempo que facilitamos a creación cultural entre os galegos no exterior.

A galeguidade no século XXI non pode reducirse a unha simple cuestión de identidade territorial. A emigración galega de hoxe é moito máis diversa que en épocas pasadas, tanto en perfís profesionais como de intereses. Entre todos temos a responsabilidade de poñer en marcha políticas que non só recoñezan esta diversidade, senón que lle dean cabida. Isto inclúe tanto o apoio ao retorno dos galegos que desexen volver e reintegrarse na nosa sociedade, como a creación de oportunidades para que os que queren seguir no exterior poidan continuar conectados e contribuíndo ao desenvolvemento de Galicia.

En definitiva, a emigración galega segue a ser un elemento esencial para a nosa proxección internacional, e polo tanto precisamos dun firme compromiso de traballar para fortalecer estes vínculos.

A nosa visión é clara: debemos potenciar a nosa diáspora, dotalos dos recursos e medios para que sigan a ser embaixadores da nosa cultura, lingua e valores, e facer que Galicia non só sexa unha comunidade autónoma, senón unha comunidade global, integrada e presente nos principais foros internacionais. Galicia non pode entender o seu futuro sen a súa diáspora, e por iso débese seguir impulsando políticas que reflictan este compromiso de cara ao futuro.

O artigo fai parte do Informe Nós No Mundo 2023-2024 “Conectar a Diáspora á Acción Exterior de Galicia”