Diego Sande Veiga entrevista a Jesús Gamallo Aller para a Liña de Investigación en Economía do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI)
Jesús Gamallo asinando no Libro de Visitas do IGADI, no 2019,

O Director Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ofrece ao IGADI a visión institucional sobre o desenvolvemento da Acción Exterior en Galicia

Jesús Gamallo Aller é Director Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea desde 2009. Naceu en Santiago de Compostela en 1961. É licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Cursou estudos correspondentes ao terceiro ciclo durante os cursos académicos 1986-87 e 1988-89 no programa de doutoramento “Dereito Autonómico e Comunitario Europeo”.

Foi profesor-colaborador do Instituto Nacional de Administración Pública (INAP) do Ministerio de Administracións Públicas. É funcionario do Corpo Superior da Administración de la Xunta de Galicia por Resolución do 27 de xaneiro de 1993 (Diario Oficial de Galicia do 29 de xaneiro de 1993). Foi secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior (1999-2005) e ocupou o cargo de xefe da Sección Xurídica no Servizo Técnico-Xurídico da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

image 6

Dentro do convulso contexto económico mundial, cales son na súa opinión os puntos fortes e as alianzas coas que conta Galicia para acadar o desenvolvemento da súa acción exterior?

Galicia é o elo histórico natural de confluencia entre as grandes culturas lusófona e española, algo único a nivel mundial[1]. Isto posúe un valor inmenso no eido internacional se consideramos que máis de 800 millóns de persoas falan algunha das dúas linguas. Estámonos a referir a preto do 10% da poboación do planeta, que para mediados do presente século con moita probabilidade superará folgadamente a barreira dos mil millóns de falantes. Pois ben, Galicia representa o cerne e nexo desta enorme e crecente comunidade, firmemente institucionalizada grazas á Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal , que conta cunha ferramenta única de Dereito europeo, como é GNP, AECT. Isto explica como fomos capaces de inserir a España[2] na CPLP.

Por outra banda a nosa sólida cooperación con Portugal tamén nos oferta unha posición singular no eido europeo, sendo un referente na cooperación territorial da UE, co que iso conleva cara á política da cohesión e outras políticas públicas da Unión.


O portugués e o español son linguas globais falados actualmente por 850 millóns de persoas en todo o mundo. Estímase que para 2050 haberá 754 millóns de hispanofalantes e 390 millóns de falantes de lingua portuguesa.

https://oei.int/oficinas/secretaria-general/lenguas-en-numeros/objetivos

[1] https://oei.int/oficinas/brasil/noticias/portugues-y-espanol-representan-solo-el-15-8-de-las-publicaciones-cientificas-en-el-mundo

[2] https://www.lamoncloa.gob.es/serviciosdeprensa/notasprensa/exteriores/Paginas/2021/170721portugues.aspx

Ingreso de España na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa como Observador Asociado

A candidatura de España foi presentada en 2020 mediante a remisión dos correspondentes Plans de Acción e de Promoción da Lingua Portuguesa. Cabe reseñar o notable pulo que a Comunidad Autónoma de Galicia deu á candidatura de España (…)

image 7

E cales serán as principais barreiras e/ou resistencias?

Foron diversas e complexas, pero con método e determinación fómolas superando, sempre dentro do marco xurídico vixente, tanto estatutario como constitucional e europeo. O camiño iniciado coa Sentencia do Tribunal Constitucional 154/1985, do 12 de novembro, onde se examinou a constitucionalidade do Decreto 120/1982, en cuxo artigo 2 a Xunta de Galicia creou o Instituto Galego de Bacharelato a Distancia (INGABAD), declarado nulo por inconstitucional, ata a aprobación sen ningún atranco xurídico de Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, foi un camiño traballoso pero pagou a pena.

Cales foron, para vostede, as principais contribucións da Dirección Xeral de Relación exteriores e coa Unión Europea á acción exterior galega? 

Foron tantas contribucións que custa facer unha escolma. Sen dúbida entre as máis recentes, a aprobación da Lei 10/2021 de Acción Exterior, a EGAEX de 2018, … e remontándonos no tempo, o acceso a comités moi relevantes da Comisión Europea, a crecente participación no Comité europeo das Rexións, a constitución da Comunidade de Traballo co Norte de Portugal, …

Desde o seu punto de vista, cales serán os principais retos da acción exterior galega nos vindeiros anos? E de cara ao futuro a máis longo prazo?

Eses retos veñen perfectamente identificados na EGAEX de 2018 e serán perfilados na nova EGAEX. Resulta obvio que non somos omniscientes e que a planificación da acción exterior pouco ten que ver coa doutras políticas públicas internas, porque a acción exterior está sometida a incertezas e imprevistos que dependen doutros actores, alleos, independentes e soberanos. Poñamos por caso a invasión da Ucraína, que trastocou moitos dos plans europeos en diversos ámbitos, por non lembrar a pandemia da Covid e o seu impacto nas cadeas de fornecemento industrial. Sen embargo, se tivera que salientar un reto escollería a necesidade de afianzar a integración europea, porque a experiencia do Brexit alterou un dos piares mestres desta singular construción da que formamos parte. Se cae a Unión ou se estanca, o impacto nos Estados será transcendental e, por tanto, tamén afectaría a Galicia.

Como pode mellorar a súa institución/organismo a súa participación na acción exterior galega? Que necesidades detectan para isto?

Todas as obras humanas son perfectibles. Os que cremos como Jean Monnet na institucionalización das políticas públicas temos que partir dese feito. Foi el quen dixo que a experiencia de cada home está sempre empezando e que só as institucións se fan sempre máis sabias xa que as institucións acumulan a experiencia colectiva. Na medida en que coa Lei 10/2021 de Acción Exterior comezamos a institucionalizar xuridicamente esta nosa política pública sen dúbida iremos mellorando, dando pequenos pasos cara a un bo destino e non grandes saltos cara a ningún ou xirando permanentemente en bucle.

Observan/contemplan oportunidades de colaboración (proxectos, xornadas, etc.) no futuro con axentes do terceiro sector como o IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional)?

Absolutamente. Do mesmo xeito que saudamos con grande ledicia o xurdimento nas universidades galegas de dous centros especializados, adicados ás Relacións Internacionais, en Ferrol e en Ourense, co valor engadido da cooperación interuniversitaria entre as Universidades da Coruña e de Vigo. Estes cambios van producir un efecto benéfico no interese pola acción exterior e na formación das novas xeracións cara ó futuro inmediato.

Coñecendo ao entrevistado

Un feito histórico para e economía galega no ámbito internacional:

A adhesión ás Comunidades Europeas.

Un obxectivo para o seu mandato:

Avivar o lume a prol do interese e a implicación da sociedade galega pola acción exterior do país.

Un reto de futuro para a acción exterior galega:

Facer que os novos egresados universitarios en Relacións Internacionais melloren o legado cara ao exterior que nós lles deixemos.

Moitas grazas polas súas achegas

Desde o IGADI agardamos moitos éxitos nos obxectivos formulados

Diego Sande Veiga

Coordinador da Liña de Investigación en Economía do IGADI e Profesor do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela