Lina de Investigación en Economía-Coordinador Diego Sande Veiga
Bouzas continents 1219541 1280

O EMPRENDEMENTO GALEGO, CADA VEZ MÁIS INTERNACIONAL

Este artigo é da autoría de Javier Bouzas Arufe, Graduado en Comercio polo University College de Dublín e doutoranto do programa de Economía e Empresa da Universidad de Santiago de Compostela
Liñas de investigación Economía
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Idiomas Galego

O IGAPE ven de anunciar as novas axudas para as pequenas e medianas empresas de Galicia que teñan proxectos de internacionalización e necesiten contratar profesionais do comercio exterior. A iniciativa busca mellorar a empregabilidade destes profesionais, facilitar o seu acceso ao mercado laboral e contribuír ao desenvolvemento de proxectos de internacionalización. O prazo para solicitar estas axudas, que poden cubrir ata o 90% do custo da contratación, está aberto ata o 9 de xullo.

Liñas do IGAPE para a internacionalización galega

Con esta nova liña, o Instituto Galego de Promoción Económica incrementa así o número de axudas á internacionalización empresarial, sumándoa ás axudas para a execución de accións de promoción exterior (IG230) e ás axudas para a internacionalización dixital das empresas galegas (IG272). As organizacións intermedias como asociacións empresariais, consellos reguladores das denominacións de orixe protexidas ou clústeres empresariais tamén teñen á súa disposición axudas á exportación mediante cooperación empresarial (IG208).

Importancia do contexto institucional no apoio á promoción exterior

Diferentes estudos demostran a importancia do investimento dos gobernos correspondentes en instrumentos de apoio á actividade internacional das empresas, e como estes instrumentos se converten nun factor determinante na internacionalización empresarial.

Xunto coas políticas aplicadas polas diferentes institucións de promoción do comercio, os valores sociais arraigados no lugar e o coñecemento acumulado en cada comarca (tanto na poboación residente como nas propias empresas como consecuencia da práctica empresarial frecuentemente utilizada) inflúen na motivación empresarial e nas decisións dos directivos e empresarios. É por iso que as circunstancias que facilitan que se adopte a decisión de internacionalización por parte do xerente ou empresario, e que se poña en práctica con éxito, están en boa medida vinculadas ao contorno de orixe no que nace a empresa e se desenvolve. E as accións das institucións xogan aquí un papel importante.

A nivel xeral, Galicia sitúase nun nivel intermedio de apoio á internacionalización empresarial segundo os distintos niveis de cada factor institucional, sendo, segundo as últimas estatísticas de comercio exterior publicadas polo ICEX, unha das comunidades que máis exportan con máis de 24.000 millóns de euros ata outubro de 2023, só superadas por Cataluña, Madrid, Comunidade Valenciana, Andalucía e País Vasco.

Aínda queda espazo para mellorar

Investigadores da USC están actualmente a analizar a importancia para o ecosistema empresarial destas axudas do IGAPE. Para iso, nos últimos meses iniciaron unha serie de entrevistas en profundidade a directores xerais e directores de exportación de pequenas e medianas empresas moi relevantes dentro do ecosistema galego e pertencentes  a distintos sectores.

A nivel xeral, o empresariado galego manifesta a súa satisfacción tanto no número como polas opcións de axudas actuais e pasadas. Porén, algo no que tamén parecen coincidir todos, e que vai en liña cos resultados da análise do ecosistema emprendedor do informe do equipo GEM Galicia para 2023, é a existencia dunha cultura de excesiva burocracia, acompañada doutras carencias ou imperfeccións. que dificultan a internacionalización efectiva e rápida da súa empresa.

Durante as entrevistas, algúns empresarios queixáronse do exceso de documentación, alegando que iso “cansa a moitos empresarios” e que “hai que reducir a brecha entre o modelo e a realidade”. Outros afirman que as axudas están ben pero que pola “cantidade de esforzo que tanta documentación require, o retorno debería ser maior” ou que “a axilidade destas axudas para internacionalizarse nun novo mercado non é útil pola súa lentitude” e só as empregan para mercados que xa teñen consolidados. Ademais, practicamente tódolos entrevistados mencionan que a percepción das axudas require un tempo de espera moi longo que moitas empresas non poden soportar.

Así mesmo, as empresas valoran especialmente o financiamento, aínda que para algunhas non son “especialmente relevantes a nivel cuantitativo”, pero tamén recomendan que “as propias institucións as acompañen no proceso de solicitude de financiamento para saír ao estranxeiro e non só queden na parte teórica das titorías e asesoramento das antenas IGAPE”.

O certo é que sempre cabe espazo para a mellora. Aínda que en xeral o empresariado galego está satisfeito coas opcións de axuda, sinalan deficiencias na burocracia e lentitude nos procesos, defendendo unha maior axilidade e acompañamento no acceso ó financiamento para a internacionalización, e seguir así co impulso do comercio internacional da economía galega iniciado en 1993 coa creación do IGAPE.