20041004 cosova veton surroi ora

O estatuto de Cosova

 Veton Surroi, clic para aumentar
A propósito do estatuto final de Cosova, Veton Surroi, dirixente do Partido reformador ORA, na oposición, membro do equipo negociador, considera que o novo Estado cosovar debe representar a todos os cidadáns, non soamente aos albaneses, pero que haberá un Estado independente é cousa segura e que esa é a mellor garantía para conformar un conxunto multiétnico e tolerante.
 

Iniciáronse esta semana en Viena as conversas entre serbios e albaneses para decidir o futuro de Cosova, unha das derradeiras cuestións pendentes do enredo balcánico. O status formal de partida é o dunha provincia serbia baixo a administración de Nacións Unidas. Así permanece dende 1999. Os cosovares aspiran á plena independencia; os serbios non contemplan máis opción que a dunha ampla autonomía. A porta pechada, no Palacio Kinsky, os negociadores de ambas partes deben atopar nos próximos meses unha linguaxe común coa mediación do ex presidente finés e comisionado especial da ONU, Martti Ahtisaari. A volta do status de Cosova á actualidade lémbranos a todos que a paz non estaba de todo pechada.

A busca dun novo entendemento, unha misión case imposible, desenvólvese en paralelo á reflexión sobre a proposta da UE de formar unha unión aduaneira, paso previo para o establecemento dun mercado común, na perspectiva da integración na Unión. E tamén cando Montenegro disponse a celebrar un referendo sobre a independencia, probablemente en maio, despois das eleccións locais do 30 de abril próximo. En Bruxelas revive agora a idea de reunir aos estados post-iugoslavos, pero o discurso choca de novo cos intereses da maior parte das sociedades balcánicas, as que accederon á independencia e as que, como os montenegrinos ou os cosovares, insisten en contar cun estado propio.

A propósito do estatuto final de Cosova, Veton Surroi, dirixente do Partido reformador ORA, na oposición, membro do equipo negociador, considera que o novo Estado cosovar debe representar a todos os cidadáns, non soamente aos albaneses, pero que haberá un Estado independente é cousa segura e que esa é a mellor garantía para conformar un conxunto multiétnico e tolerante. Esa independencia non será a escusa para amparar unha administración corrupta e antidemocrática, senón para servir de soporte a unha sociedade capaz de aceptar varias identidades diferentes. Pero a pesar das boas palabras e as garantías ofrecidas polo editor do Koha Ditore, os serbios de Cosova están bastante lonxe da reflexión de Surroi, coma os xitanos ou os eslavos musulmáns que probablemente abandonarán Cosova se a opción da independencia se confirma. Nos últimos meses, a vida nos enclaves serbios está paralizada, á espera dun desenlace que moitos temen contrario aos seus intereses. O único freo que pode evitar a fuxida das minorías de Cosova é garantirlles unha ampla autonomía local e relacións privilexiadas con Belgrado, que paga aínda as pensións e outros beneficios sociais dos serbios que residen na zona, asumindo o financiamento do sistema sanitario e educativo. Os albaneses queren cortar de raíz esta situación que merma a súa soberanía.

A debilidade do actual goberno serbio fai pensar no reforzamento da opción da independencia de Cosova, que unicamente podería atrasarse se a evolución das negociacións desemboca nunha grave crise política en Belgrado. Algunhas voces reclaman a organización dun referendo en toda Serbia sobre o status de Cosova. Outros, incluídos algúns responsables da MINUK, consideran esta a expresión última da desesperación serbia. A discusión, en calquera caso, promete ser longa e intensa.