A contraposición entre o local e o exterior hai tempo que perdeu sentido. Nos últimos anos, constatamos a extrema interdependencia do local con respecto a outros ámbitos e a importancia de que os xestores públicos incorporen a dimensión exterior á súa axenda, ben sexa para fomentar o turismo, apoiar a internacionalización das empresas radicadas nun determinado municipio, acceso a fondos internacionais, estimular a solidariedade ou activar o diálogo cultural e o intercambio educativo. Non é cousa anecdótica nin secundaria senón que atinxiu unha dimensión específica. Por todo o mundo, en moitas urbes proliferaron departamentos relacionados coas relacións internacionais e o que nacera arredor duns cuestionados irmandamentos foi adquirindo formas mais complexas e ambiciosas, acreditando unha especificidade local nas tendencias mundializadoras.
En Galicia, a diferenza do que acontece noutros lares, vimos destacando pola escasa importancia concedida a este aspecto. Non hai responsables, non hai estratexia. A ignorancia e a falta de ideas e sensibilidade predominan, sen establecer matices entre unhas e outras forzas políticas, todas elas condicionadas por unha visión acurtada do papel das institucións locais nun mundo aberto como o actual. Enxangados como estamos nese regateo que escurece canto transcenda os lindes do termo municipal, sorprende esta actitude coa distancia que neste aspecto, por exemplo, nos separa do veciño Portugal onde cómpre recoñecer unha altura de miras compartida pola práctica totalidade do mapa político.
Os comicios locais deste ano 2015 foron secuestrados polas dinámicas xerais, impedindo debates de raíz propiamente local, non necesariamente localistas, como este, perdéndose unha excelente oportunidade para alentar un xiro nos enfoques e gañar sensibilidade exterior. A FEGAMP tivo hai tempo sobre a mesa unha proposta concreta para avanzar nese sentido, que non atendeu. E os anos pasan….
Non é só que as nosas empresas gañen consistencia e futuro nun contexto global, é que os nosos poderes públicos non deben perder de vista ese marco para facer progresar os municipios para os que xa non basta a resignación do asfaltado e o báculo do alumeado. Hai concellos en Galicia, considerados grandes (como Santiago) ou pequenos (como Baiona) que teñen unha forte dimensión exterior que podería render excelentes froitos se contaran con marcos e políticas de xestión especializada neste aspecto. Non se requiren para iso alcaldes iluminados senón minimamente conectados coas tendencias do noso tempo. Un tempo que non se encara con valados senón con pértegas que nos axuden a saltalos.