Artigo publicado orixinalmente en Praza, o 10 de novembro do 2023
Pleno do Congreso

O factor exterior nos acordos para a investidura de Pedro Sánchez

Os acordos para a investidura do presidente Sánchez subscritos polo PSOE con diferentes grupos políticos amosan unha forte presenza das claves internas, ata o punto de resultar practicamente exclusivas.
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia

Dende unha óptica estatal, no acordo con Sumar, no punto 11 recóllese a idea dunha España “con voz propia no escenario internacional” e no detalle prima o espazo UE. É de interese a alusión á reforma e modernización do servizo exterior obviando, lamentablemente, calquera referencia ao compromiso para descentralizar e incorporar de forma institucional e profesionalizada ás CCAA a esta política pública.

No caso catalán, descontado o acordo para a oficialidade da lingua nas institucións comunitarias, obviamente, pesa o “conflito”. No acordo con ERC non hai alusión algunha á acción exterior. Partindo de que van moi por diante doutros en moitos aspectos neste eido, as súas prioridades, mais aló da amnistía, apuntan a financiamento, infraestruturas e investimentos. No caso de Junts, é relevante que se contemple expresamente “a ampliación da participación directa de Catalunya nas institucións europeas e demais organismos e entidades internacionais”.

No caso de Euskadi, EH Bildu primou “frear á extrema dereita”. O acordo asinado entre PSOE e PNV prima “transferencias, autogoberno, marco vasco de relacións laborais e euskera”, pero inclúe tamén un punto sobre Europa con previsión dunha maior consulta e presenza das institucións vascas e igualmente nalgún foro internacional sectorial da OCDE e ata do G20.

No caso galego, o BNG destacou tres ámbitos principais: infraestruturas, financiamento e benestar social e igualdade. A incidencia destas tres variables no eido exterior apunta ás conexións con Portugal e atlánticas. Tamén destaca o feito de que Galicia non quede descolgada da hipotética reformulación político-territorial por vir, asegurando un status semellante ao doutras nacionalidades históricas.

No referente ao idioma, con propostas de interese no eido dixital e audiovisual, recupera a demanda “histórica” de recepción da radio e televisión portuguesa en Galicia. É unha magoa, non obstante, que non se aproveitara a oportunidade para lograr avances con certeza plenamente factibles como a creación da Casa da Lusofonía (acción exterior con acento na lingua), inserida na rede de casas do Ministerio de Asuntos de Exteriores. E mesmo garantir un maior status internacional formal para a nosa cultura, moi especialmente a través da reformulación da Delegación Permanente de España ante a UNESCO e a potenciación dunha relación directa.

O exterior é un ámbito estratéxico que os líderes políticos deben valorar como tal. Como estratéxico é que Galicia se posicione en primeira liña no Estado, dende dentro e cara fóra, en relación a ese ámbito da xeocultura lusófona que nos garante unha posición moi superior, poñamos por caso, a que Cataluña ten en relación ao Mediterráneo e que tanto ten feito valer.

O factor exterior é cada vez mais determinante e asegurarnos instrumentos propios e unha presenza internacional directa nunha conxuntura como a presente abre outros espazos para o progreso e desenvolvemento de Galicia. Pequenos pasos que equivalen a infraestruturas e que ben xestionadas ofrecen oportunidades para marcar axenda propia e exercer de trampolíns para outros ámbitos.