O fracaso da Constitución europea

Apartados xeográficos Europa ARCHIVO
Idiomas Galego

O último cumio da Unión Europea (UE) foi o primeiro cumio importante na historia da Comunidade Europea que fracasou. Non se logrou o obxectivo de romper o estancamento das negociacións sobre a nova Constitución europea. Ó final, o obstáculo máis grave foi o sistema de voto no Consello Europeo, que é basicamente o consello dos gobernos dos estados membros e, polo tanto, unha institución clave da UE. En concreto, Alemaña e Francia por un lado, e España e Polonia polo outro, non puideron atopar un compromiso aceptable. No Tratado de Niza de 2000, España e Polonia lograron cada un 27 votos no Consello Europeo, mentres que Alemaña e Francia soamente recibiron 29 respectivamente, aínda que teñen o dobre de poboación. Alemaña e Francia tentaron cambiar este sistema de voto tan favorable para España e Polonia, pero non tiveron éxito e, consecuentemente, as negociacións fracasaron. Pero, ¿quen é realmente o perdedor e que o gañador?

A UE e o proxecto europeo en xeral son os grandes perdedores, xa que a Unión debe integrar agora 10 novos membros sen os medios adecuados bosquexados na Constitución, como un sistema de votos máis flexible ou unha Comisión Europea máis efectiva. Ademais, atopáronse compromisos para tódalas mazás de discordia, poñamos por caso para a política exterior ou fiscal, que non será levados a cabo debido á falta de compromiso no sistema de voto. E, sobre todo, as reformas previstas no borrador da Constitución para democratizar a Unión non se materializarán. Así, toda a cidadanía europea perde.

Os países grandes, como Alemaña e Francia, son a curto prazo, perdedores tamén, posto que, sen Constitución, o completo Tratado de Niza -que favorece ós países "intermedios" como España ou Polonia- entrará en vigor a partir do 1º de xaneiro de 2004. Sen embargo, os "grandes" poden utilizar o fracaso do cumio como escusa para continuar con proxectos de "pioneiros", é dicir proxectos de integración que incorporen soamente ós países europeos co desexan, como no caso do Euro. Posibles proxectos son, por exemplo, a política de Defensa ou de Xustiza. Deste xeito, a UE tornaríase nunha institución de "2 velocidades". Aínda non está claro se isto terá os efectos positivos desexados, especialmente para a Unión en xeral.

Os países "intermedios" como España semellan ser os grandes gañadores, porque agora son, practicamente, os países máis poderosos da UE. Sen embargo, a longo prazo, poden perder máis do que gañaron. Os países doadores da Unión (Alemaña, Francia e outros) xa ameazaron con que lembrarán o papel de España e Polonia no fracaso da Constitución cando comecen as novas negociacións sobre as axudas estructurais e económicas da UE. O peor para España é que rexións coma Galicia, que non gañaron máis poder nos asuntos europeos pese ó aumento de poder do Goberno central en Europa, serán as que se verán máis afectadas polos "castigos financeiros" dos países doadores. En apropiadamente un ano veremos os resultados da táctica do presidente do Goberno central, José María Aznar.

Non obstante, nunha observación ten razón Aznar: "mellor ningunha Constitución que unha mala". O ano que vén Irlanda e os Países Baixos, que terán a Presidencia da UE, tentarán de novo atopar un compromiso aceptable para todos. Posiblemente, será un pouco máis doado logo das eleccións ó Parlamento Europeo e das eleccións xerais en España. Pero de tódalas formas, Europa non terá unha Constitución antes do comezo da nova década, xa que, incluso con novos compromisos, o proceso formal para chegar realmente a establecela é longo e complicado.