A revisión da quinta edición do Manual de Balanza de Pagos do FMI (2004) define como investidor directo ao propietario do 10 % ou máis capital dunha empresa, coa que ten vocación de relación a longo prazo e un grao significativo de influencia na xestión. É dicir, que o investimento directo reflicte como obxectivo a obtención dun interese duradeiro por parte dunha entidade residente dunha economía (inversionista directo) nunha empresa que é residente noutra economía. O FMI recomenda empregar o 10 % como liña divisoria básica entre investimento directo e os coñecidos como investimentos en carteira, que teñen un carácter máis especulativo.
Cando se analiza o investimento exterior, emprégase habitualmente como indicador de medición o coñecido como Investimento Estranxeiro Directo (IED), tanto o recibido como o efectuado ao Resto do Mundo. Mais, por que é importante a medición do IED para unha economía, e para Galicia en particular?
Por unha parte, a libre circulación de capital permite que este poida procurar maiores taxas de lucro. Ademais de tributar nos países polas ganancias xeradas, o IED favorece a transferencia de tecnoloxía entre territorios e impulsa a capacitación dos empregados, alén de favorecer o desenvolvemento e promover a capacidade de recuperación tras as crises. Por outra parte, non esquezamos tampouco a relevancia da actividade exterior en economías como a galega.
O IED recibido en Galicia
O aumento do IED experimentado en Galicia no exercicio 2023 situouna como oitava autonomía no conxunto estatal, por enriba dos postos que viña ocupando en exercicios anteriores. Madrid (54,1 %), Cataluña (16,6 %) e a Comunidade Valenciana (11,7 %) lideran no conxunto do estado. Ademais da capital Madrid, son os eixos mediterráneo e norte os máis dinámicos.
Durante a última década (2013-2023), o IED na comunidade galega sumou 2.650 millóns de euros (IDEGA, 2024), con Portugal liderando a inxección de capital con ata 1.000 millóns de euros, e o sector industrial sendo o centro dos investimentos foráneos. Con todo, a evolución do IED amósase irregular no tempo en Galicia e dependente de investimentos puntuais. En concreto e para 2023, o IED recibido alcanzou os 421,62 millóns de euros. Destacou Chequia (63,9 %) cun forte investimento puntual (compra das plantas de Xealou por Energo-Pro), seguida polo Reino Unido (6,1 %), os paraísos fiscais (5,8 %), Alemaña (4,7 %), Xapón (4,0 %), Francia (2,6 %), Canadá (2,5 %), Suecia (2,5 %), Islas Vírgenes (2,2 %) e Portugal (2,2 %). Así, o IED recibido en Galicia non está moi diversificado, sendo irrelevante a captación de investimentos de economías emerxentes como China, Brasil, Sudáfrica, Rusia, India e Oriente Medio (BRICS), ou africanas e de Oceanía. Os datos para 2024 apenas alcanzaban os 100 millóns de euros recibidos a falta duns días para pechar o ano.
O IED efectuado desde Galicia
Madrid (65,9 %) lidera o volume de IED efectuado ao exterior en 2023, seguida polo Principado de Asturias (9,5 %), Cantabria (5,8 %), Galicia (5,8 %), País Vasco (5,2 %) e Cataluña (1,6 %), amosando unha forte concentración do capital no centro peninsular.
O IED efectuado por Galicia ao Resto do Mundo máis que duplicou nos últimos vinte anos. Mais esta evolución presentou oscilacións dependentes tamén de operacións particulares. Así, é posible observar como os datos actuais (1.448,6 millóns de euros, un 31,4 % menos que no exercicio previo) non difiren moito de valores como os acadados nos exercicios 2002, 2007, 2008 ou 2019. No caso galego, destacan como receptores EE.UU. (37,5 %), Canadá (26,9%), Luxemburgo (19,3 %), Irlanda (4,3 %), Nicaragua (3,6 %) e Reino Unido (3,2 %), entre outros. Así, son América do Norte e o centro de Europa os destinos preferidos, cun menor peso de Latinoamérica. Tampouco Asia, Oceanía, Oriente Medio ou África teñen relevancia como destino de investimento. O IED de Galicia no exterior descansa nas operacións do ladrillo efectuadas historicamente por empresas como Constructora San José, Grupo Puentes, Espina & Delfín e, nos últimos anos, Inditex a través de Pontegadea, o seu brazo no sector.
Detrás destas escollas do capital (IED) poderían situarse motivos como a aversión ao risco, a distancia xeográfica e a afinidade xeopolítica. En calquera caso, sería conveniente unha estratexia de longo prazo para a captación de investimento, con valores presentes como a sustentabilidade, e guiada por valores como o multilateralismo para non perder oportunidades no exterior.

