Levaba moito tempo sen facer declaracións, finalmente P. O´Neill asinou un manifesto publicado polo Republican News, deste xeito o IRA daba a coñecer a súa valoración sobre o momento actual do proceso de paz.
Mentres, Blair e Ahern volvían solicitar, e conseguir, a mediación do ex-senador demócrata norteamericano George Mitchell quen centrará as súa intervención en dúas cuestións: a formación do Goberno autónomo e os prazos para o desarme. De calquera xeito as conversas quedan pospostas para o mes de setembro.
A declaración do IRA asinada como é habitual por P. O´Neill centrase nos seguintes aspectos:
1º.- O proceso iniciado co acordo de Venres Santo foi minado, polos unionistas, durante estes quince meses. O último petardo imposibilitou a formación das institucións previstas, polo que as posibilidades de seguir avanzando no proceso téñense reducido moito.
2º.- Os dirixentes unionistas carecen de credibilidade e opóñense a un acordo democrático e pacífico.
3º.- O reponsable primeiro do fracaso é o goberno británico que volveu demostrar a falla de vontade política para imporse aos unionistas.
4º.- Lembran a súa contribución á distensión necesaria para a busca dun acordo.
5º.- Manifestan que os que solicitan a entrega das armas só pretenden conseguir unha "rendición" que non se vai producir.
6º.- Quen pode cambiar a situación é o goberno británico, xa que é a intromisión dos británicos nos asuntos irlandeses os que orixinaron o conflicto. Reparar o dano e dirixir o proceso actual cara un cambio real é responsabilidade do Goberno británico.
As reaccións ao comunicado de P. OâNeill non se fixeron esperar. Os unionistas tomárono como "unha ameaza e mostra da intransixencia dos republicanos", que non están dispostos a desarmarse. O negociador do Sinn Fein, Martin McGuinnes considerou que o escrito "era froito da frustración e da rabia producida polo estancamento do proceso de pacificación"e que agora ollaba moi difícil conseguir o desarme do IRA para maio do dous mil. Así mesmo Gerry Adams declaraba tras a reunión que mantivo co "premier" Blair que "o Sinn Fein non pretende ser o interprete dunha organización sobre a que non temos nin autoridade, nin control, nin responsabilidade".
Ao mesmo tempo os servicios de seguridade británicos informaron que carecían do mínimo indicio de que o IRA tivese pensado romper o alto ao fogo. Mentres tanto o xeneral canadense Chastelein como o mediador Mitchell amosáronse optimistas e consideraron factible o logro dos obxectivos de formación do goberno autónomo e o desarme para maio do dous mil.