O mar de Natuna forma parte da Zona Económica Exclusiva (ZEE) de Indonesia, o que implica que a xestión deste espazo, así como dos recursos que se atopan no mesmo —como a pesca— cae baixo a competencia territorial do goberno indonesio. As ZEE son un dos conceptos fundamentais do dereito marítimo, e unha das claves da problemática do Mar Meridional.
Porén, esta denominación —que en lingua bahasa é Laut Natuna— non está recoñecida por todas as partes, senón que se considera, simplemente, unha parte máis do Mar Meridional. É importante facer notar que este desacordo acerca da nomenclatura non modifica os dereitos territoriais que Indonesia ten sobre a área.
Dende o 2010, os incidentes entre China e Indonesia por intromisión nas augas territoriais indonesias aumentaron de forma exponencial, tendo coma protagonistas na maioría dos casos naves pesqueiras chinas que eran interceptadas pola garda costeira de Indonesia. A resposta do goberno chino era, en ocasións, o despregue dos seus propios corpos de seguridade, incrementando así a tensión na zona.
A importancia estratéxica do mar de Natuna reside na súa proximidade ao archi-coñecido estreito de Malacca, un accidente xeográfico que actúa como delimitación entre Malasia, Singapur e a illa de Sumatra (Indonesia). Por este estreito cruza unha gran parte do comercio marítimo a nivel mundial, polo que se denomina como “pescozo de botella”: que estea operativo é da máxima importancia para o normal funcionamento das cadeas de transporte comercial.
O ano 2020 viu un cambio de tendencia nos incidentes nas augas territoriais de Indonesia. O goberno de Iacarta está a realizar proxectos de extracción de recursos enerxéticos, para o que conta coa compañía petrolífera Premier Oil. Estas prospeccións incomodaron en grande medida a China, iniciando unha nova vagada de tensión diplomática entre ambos países.
A conflitividade no Mar Meridional nace a partires da concepción estratéxica china da Liña dos Nove Puntos, unha delimitación imaxinaria que atribúe a maioría das augas deste mar á soberanía de Beijing. Naturalmente, estas reclamacións por parte do xigante asiático levantaron requeimares entre outros países da rexión —especialmente, aqueles cuxas costas limitan coas augas do mar Meridional, e que verían afectados os seus dereitos sobre as ZEE—.
As actuacións que os distintos países teñen levado a cabo son moi variadas. Filipinas chegou a denunciar as actuacións de China sobre o Mar Meridional ante o Tribunal Permanente de Arbitraxe da Haia, o cal determinou en 2016 que os fundamentos das reclamacións territoriais de China eran nulos.
Por outro lado, Vietnam optou por poñer de manifesto o seu descontento coas intermisións de China con respecto ás prospeccións petroleiras que o goberno de Hanoi estaba a levar a cabo na súa ZEE. O enfrontamento entre China e Vietnam levou á empresa Noble Clyde Boudreaux a abandonar o proxecto debido á presión diplomática.
É posible que esta experiencia servira para que Indonesia modificase a súa estratexia para relacionarse con Beijing. Hai quen sinala a postura do goberno de Iacarta como “ambivalente” ou “variable”, pero o certo é que detrás das súas actuacións escóndese unha gran premeditación. Deste xeito, é posible afirmar que a política comercial entre ambos países crea fortes lazos económicos, e que Indonesia ten a necesidade de favorecer a China na busca do beneficio propio —en especial, tras os devastadores efectos da pandemia da Covid-19—. Porén, noutros asuntos, esta complicidade non está tan clara.
Segundo distintos analistas, Indonesia podería estar a xogar a carta do silencio naqueles temas nos que non está de acordo coas políticas seguidas polos chinos, optando por evitar a confrontación directa e, desta maneira, non caer nos erros de cálculo cometidos por algúns dos seus veciños. Pospoñer unha disputa implica que Indonesia podería continuar coas súas actividades no mar de Natuna por máis tempo, minimizando os riscos de intervención por parte de China.
Tras máis dunha década de conflitividade e tensións no mar Meridional, non hai visos de que a situación se poida resolver nun período de tempo inmediato. As diferentes políticas e estratexias adoptadas polos diferentes actores implicados pode facer máis complexo, se cabe, atopar una solución que satisfaga a todas as partes.

