20070921 mesa redonda fidel castro

O momento cubano

Apartados xeográficos América Latina ARCHIVO
Palabras chave Cuba
Idiomas Galego
 Fidel Castro; clic para aumentar
A conxuntura luce decisiva tomando en conta a recente declaración televisiva de Fidel Castro de "non querer aferrarse ao poder" e de dar paso a unha nova xeración de líderes que afronte o reto da dirección do país para os próximos anos. A comezos de decembro, Fidel anunciou a súa candidatura para a ANPP, aínda que nesta intervención televisiva explicou que a súa función será de "guía e conselleiro político". (Foto: Fidel Castro durante unha aparición no programa "Mesa Redonda" da televisión cubana, en setembro pasado).
 

Veñen tempos de definición para Cuba. O próximo 20 de xaneiro de 2008 ábrese o período de elección dos 614 representantes para a Asemblea Nacional do Poder Popular (ANPP), principal organismo lexislativo do país. Os seus membros estarán facultados para elixir o próximo 5 de marzo aos presidentes e delegados do Consello de Estado e de Ministros, principais órganos de dirección do país.

A conxuntura semella decisiva tendo en conta a recente declaración televisiva de Fidel Castro de "non querer aferrarse ao poder" e de dar paso a unha nova xeración de líderes que afronte o reto da dirección do país para os próximos anos. A comezos de decembro, Fidel anunciou a súa candidatura para a ANPP, aínda que nesta intervención televisiva explicou que a súa función será de "guía e conselleiro político".

Sexa ou non un amago de "despedida política", este anuncio esperta toda serie de especulacións no exterior sobre a apertura dunha próxima era en Cuba. Esta conxuntura non está exenta de leves tensións, principalmente en relación a EEUU, ante o anuncio do presidente George W. Bush, en novembro pasado, de non aceptar un "castrismo sen Castro" e de crear un "fondo de axuda para a transición".

A posición de Bush contrasta coas contadas declaracións públicas de Raúl Castro referidas a "abrir o diálogo"cara Washington, tomando en conta que no 2008 acabará a "era Bush" e o Partido Demócrata pode chegar á Casa Branca.

Neste contexto, un trazo distintivo da actualidade cubana está cifrado na súa aparente estabilidade. Existe consenso respecto á autoridade do actual "presidente en funcións", Raúl Castro, secundado por un cada vez máis activo primeiro vicepresidente Carlos Lage, de 51 anos, e unha dirección política colexiada que pode dar paso a esa "nova xeración de líderes" á que se refería Fidel.

Nestes novos liderados poderían emerxer figuras como Mariela Castro Espín, filla de Raúl e directora do Centro Nacional de Educación Sexual, e Carlos Lage Codorniú, fillo co primeiro vicepresidente e máximo dirixente da Federación de Estudantes Universitarios. Ambos veñen ocupando un determinado papel protagónico que pode incrementarse a medio prazo.

Ese nivel de estabilidade tamén ven fraguado polo notable panorama económico. Segundo cifras da Comisión Económica para América Latina (CEPAL), a economía cubana experimentou un crecemento do 7% en 2007, confirmando unha evolución positiva xa establecida co crecemento de entre un 10 e un 12% no 2006. A CEPAL e a Oficina Nacional de Estatística cubana coinciden en afirmar o espectacular crecemento do sector agrícola (22,6%), a pesar da forte caída na construción (-9%) e o estancamento do comercio.

A solidez da agricultura cubana pode explicarse polo énfase outorgado por Raúl Castro ao melloramento da situación do rural, sumamente afectada nos derradeiros anos. Paralelamente, as claves do crecemento da economía cubana tamén se explican pola ampla cooperación enerxética de Venezuela (92.000 barrís diarios a prezos preferentes) e o aumento do comercio bilateral con China, ambos países como principais socios comerciais cubanos.

Os procesos electorais de xaneiro e marzo de 2008 conformarán a próxima estrutura do poder político en Cuba, dirección que virá marcada polo proceso de debate público a nivel nacional centrado en "repensar o modelo socialista". Neste proceso participan órganos como a Xuventude Comunista e os Comités de Defensa da Revolución (CDR), a base social do Partido Comunista Cubano (PCC), auspiciados polo propio Raúl e as súas recentes "autocríticas" do sistema económico socialista.

O debate para "repensar o modelo" corre paralelo á apertura das relacións exteriores cubanas, principalmente de cara a España e a Unión Europea, que contemplan incluso un comité en materia de dereitos humanos. Paralelamente, un grupo de empresarios cubanos no exilio amosan unha actitude máis conciliadora de cara ao actual goberno cubano, a fin de propiciar unha "transición económica".

Apoiándose nesta baza exterior con España e a UE, Cuba non esquece que a súa primordial relación estratéxica hemisférica está totalmente cifrada en Hugo Chávez e na evolución da situación política venezolana. Recentes declaracións públicas tanto de Raúl Castro como de Carlos Lage ante a presenza de Chávez, confirman un "destino común" para ambos países.

Por estas e outras razóns de carácter histórico e cultural, Galicia debe ofrecer unha ollada aberta cara Cuba. A recente visita á illa caribeña do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño e a realidade que supón o protagonismo de Galicia na próxima Feira do Libro de La Habana, obrigan a centrar a atención no momento político cubano. Unha conxuntura que empezará a descifrarse a partir do próximo 20 de xaneiro de 2008.