Non deixa de ser relevante o contexto no que se inserta o acordo suscitado este fin de semana en Xenebra entre Irán e o G5+1 (EUA, China, Rusia, Francia, Gran Bretaña mais Alemaña) sobre o uso civil do programa nuclear iraniano, calculado este nun 5%. Este contexto, fraguado en gran medida polos recentes acontecementos en Oriente Próximo, explica a grandes resgos a razón estratéxica deste histórico e non menos incerto pacto nuclear.
Non deixa de ser relevante o contexto no que se inserta o acordo suscitado este fin de semana en Xenebra entre Irán e o G5+1 (EUA, China, Rusia, Francia, Gran Bretaña mais Alemaña) sobre o uso civil do programa nuclear iraniano, calculado este nun 5%. Este contexto, fraguado en gran medida polos recentes acontecementos en Oriente Próximo, explica a grandes resgos a razón estratéxica deste histórico e non menos incerto pacto nuclear.
En primeiro lugar, é indubidable que o mesmo non se alcanzaría sen un cambio de goberno en Teherán. A vitoria nos comicios presidenciais en xuño pasado do clérigo moderadamente reformista Hassan Rouhaní, así como a adopción dun estilo mais conciliador cara Occidente, particularmente en claro contraste coa permanente tensión do seu antecesor Mahmud Ahmadíneyad, identifica unha variable inicial que explicaría as razóns deste pacto en Xenebra.
Precisamente, o fortalecemento da posición política de Rouhani precisa unha atención primordial, precisamente porque suporía unha alteración no delicado equilibrio de poderes en Teherán. Con este pacto, Rouhani consolidaría o peso diplomático por riba da preponderancia dun sector duro, fraguado no poder da Garda Revolucionaria Islámica, celoso gardián do programa nuclear iraniano, así como dos sectores mais duros da teocracia.
Amparado polo apoio do Gran Aiatolá Alí Jamenei, está por ver a perdurabilidade deste peso político de Rouhani dentro da estrutura de poder en Teherán. Os actores de poder iranianos deberán así equilibrar o feito de que, a cambio de momentaneamente suspender as sancións económicas internacionais vixentes desde 2003, Teherán debeu aceptar como condición a eliminación dun 20% do uranio enriquecido nas súas centrais nucleares.
En segundo lugar, e diametralmente consecuente con esta primeira variable, está a posición de Barack Obama, particularmente a tenor dos recentes acontecementos tanto en Oriente Medio como no seu propio país. O absoluto descrédito da política exterior estadounidense en Oriente Próximo, lastrada por ambigüidades e dobres varas de medir que implican unha notoria perda de iniciativa para Washington, determinan unha variable sumamente importante á hora de medir a importancia estratéxica para Obama deste pacto nuclear con Irán.
Neste sentido, é a xeopolítica a que explica os alcances deste acordo. A inicial ambigüidade estadounidense ante o golpe militar en Exipto, posición finalmente desprazada coa recente visita do Secretario de Estado John Kerry ao Cairo como evidente medida de lexitimación da xunta militar golpista e, principalmente, a errática posición de Obama na guerra de Siria, exemplificada no fracaso dunha intervención unilateral finalmente evitada pola eficaz diplomacia rusa no cometido de influír no réxime de Bashar al Asad á hora de someter a vixilancia internacional o arsenal químico sirio, son factores que explican porqué Obama precisaba un “golpe” diplomático efectivo en Oriente Próximo. A carta, por tanto, estaba concentrada en Irán e nas potencialidades de iniciar un histórico achegamento a través de Rouhani.
Era, por tanto, cuestión de tempo para Obama a perspectiva de alcanzar un “desxeo” nas relacións entre Washington e Teherán. A conversa telefónica entre Obama e Rouhani en setembro pasado, no marco da preparación da Asemblea Xeral da ONU, así como a posterior reunión en Nova York entre Kerry e o ministro iraniano de Exteriores, Mohamed Javad Zarif, no marco dunha reunión do G5+1, son contactos históricos que abriron o camiño para este acordo pactado en Xenebra.
Para Obama, o mesmo significa recobrar a iniciativa diplomática nunha rexión onde a súa influencia semella minguar, lastrada por un contexto de ambigüidades, contradicións e inesperados acontecementos que definen unha sutil perda de persuasión por parte de Washington. A consecuencia, este pacto con Irán ralentiza momentaneamente a presión dos sectores republicanos ante o default fiscal no Congreso, toda vez está por ver cal será a capacidade de presión dos “falcóns” e do lobby israelí en Washington.
Precisamente, un actor indirectamente involucrado neste contexto é Israel, cuxos dilemas intensifícanse ante este “espaldarazo” de Obama a Irán, especialmente no relativo á momentánea suavización das sancións internacionais que están fracturando a economía do país persa. Tan evidente como a necesidade imperiosa dun pacto con Irán que revitalizara a posición estadounidense, era visto que o primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu ía reaccionar con virulencia, considerando este acordo como un “erro histórico”.
A atomización israelí ante os recentes acontecementos na rexión evidencia unha sensación de illamento para Tel Aviv, levemente aliviada polo golpe militar en Exipto. Israel analiza o pacto nuclear de Xenebra como un “fortalecemento” da posición xeopolítica de Teherán, perspectiva compartida por inesperados “aliados” dentro do mundo árabe como Arabia Saudita e Qatar, igualmente preocupados por esta “válvula de osíxeno” estadounidense cara Teherán. No centro de atención está o feito de que o pacto de Xenebra practicamente recoñece o lexítimo dereito iraniano de posuír un poder nuclear de carácter civil, evitando así desmantelar as súas centrais nucleares, en particular as de Natanz, Isfahán, Arak e Bushehr .
Precisamente, o súbito distanciamento de Washington cara os seus tradicionais aliados na rexión, sendo estes principalmente Israel, Arabia Saudita e Qatar, entre outros, pode explicar porqué Obama decidiu xogar con forza a carta iraniana(1). Posición que se intensifica ante o igualmente notorio distanciamento de Turquía, país estratéxico para Washington e a OTAN, e que nos derradeiros tempos activou unha inédita política de achegamento con Teherán. Por tanto, este pacto de Xenebra supón un sutil “toque de atención” de Washington cara as pretensións dos seus tradicionais aliados xeopolíticos na rexión, desprazando esa perspectiva que explicaría a aparentemente inalterable “influencia israelí” na política exterior estadounidense en Oriente Medio, así como un toque de presión de Washington cara a incidencia dos intereses sauditas e qatarís en escenarios tensos como Siria e Exipto.
Se ben o pacto de Xenebra corresponde a un resultado “suma variable” de ganancias para Obama e Rouhani, a atención enfócase agora na súa influencia na eventual reconfiguración xeopolítica de Oriente Próximo, así como nas negociacións sobre a proliferación nuclear, especialmente en contextos tensos como Corea do Norte, India, Paquistán e inevitablemente na percepción non oficializada sobre o programa nuclear israelí.
Con todo, Obama e Rouhani selaron en Xenebra un pacto histórico de proporcións sumamente estratéxicas e que inevitablemente gravitarán como referencia na eventualidade de observar posibles signos de apertura diplomática entre Washington e Teherán, radicalmente rotos desde o triunfo da revolución iraniana en 1979.
(1) Unha radiografía das recentes friccións entre EUA, Arabia Saudita, Qatar e Israel a tenor dos recentes acontecementos en Oriente Medio, en particular co respecto a Exipto, Siria e Irán, pode consultarse no artigo de MANSILLA BLANCO, Roberto: “A ‘orientalización” de Oriente Medio”, IGADI e Praza Pública, 6 de novembro de 2013. Ver en: http://www.igadi.org/web/analiseopinion/a-orientalizacion-de-oriente-medio