Óscar González xunto ao lenzo “A derradeira leición do mestre” pintado por Castelao en memoria de Alexandre Bóveda, asasinado polo franquismo.

Especial Ano Castelao (XIII) O PSOE de Arxentina reivindica a Castelao porque “encarna como ninguén a personalidade propia e distinta de Galicia” Entrevista a Oscar González

En Arxentina teñen representación a maioría dos partidos políticos españois e galegos. A súa actuación é fundamental para defender os dereitos de miles de cidadáns que viven no país austral, cada vez máis, con pasaporte arxentino e español. O último censo de residentes ausentes contabilizou para Galicia unhas 500.000 persoas con dereito ao voto. A partir da Lei 20/2022 de Memoria democrática, uns 175.000 descendentes xa teñen accedido á nacionalidade só en Arxentina, e outros 200.000 agarda a resolución do seu expediente, o que representa o 40% do total de solicitudes en todo o mundo. Que pensan, como actúan e como organizan institucionalmente esa representación dos partidos políticos na emigración será cada vez máis relevante e decisivo no peso e consideración política da Galicia universal.
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Palabras chave Arxentina Ano Castelao

Oscar González é xornalista e avogado. Foi deputado nacional, secretario de Relacións Parlamentarias durante o Goberno de Cristina Fernández, é un dos principais referentes do socialismo no país e é presidente da Comisión Xestora do PSOE-Arxentina. Reivindica a figura de Castelao como o mellor representante da alma galega.

Por que apoiou a iniciativa a prol de recoñecer a Castelao como primeiro presidente de Galicia?

O apoio á iniciativa de recoñecer a Castelao como primeiro presidente de Galicia, máis aló das polémicas historiográficas, expresa a reivindicación histórica de quen con maior precisión e consistencia sostivo a defensa da identidade e da cultura galegas e levou á práctica as accións que, no seu tempo e circunstancias, denotaron ese propósito. Sexa na súa obra artística e literaria como nos seus discursos políticos e construcións organizativas, tanto no país coma no desterro, viviu para e por Galicia, os dereitos do seu pobo e a defensa da súa lingua e a súa idiosincrasia.

Que opina do acto de recoñecemento organizado polo Parlamento Galego en novembro de 2024 para homenaxear a figura de Castelao?

O recoñecemento do Parlamento de Galicia á figura de Castelao é un exercicio de lexitimación política fronte á inexorable importancia histórica da súa acción en todos os planos: artístico, literario e político. Particularmente, ese recoñecemento reivindica a quen foi unha figura central na preservación, desenvolvemento e consolidación da identidade política, social e cultural galega. É a admisión colectiva de todas as forzas políticas, máis alá de desexos e simpatías, a quen encarna como ninguén a personalidade propia e distinta de Galicia, a cultura galega en na súa máis alta expresión e un sistema de pensamento que describe e reflicte a alma galega.

Que expectativas ten sobre a designación de 2025 Ano Castelao por parte da Xunta de Galicia?

O Ano Castelao é a manifestación desa ineludible reivindicación. Non conta se na súa promoción hai algunha intención de utilización sectorial ou partidaria: a figura do autor de Sempre en Galicia excede todas esas cuestións.

Por que cree que os grupos parlamentarios da Cámara Galega non apoiaron en xaneiro o recoñecemento oficial de Castelao como primeiro presidente de Galicia, presentado polo Bloque en base a iniciativa do Partido Galeguista e das entidades de emigración do Rio de Prata?

O debate parlamentario sobre a “oficialización” da calidade de primeiro presidente de Galicia, na miña opinión persoal, respondeu á aplicación de certa lóxica xurídica sobre a natureza do Consello de Galicia, un pouco as puxas políticas e tamén reflexa lexítimos matices en materia de interpretación histórica. Hai que ter en conta que asignar a calidade de primeiro presidente de unha autonomía ten unha densidade política e unha carga simbólica que irradia fortemente sobre a actualidade e, por tanto, suscita conflito.

Vai a súa entidade facer algunha programación especial con motivo deste ano Castelao?

Os militantes do PSOE Arxentina participamos das accións das diversas institucións da emigración. Particularmente, na miña condición de integrante do Centro Betanzos, das presentacións levadas a cabo ata o de agora e do inminente Festival de Teatro.

Que pensa que diría Castelao se estivese agora aquí?

Sen apelacións contrafácticas, só con lembrar os escritos e discursos de Castelao –en particular os agrupados en Sempre en Galiza e o seu clásico Alba de Gloria, estaría preocupado polo avance dos discursos de odio en España ( e na Arxentina, que o acolleu fraternalmente como desterrado). Escoitariámolo defendendo a pluriculturalidade, o pluralismo democrático, os dereitos dos sectores máis desfavorecidos e a loita en defensa da lingua e das tradicións do pobo galego, en harmonía co resto de España.

Un desexo para este ano, para os que formamos esta Galicia Universal?

A aspiración é que as e os galegos que vivimos fóra dos límites da nosa xeografía, disfrutemos tamén dos avances sociais e económicos que está vivindo España. Que a emigración sexa considerada parte inescindible da sociedade española, que poda consolidarse a nosa cultura propia e orixinal, sobre todo a lingua. A fin dos discursos de odio e a convivencia harmónica de todas as expresións políticas democráticas. Fortalecer a unidade entre os pobos da península e os vínculos coa emigración, particularmente, a transatlántica, verdadeira reserva cultural da galeguidade. Nesa conxuntura a nosa decisión é acompañar as políticas públicas españolas de defensa da paz, vixencia dos dereitos humanos en todo o mundo e, en particular, una actitude solidaria para cos inmigrantes que chegan ao territorio buscando as mesmas oportunidades que encontraron os nosos maiores en países como Arxentina.

Gonzalez Mogo 1
González xunto ao secretario do PSOE Exterior, César Mogo Zaro, en Buenos Aires.
Gonzalez Castelao
O presidente da Comisión xestora do PSOE Arxentina xunto ao busto de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no Centro Galego de Buenos Aires.