Novamente, o Consello de Seguridade de Nacións Unidas terá que pronunciarse sobre a prórroga da MINURSO. Hai uns días, Kofi Annan, nomeou ao xeneral húngaro Gyorgy Zarza, novo comandante desta forza que será efectivo a partir do 11 de agosto, en tanto o mandato se estenda. No fondo dos debates, un posicionamento cada vez máis decantado entre os partidarios dunha autonomía baixo soberanía marroquí e a aposta, tradicional e vixente na ONU, por impulsar un referendo de autodeterminación que abra o camiño para o establecemento dun novo Estado no Norte de África.
Por primeira vez, debido á coincidencia no tempo co contencioso da illa de Taura, o contencioso saharauí pivota expresamente todo o elenco de relacións Madrid-Rabat, en especial o futuro de Sebta e Mélilla e outros territorios sometidos á soberanía española (as illas Chafarinas, de Al Hoceima…).
Pero o asunto de fondo non é, non debería ser, outro que a culminación da descolonización do continente africano, un anacronismo histórico que tarde ou cedo haberá que enfrontar. A fin de contas, non o esquezamos, Sebta e Mélilla veñen sendo unha especie de Hong Kong e Macao en terras norteafricanas. Pero non son as únicas: a illa de Comores (Mayotte) é territorio de ultramar francés, como a illa de Reunión ou de Diego García, reclamada pola Illa Mauricio aos americanos. Mesmo habería que falar das Illas Canarias.
A Unión Europea e a Unión Africana deberían impulsar unha reflexión de conxunto sobre este proceso, unha reflexión seria, que evite episodios como o de Taura, auténtico iceberg que agocha todo ese panorama de tarefas históricas incumplidas, e que se aborden de xeito peripatético: corre o rumor de que a retirada do embaixador de Marrocos en Madrid en outubro de 2001 tivo a súa orixe nun tratamento “indecoroso” nas noticias do Guiñol de Canal Plus…
Se España impulsa a solución do contencioso de Xibraltar, cunha razón difícil de negar, quizáis chegue a hora tamén de impoñer menos visceralidade e patriotismo enganoso, para non interrumpir procesos históricos e gañar o futuro conforme ás pautas dun novo tempo. Desa nova ola descolonizadora, a derradeira deste continente, non podería estar ausente o Sáhara Occidental, territorio que Rabat en ningún caso pode anexionar, negando o exercicio do dereito democrático de libre autodeterminación do pobo saharauí.