200602cabo verde pedro pires campanha electoral

O voto da diáspora

 Pedro Pires, clic para aumentar
Nas recentes eleccións presidenciais celebradas en Cabo Verde, volveu gañar Pedro Pires, un dos referentes da independencia e compañeiro de armas do mítico Amílcar Cabral. Outra vez, Pires logrou a vitoria por moi pouca marxe de votos, e novamente foi decisivo o voto da diáspora caboverdiana. (Foto: Pedro Pires nunha visita ás illas de Fogo e Brava durante a campaña electoral).
 

Nas recentes eleccións presidenciais celebradas en Cabo Verde, volveu gañar Pedro Pires, un dos referentes da independencia e compañeiro de armas do mítico Amílcar Cabral. Outra vez, Pires logrou a vitoria por moi pouca marxe de votos, e novamente foi decisivo o voto da diáspora caboverdiana. Foron maiormente os emigrantes presentes en América e en África, non así en Europa, quen decantaron o resultado en favor do actual presidente da República. No arquipélago resultou gañador o seu rival, Carlos Veiga, cunha abstención do 46,9% e unha marxe no seu favor de 480 votos máis que Pedro Pires. Pese ao axustado reconto, a ninguén se lle ocorre por iso reclamar a supresión do dereito de sufraxio dos emigrantes. Esa asunción natural e non cuestionada da participación electoral da diáspora quizais estea relacionada co feito de que Cabo Verde teña este asunto máis e mellor resolto ca nós. O feito de existiren circunscricións específicas e regradas as adecuadas garantías para o exercicio do dereito de sufraxio, facilita que o debate se insira noutras cuestións de maior calado.

Nun tempo en que as migracións semellan ser un dos trazos singulares do mundo en que vivimos pero onde tamén o desenvolvemento das comunicacións permite un seguimento moi actualizado da evolución dos países de orixe, a fixación de fórmulas que permitan a súa integración nas dinámicas de relacións dunha sociedade mundializada constitúe un dos desafíos clave para o inmediato futuro. Tamén para Galicia, claro está. Por iso, resulta importante comprender que este non é un debate exclusivamente galego, senón universal, e cómpre coñecer as experiencias comparadas que puideran existir, a fin de acertar na fórmula elixida para superar a fase de instrumentalización da diáspora e aventurarse na súa incorporación como suxeito activo da nosa paradiplomacia. Algo queda feito, nese sentido, no último número da revista Tempo exterior, onde se reflicten estudos relativos ao caso israelí, portugués, mexicano, caboverdiano ou italiano. Trátase dunha pequena mostra que evidencia ás claras cal é a tendencia principal nos países cunha certa tradición migratoria e unha presencia activa e bastante integrada nas sociedades de acollida.

Importa racionalizar debidamente este asunto para evitar que xurdan incomprensións. Contar cunha diáspora é contar cun capital humano relacional de enorme valor que pode facer avanzar a universalización de Galicia proporcionando a todos mais progreso e benestar.