O “X” da Operación Cóndor

Apartados xeográficos América Latina ARCHIVO
Idiomas Galego

O mediático e prolífico xuíz Garzón adoita utilizar, como sistema de traballo, un virtual organigrama no que vai colocando as xerarquías é vínculos entre os compoñentes das heteroxéneas tramas que investiga: terroristas, narcotraficantes, xenocidas ,etc; no cumio sitúa o enigmático "X" que lle da coherencia á hipótese.

O seus esforzos diríxense, neste momento, a desentrañar a Operación Cóndor, na que durante a década dos 70 se planificou de xeito coordenado a sistemática limpeza das oposicións ás xuntas militares que gobernaban o Cono Sur.

O papel estelar da coordenación, da quirúrxica acción, asumiuno o golpista Pinochet, quen dirixiu a conexión da axuda mutua entre réximes militares, para sacudirse aos opositores e para erixirse no primeiro gran vencedor do comunismo, antes da caída do muro de Berlín.

Os documentos secretos desclasificados hai dous meses nos EEUU, polos que suspira Garzón e sobre os que 36 congresistas demócratas presionan para a súa entrega ao xuíz, apuntan directamente a Pinochet, con probas que o implican directamente no xenocidio.

Por moi alto no organigrama que estea o xeneral(r), tal como denominan os xornais chilenos ao senador vitalicio, aínda queda un último chanzo para chegar o "X". Enriba, coa discreción de quen non se sinte obxecto da atención do mundo, está o goberno republicano de Richard Nixón, e o eficaz Henry Kíssinguer, quen deron instruccións á CIA para que tomase as medidas tendentes a impedir a chegada ao poder dos socialistas. Cando as urnas lexitimaron no poder a Allende a orde foi máis concisa e fría "salvade Chile".

Dende a atalaia norteamericana banalizouse posteriormente a dictadura, mentres galopaba a súa americanización, mesmo cunha maior presencia do inglés no sistema educativo. Na nova perspectiva había que esquecerse dos Andes e proxectarse cara ao norte. A economía fíxose paseniñamente cada vez máis dependente dos intereses dos nortemericanos.

Á sombra da "pax romana, manum militaris" afluíron abondosos recursos financeiros, provenientes en boa parte do lavado dos narco-dólares, para investir en empresas nas que reivincacións sobre as condicións de traballo ou de salarios eran atenazadas polo medo. A florecente economía do país valeulle o alcume de o "Xaguar" de Latinoamérica..

Quizais por todo isto o Goberno de Washintong non se atope demasiado incómodo co deterioro das relacións entre Chile e Europa, xa que nos últimos anos amosábase preocupado polo marxe de autonomía que estaba a acadar o Mercorsur,co que Chile e Bolivia asinaron un acordo marco o 1/1/95.

Esta área comercial emerxente dotada de personalidade xurídica internacional, fechou un tratado comercial coa Unión Europea, que inagurou a cooperación formal entre dúas unións aduaneiras, por primeira vez na historia. Neste contexto W. Clinton non dubida en reactivar vellos litixios en sudamérica, ao propoñer a Arxentina un estatuto de aliado excepcional provocando, posiblemente, unha carreira de armamento no cono sur, polas desconfianzas espertadas en Chile e Brasil.

Se se pretende consolidar un espacio económico de libre comercio en toda América a partir do 2005, non veñen nada mal as novas tensións e desconfianzas mutuas destapadas polo apoio chileno á coroa Británica na guerra das Malvinas, nin as últimas tiranteces entre dous membros da Unión Europea cun aliado cualificado do Mercosur.