20081015 bruselas foto de grupo consello europeo

O xenocidio financeiro

Apartados xeográficos Otros ARCHIVO
Idiomas Galego
 Consello europeo, foto de grupo; clic para aumentar
O consello europeo do mércores 15 de outubro, coa presenza dos 27 países europeos, criticou as normas contables en vigor en Europa como un handicap, que debe ser revisado. É dicir, refundar o sistema financeiro internacional, como no 29, pero esta vez con grandes titulares para reconstruír a confianza perdida. En breve, "Refundar o capitalismo" e pasar páxina. Nada novo.
 

Din nos libros de historia, que un "xoves negro", o 24 de outubro de 1929, se produciu unha crise que precipitou a expansión do pánico e comezou unha recesión económica dunhas consecuencias sen parangón nos países industrializados. Houbo mesmo quen se guindou polas fiestras, como no 11S, tralo desastre.

Agora hai xa un ano que crebou Northern Rock no Reino Unido, que foi nacionalizado, como acontecerá con AIG, Lehman Brothers, Dexia, Fortis, Hypo Real State… Pero aínda non vimos suicidios, nin liortas, senón festexos e plans de salvamento de bancos en quebra á conta do peto público.

Nós non vivimos a experiencia vital, nin mesmo os máis vellos de entre nós teñen suficiente memoria histórica para saber qué aconteceu no famoso crack do 29. Sobradas son por tanto as comparacións desatinadas entre as distintas crises históricas.

Quedan non obstante, unha morea de preguntas no aire, sen responder. Se a crise ten orixe americana, faranse responsables de arranxala dende ese continente? Se o que se vendeu eran paquetes de produtos financeiros en mal estado, é dicir, produtos fraudulentos, onde están agora as axencias de rating especializadas coas súas famosas AAAs? Que foi dos acordos de Basel II? Non se pretendían crear uns estándares para maior seguridade? Tamén o crack do 29 levou ao establecemento de reformas financeiras e novas regulamentacións, que se converteron en punto de referencia… Como é que ninguén sabía nada do que estaba a acontecer? Ou era todo un segredo a voces? Tal vez habería que pensar en fundar un tribunal internacional de Wall Street para buscar responsables do xenocidio financeiro…

Visitando as hemerotecas vemos que hai uns anos a liberdade de mercado era a panacea. Agora Sarkozy, como quen non ten nada que ver, reúne os líderes europeos "todos igual de responsables por contubernio" en París e fala de poñer normas (e cartos) fronte aos mercados desregulamentados que antes tanto loaron. En definitiva, a desorde ten unha orixe única e americana, e a solución ten que ser común tendo en conta a flexibilidade estatal europea para a adopción de medidas específicas.

O consello europeo do mércores 15 de outubro, coa presenza dos 27 países europeos, criticou as normas contables en vigor en Europa como un handicap, que debe ser revisado. É dicir, refundar o sistema financeiro internacional, como no 29, pero esta vez con grandes titulares para reconstruír a confianza perdida. En breve, "Refundar o capitalismo" e pasar páxina. Nada novo.

En canto ás responsabilidades, sábese que a crise naceu perversa nos EEUU, e váiselle preguntar aos americanos se queren participar nunha reunión mundial para reforzar o sistema financeiro. Os servos europeos reconstrúen o que unha vez máis destrúen os americanos, e esta vez sen bombas. Pero quen lles vai esixir responsabilidades e compensacións? Para buscar responsables da crise só hai que ver eses grandes titulares nos xornais do pasado, falando da liberdade de movementos de capitais, nos que todo eran gabanzas e piropos para os consellos directivos das empresas implicadas e os políticos que achandaron o camiño. Tampouco é tan complicado.