Golpe en Honduras, bases estadounidenses en Colombia, polarización en Venezuela. O proceso revolucionario de Hugo Chávez e a súa ampliación rexional a través da ALBA entran nunha fase acelerada de cambios internos e externos que afondan a complexidade do seu panorama a mediano e curto prazo.
Cumpre así considerar diversas variables dentro do contexto xeopolítico latinoamericano a tomar en conta para os futuros pasos de Chávez e do proxecto elaborado na ALBA. Variables esgrimidas recentemente, en clave crítica e suxerente, polo seu ex mentor Heinz Dieterich, ideólogo do Socialismo do Século XXI que adopta Chávez como matriz do seu proceso revolucionario.
O “segundo golpe” hondureño
Segundo Dieterich, Chávez enfróntase a unha fase acelerada en contra da súa revolución claramente deseñada polo eixe xeopolítico identificado en torno a Washington e Bogotá. O golpe hondureño, fabricado como reacción á presunta influencia de Chávez e do ALBA, así como a ambigua posición estadounidense nese escenario, incrementan unha sensación de polarización hemisférica que, independentemente da súa evolución, obstaculizará a política rexional de Chávez, incluso medindo as súas consecuencias dentro do escenario venezolano.
Co paso do tempo redúcense as alternativas de solución da crise hondureña, explicadas en torno á restauración do presidente lexítimo Manuel Zelaya. A estratexia de contención ao “chavismo” adoptada polos golpistas hondureños e a solapada “ambigüidade” de Washington, manifesta unha estratexia de “gañar tempo” de cara ás eleccións presidenciais hondureñas de outubro próximo, cun Zelaya fora de xogo e con candidatos “domesticados” pero atenazados pola convulsión interna, que da conta dunha represión oficial aínda incalculable.
A posición do presidente interno Roberto Micheletti de retirar a Honduras do ALBA supón así un serio revés xeopolítico para Chávez, tanto como a ineficaz reacción deste organismo para previr e responder ante o golpe de Estado, elementos que poden explicar a falta de concreción de medidas de anticipación a crises similares e dunha perda de iniciativa por parte de Chávez.
Identificando aos actores que fracasaron nesta estratexia de anticipación, especificamente dentro dos centros de intelixencia do “chavismo”, Dieterich critica esta falta de previsión en materia de intelixencia estratéxica por parte de Chávez ou, máis ben, dos seus asesores.
O eixe Washington Bogotá-Brasilia
Non obstante, alén das análises e advertencias de Dieterich, o contexto xeopolítico afirma a consolidación do eixe EEUU-Colombia en torno ás bases militares estadounidenses nese país, con claras perspectivas de illar os movementos de Chávez e os seus aliados.
Fracturar o equilibrio militar e xeopolítico, manifestando un eixe de contención do ALBA na rexión andina e sudamericana, deixaría un mapa desintegrado, con EEUU, Colombia, Perú e, indirectamente, Brasil, xogando cartas que afectarían á consolidación do eixe do ALBA, manifestado en torno a Venezuela, Ecuador e Bolivia.
A evolución dos procesos de cambio en Bolivia e Ecuador e as eleccións presidenciais peruanas de 2011 suporán momentos clave para medir os alcances deste escenario contrario aos intereses de Chávez. Igualmente, a presión de Washington e da OEA cara o goberno ecuatoriano de Rafael Correa para diminuír o nivel de conflitividade con Bogotá, suporía desestabilizar, aínda que pode moderadamente, o eixe do ALBA.
Neste apartado, cumpre considerar os movementos do presidente colombiano Álvaro Uribe Vélez para afrontar unha segunda reelección no 2010. A falta da decisión legal emanada do Tribunal Constitucional colombiano e da posibilidade de celebrar un referendo consultivo sobre este tema, a concreción do pacto militar con Washington acrecenta as posibilidades (xa de por si elevadas) de reelección de Uribe.
Este escenario completaría un proceso concibido ata o 2014 que permitiría a Uribe asegurar a derrota militar das FARC, a súa eventual domesticación dentro do establishment político interno e a consolidación das bases estadounidenses que propicien a “tenaza” cara Chávez e o ALBA.
Chávez tentará neutralizar estes movementos cunha ampliación substantiva do seu acordo militar con Rusia, a fortalecerse en setembro próximo durante a súa visita a Moscova. Achegarse a Rusia suporía para Chávez o escenario máis real e posible para contrarrestar este desequilibrio militar traducido no pacto Washington-Bogotá.
O outro aliado externo de Chávez, Irán, país que tamén visitará o mandatario venezolano tras estar en Moscova, atópase parcialmente paralizado, tomando en conta a convulsión interna post-electoral e as presións externas e dentro do goberno de Mahmud Ahmadíneyad, aparentemente con fisuras establecidas polo alcance da represión en Teherán contra os sectores reformistas opositores.
Pola súa banda, Washington e Bogotá confiarían na consolidación de Brasil como o vértice diplomático e, posiblemente, militar, que confirme unha estratexia de contención cara Chávez. O ascenso brasileiro no escenario global traduce a vontade de Brasilia de erixirse como a potencia hemisférica tras Washington.
Os recentes acordos enerxéticos e de propiciación dun área de libre comercio entre Brasil e México calculan os pasos desa estratexia, aínda que o panorama interno brasileiro estará moi influído polas eleccións presidenciais previstas para outubro de 2010.
Con Lula constitucionalmente impedido para presentarse a outra reelección, o pulso político interno pode evidenciar o triunfo da centrodereita brasileira, á espera dunha reacción política do gobernante PT e dos partidos de esquerda, moitos deles simpatizantes con Chávez.
Duras eleccións para Chávez
Un terceiro escenario leva directamente á situación interna venezolana, especialmente ante a recente aprobación da Lei de Educación, que os sectores opositores a Chávez acusan de propiciar, presuntamente, a “ideoloxización socialista” da educación venezolana.
Nos dez anos de goberno de Chávez, o sector educativo amosou un escenario de grandes contrastes: baluarte das eficaces misións de alfabetización de Chávez que incrementaron o seu apoio popular, o control da educación erixiuse como un eixe de polarización acentuado, especificamente cos sectores de clases altas e medias e a Igrexa católica, con determinadas derrotas tácticas para o “chavismo” á hora da ampliación e aplicación final da súa proposta educativa.
A lei recentemente aprobada e paralizada tras nove anos anuncia fortes mobilizacións sociais e momentos de maior tensión no panorama político venezolano a curto e mediano prazo, todo isto medido dentro dunha conxuntura pre-electoral de cara ás eleccións lexislativas de decembro de 2010 e as municipais e presidenciais de 2012.
Se ben Chávez consolida un maioritario apoio popular e segue a manter firmemente a iniciativa política no país, os pasos a seguir no afondamento da revolución bolivariana e socialista poden fracturarse na medida que os sectores opositores e a presión de illamento dende Washington asenten unha reacción tecnicamente máis elaborada: afondamento da crise económica, folgas e mobilizacións reaccionarias que propicien situacións de tensión nas Forzas Armadas, no goberno e dentro do Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV).
Dieterich advirte dun escenario aínda máis convulso en Venezuela para o 2010, como epicentro da polarización hemisférica que pode “pasar factura” electoral ao propio Chávez, incluso atrevéndose a prognosticar derrotas electorais para o chavismo no 2010 e 2012. Igualmente, entre 2010 e 2011, América Latina presenciará importantes eventos electorais (Colombia, Nicaragua, Perú, Brasil, etc) que definirán varios escenarios actualmente en curso.
Concentrado en asegurar un “punto de non retorno” para o seu proceso revolucionario, os escenarios para Chávez afrontan unha serie de retos que acrecentan os dilemas. Anúncianse así tempos convulsos e de definición para o modelo socialista e bolivariano.