“Ninguém ouviu um soluçar de dor no canto do Brasil”. Eternizada na voz da cantante Clara Nunes, a canción “Canto da Três Raças” expresa na súa letra unha visión dun Brasil menos alegre e cohesionado socialmente que aquela imaxe carnavalesca e bohemia que o país por moitas veces exporta e parece ter no seu inconsciente o constante desexo de manter. Repasando o sufrimento de indíxenas e dos negros escravizados en Brasil, a canción é clara ao afirmar que si, ese pobo canta, pero o seu cantar é un cantar de dor.
“Ninguém ouviu um soluçar de dor no canto do Brasil”. Eternizada na voz da cantante Clara Nunes, a canción “Canto da Três Raças” expresa na súa letra unha visión dun Brasil menos alegre e cohesionado socialmente que aquela imaxe carnavalesca e bohemia que o país por moitas veces exporta e parece ter no seu inconsciente o constante desexo de manter. Repasando o sufrimento de indíxenas e dos negros escravizados en Brasil, a canción é clara ao afirmar que si, ese pobo canta, pero o seu cantar é un cantar de dor.
Nese sentido, a cerimonia de abertura das Olimpíadas de Río e súa repercusión e efectos internos non parecen ser tan ben comprendidos se seguimos apenas as liñas dos principais periódicos europeos que resaltaron ora o xusto custe da celebración ou a sorpresa, e consecuente alivio, de realizar unha festa a altura deste grande evento internacional.
A suposta “paz olímpica”
Por outra banda, tamén foi destacada a potencialidade do evento en unir un pobo dividido polos recentes acontecementos políticos. Entre tanto, compre polemizar con algunhas destas afirmacións e considerar algúns dos efectos e símbolos que poden ser relacionados de maneira máis ampla – incluso cun pasado máis distante - que nos apunten un escenario moi diferente deste trazado pola prensa dun momento de suposta “paz olímpica”.
Primeiramente, é interesante lembrar o humor psico-político do pobo e goberno brasileiros en 2009, cando foi anunciada a vitoria de Río como cidade sede. Eliane Brum, columnista do xornal El País Brasil, fai unha brillante análise nese sentido, ao retomar o discurso do entón presidente Lula da Silva. Segundo Brum, as principais imaxes expostas por Lula son: 1) Brasil coa realización dos xogos pasara de ser un país de segunda clase para ascender á primeira; 2) o país ascendería economicamente á quinta economía do mundo (“non é, Meirelles”?); 3) é realizada unha serie de mencións sobre o que é o pobo brasileiro e por que a realización das Olimpíadas enchería o pobo de orgullo. Sempre válido resaltar que as afirmacións do entón presidente non eran descoladas do contexto social e económico, naquel momento, o país do futuro non só parecía ser posíbel, se non que estaría acontecendo.
Como demostra a autora, o 2016 chega e “o país do futuro” parece non haber acontecido segundo as previsións do antigo mandatario nacional, que incluso agora é reo no proceso da Lava Jato. Brum, días antes da cerimonia da abertura, expón un país a revélea do panorama trazado por Lula, e ademais: nunha profunda crise de identidade, é dicir, o pobo brasileiro chegaría ao grande momento sen saber cal é súa imaxe propia a ser transmitida... Coa queda do proxecto de Lula, Eliane Brum, así como moitos avogan actualmente, defende a idea de que o fallo do goberno “petista” demostra a imposibilidade dun pacto social, unha conciliación de clases, que realmente altere as condicións sociais do país nun sentido progresista. A elite económica sempre regresa. Sen tocar en seus privilexios, non hai progreso.
De acordo coa visión da columnista en moitos sentidos, sobre todo en relación ao constante complexo de vira-lata brasileiro, como se o dito mundo desenvolvido tivera moito que dicir nese momento, o que Brum non previu foi o efecto catarse da cerimonia no pobo brasileiro. O espello da dúbida nese momento parece ter se quebrado, e de certas forma, volvemos ás vellas certezas. Aínda que moito eloxiada en varios sentidos, como a inclusión de persoas transexuais no evento, unha emocionante interpretación do himno brasileiro por Paulinho da Viola e o canto de Elza Soares, representante das mulleres negras deste país, o“mesmo Brasil” seguiu por alá.
Do punto de vista histórico, como ben dixo Renan Quinalha, activista de dereitos humanos, o contexto contado polo evento parecía unha aula de historia defendida polo movemento “Escola sem Partido”, un dos últimos inventos da clase media brasileira: restrinxir o ensino de filosofía e socioloxía nas escolas. Fernando Meirelles, director do evento, recontou a clásica historia da Democracia Racial! Indíxenas, negros explorados por portugueses, pero que se levan ben, e logo somos este país feliz e danzante. Samba!
A contraditoria presentadora da Rede O Globo, Regina Casé, eterna expoñente desa visión presuntamente “inclusiva” e pacificadora da cultura popular, en dado momento da cerimonia grita: “Parem de brigar!/Stop, fighting!”. E logo Carnaval. Simbolicamente, un chamado para a renovación de votos nunha suposta paz social, nun consenso que cala as dores, que pide con clemencia que ocultemos nosas chagas, sobre todo agora que estamos aos ollos do primeiro mundo. Casé fala en inglés. Así como na ascensión e na queda do proxecto “petista” de poder, o que sempre vale é a opinión foránea. A mesma revista The Economist, que tivo na súa capa de novembro de 2009 utilizada en presentacións do goberno para demostrar que si o Brasil era o país do futuro (“Brazil takes off”) é a revista que confirmará para a oposición a queda (“O Brasil estragou tudo”).
Obxectivo: ocultar a crise política
Aínda que o sentimento de éxito ou felicidade sexa lexítimo, ese efecto de medicina anti-depresiva debe de ser visto con coidado. Temer, vaiado cando realizou o seu discurso na cerimonia, aproveita do que poden ser seus últimos momentos para aprobar unha serie de medidas de restrición de gastos en políticas sociais e iniciativas de privatización, como a proposición dunha emenda constitucional que limita o teto máximo de gastos en educación e saúde, por exemplo, por un período de 20 anos e a venta do campo de Carcará do Pre-Sal, a primeira das moitas entregas ao Sector Privado que o goberno Temer realizará.
Socialmente, cabe destacar tamén os tempos ditatoriais que as Olimpíadas están demostrando, polo menos, internamente. A prohibición de manifestacións anti-Temer pode ser vista facilmente en moitos vídeos en Youtube. É a nova directriz de Dereitos Humanos co liderado de Alexandre de Moraes, actual Ministro de Xustiza e antigo avogado da Transcooper, cooperativa acusada de ter conexións co Primeiro Comanda da Capital (PCC) que, valéndose da Lei Antiterrorista lamentabelmente firmada pola ex presidenta Dilma Rousseff, encarcerou 10 persoas sen ningún tipo de transparencia, e polo que se ve, sen moito criterio tampouco.
Nos próximos días, se definirá o futuro político de Dilma Rousseff co fin de seu xuízo polo Senado. Ou sexa, así como nos tempos gregos, o que parece pasar en Brasil é apenas un tempo de tregua. Os efectos da pastilla anti-depresiva pasarán... pero é notoria unha extrema audacia da clase intelectual brasileira querer restrinxir os momentos de gozo de parte da clase traballadora que está celebrando ese momento, apenas sendo inocente ou auto-centrado para acreditar que unha simple abertura de Xogos Olímpicos teña o poder de ludibriar un pobo que sofre diariamente coa violencia e as desigualdades nun país que promove diariamente un xenocidio negro, que lidera as estatísticas mundiais de asasinato de transexuais.
Lonxe dunha renovación de votos, así como cantaba Clara Nunes, o noso cantar tamén pode ser un cantar de dor.