Bandeira de Ucraína

Operacións militares especiais de Trump e Putin

O presidente de Ucraína, Volodímir Zelenskyi, valorou piositivamente o ataque dos EE. UU. a Venezuela e o arresto do xefe de Estado Nicolás Maduro tomándoo como un exemplo de como hai que tratar os «ditadores»: se se pode facer iso cos ditadores, Estados Unidos sabe entón que facer, dixo. Os presentes na rolda de prensa riron con aprobación, desexando crer que o tío americano daría unha lección ao descarado gobernante do Kremlin. Nunha situación desesperada, na que a propia supervivencia do país está en cuestión e que foi provocada pola sua xestión incompetente, Zelenskyi pode crer que o presidente estadounidense, ao secuestrar a Maduro, iniciou a loita contra as ditaduras no mundo e pronto chegará a Putin, pero a realidade é completamente diferente.
Liñas de investigación Relaciones Internacionales
Apartados xeográficos Europa
Palabras chave Venezuela Putin Ucraína

A operación militar de Estados Unidos en Venezuela non tiña nada que ver con derrocar unha ditadura, senón con devolver ás empresas estadounidenses o control sobre os recursos naturais, usando como pretexto a acusación contra Maduro de ter vínculos co narcotráfico (nin sequera se trataba de destruílo como tal). Por certo, Trump non considera a Putin en absoluto un ditador. Malia que este leva máis de 25 anos no poder, ao presidente estadounidense preocúpalle máis o feito de que Zelenskyi permaneza «antidemocraticamente» no seu cargo, o que de feito se debe á imposibilidade de celebrar eleccións mentres está en vixencia a lei marcial.

Por dicilo suavemente, a actitude asimétrica do presidente estadounidense cara ás partes na guerra de Ucraína, unha guerra á que supostamente está tratando de poñer fin, inclínase cada vez máis a favor de Moscova, aínda que sexa porque lle parece posible negociar só cun gobernante forte. É evidente que non se trata de Zelenskyi, quen, segundo Trump, non ten cartas que xogar. O presidente norteamericano nin sequera «se decatou» de que, ante a proposta dun cesamento do fogo de Nadal, Moscova respondeu con ataques aéreos a gran escala contra cidades ucraínas, que foron dos máis potentes realizados nos últimos tempos, e cuxos obxectivos non eran só infraestruturas, senón tamén vivendas e centros médicos. Porén, «anoxouse moito» inmediatamente cando Putin o informou do ataque non confirmado de supostos drons ucraínos contra a residencia do presidente ruso en Valdái.

A actitude despectiva de Trump cara a Ucraína enténdese mellor se lembramos o seu primeiro impeachment de 2019, tamén relacionado coa presión sobre Ucraína. Durante a investigación no Congreso revelouse que dende a parte rusa «deixábase notar con moita forza» o desexo dun arranxo segundo o cal Rusia deixaría de apoiar o réxime de Nicolás Maduro en Venezuela a cambio de que Estados Unidos abandonase o seu apoio a Ucraína ou se retirase do que Rusia considera a súa esfera de influencia. A lóxica dos rusos baseábase na Doutrina Monroe: se EE. UU. quería os rusos fóra do seu patio traseiro [Venezuela]… os rusos tiñan a súa propia versión disto: non querían ver estadounidenses “no seu propio patio traseiro”, é dicir, en Ucraína.

Parece que o “switch (troco) Venezuela-Ucraína” mencionado durante a investigación no Congreso en 2019 produciuse agora. Mentres os negociadores sen rango (o amigo de Trump, Witkoff e o xenro Kushner) escoitaban atentamente cales eran as condicións do Kremlin para terminar a guerra en Ucraína, paralelamente Rusia asinaba con Venezuela un Tratado de Asociación Estratéxica e Cooperación, que entrou en vigor en outubro (sen ter efecto agora). En decembro, o presidente ruso reafirmou a Maduro telefonicamente a súa «solidariedade inquebrantable» fronte á presión de Washington. Porén, fronte á agresión perpetrada agora, as promesas de «apoio» quedaron no papel e Moscova limitouse a expresar unha condena diplomática, sen tomar ningunha medida para impedir a extracción de Maduro ou para liberalo.

De xeito similar, é dicir, sen influír de maneira algunha sobre a agresión rusa, estanse levando a cabo medidas estadounidenses para poñer fin á guerra contra Ucraína: por parte dos Estados Unidos, as negociacións nin sequera as levan a cabo funcionarios estatais, e a aceptación da absurda condición rusa de «primeiro un acordo de paz duradeiro e logo un cesamento do fogo» significa que, como se ve, o agresor pode seguir librando a guerra, na medida das súas forzas, sen obstáculos por parte de Estados Unidos. O resultado é evidente, aínda que quizais non houbese un acordo explícito: a Federación Rusa e os Estados Unidos non se estorbarán mutuamente no establecemento da «orde» nos seus propios territorios, sen ter en conta a soberanía dos máis débiles. O dereito internacional, xa pisado pola forza militar rusa, é ninguneado agora polos Estados Unidos e os mecanismos de seguridade creados tras a Segunda Guerra Mundial resultaron ineficaces.

A nova guerra imperialista pola repartición do mundo xa está en marcha. Rusia lévaa con métodos antigos e brutais, paralizando polo terror a todos os que crían que algo así era imposible. Aproveitando as consecuencias deste terror, Trump está logrando os seus obxectivos «con pouco derramamento de sangue», como se viu en Venezuela, pero advirte que a forza militar pode utilizarse incluso contra un aliado da OTAN, como é Dinamarca. A paradoxa é que Putin recorre a teorías confusas sobre «un só pobo», «opresión lingüística», etc., para xustificar a súa agresión, mentres que Trump simplemente afirma que Groenlandia debe formar parte dos Estados Unidos porque o require a seguridade de EE.UU.

Un mesmo terror move os países europeos, que non queren crer que Trump renunciase de verdade a participar na seguridade europea. Isto quedou claro outra vez no cumio da «Coalición dos Voluntarios» (Coalition of the Willing) o 6 de xaneiro de 2026 en París, onde se ofreceron garantías para o caso dunha futura agresión rusa, sen atreverse a facer fronte á actual. A declaración sobre garantías de seguridade multicapa asinada por Zelenskyi, Macron e Starmer non é máis ca un protocolo de intencións para que Gran Bretaña e Francia poidan crear en territorio ucraíno centros militares e obxectos protexidos para o mantemento da tecnoloxía, despregar forzas multinacionais (cun número limitado de entre 15.000 e 30.000 persoas) que non participarán nos combates, pero que se converterán en «escudo humano» na liña de demarcación, e organizar por parte de Estados Unidos (que non asinou o documento) un sistema de verificación do cesamento do fogo.

As intencións materializaranse tras o cesamento dos combates, pero polo momento non se albisca tal cesamento. Xustamente, ao mesmo tempo que se asinaban os documentos en París, Rusia continuaba intensificando os seus ataques contra a enerxía e estruturas civís.