A reforma da arquitectura financeira internacional está sobre a mesa. O obxectivo é dar cunha fórmula que impida a repetición das crises e asegure, ao tempo, unha maior participación dos países emerxentes nas institucións financeiras internacionais. De principio, foron moitas as iniciativas anunciadas, pero a maioría serán de difícil aplicación e, probablemente, só servirán para atenuar a contracción económica global que nos agarda. Estímulos fiscais, grandes investimentos públicos, dinamización do consumo interno, maiores controles das firmas financeiras e outras propostas foron adiantadas na reunión previa ao G-20, celebrada en Sao Paulo, pero a parálise semella difícil de evitar. Todo o mundo propón agora maior transparencia dos mercados e control da contabilidade das firmas financeiras, para equilibrar rendibilidade e riscos, pero dos consensos á súa aplicación vai quedar un longo treito.
Moitas miradas se dirixen a China, país que dispón das maiores reservas de divisas do mundo (1,9 billóns de dólares), para saber do seu nivel tanto de agresividade (especialmente na política de adquisición de empresas en crise, tal como xa están facendo Rusia ou Xapón) como de cooperación, agardándose unha maior implicación para facer fronte á crise. En 2006, a participación de China no FMI pasou do 2,98 ao 3,72 por cento, e agora reclamáselle unha dispoñibilidade que, “dentro das súas capacidades”, como sinalou nos días previos ao cumio de Washington o portavoz do Ministerio de Exteriores, Qin Gang, semella disposta a asumir. Para Pequín, a actual conxuntura presentase idónea para evidenciar a súa vontade construtiva e cooperativa co sistema global, pero tamén para avanzar no deseño dun sistema multilateral onde se establezan certas ataduras para Washington.
Se a moderación e unha vontade contrastada de cooperación caracterizan a conduta de China nesta crise, aumentan as posibilidades de abrirse camiño unha multipolaridade competitiva pero estable, aumentando a súa influencia, pero nun entorno de rivalidades controladas que deixe paso, paseniñamente, a unha realidade nova condicionada pola mingua do poder de Occidente e o rexurdir da puxanza económica asiática, tendencia que podería ter igualmente lecturas políticas marcadas pola emerxencia dunha alternativa a esa modernidade que representa o modelo occidental.