En sinal de que o Partido Demócrata movíase rapidamente para pechar filas ao seu redor, Harris conseguiu de golpe o respaldo de líderes de varios grupos do Congreso e organizacións políticas influentes, incluíndo o AAPI Victory Fund, que se centra nos votantes asiático-americanos e os habitantes das Illas do Pacífico, The Collective PAC centrado na construción do poder político negro, e o Latino Victory Fund, así como os presidentes do Congressional Progressive Caucus e do Congreso Hispanic Caucus, e todo o Congressional Black Caucus.
A escasos meses para o 5 de novembro, Harris exhibe a súa idade (59 anos) como primeira fortaleza fronte a un candidato, Trump, de 78 anos (Biden, caso de gañar, chegaría ao final do seu mandato con 86 anos). De ser elixida, a ex fiscal xeral de California sería a primeira muller e primeira persoa de ascendencia surasiática en ser presidenta. Segundo os últimos datos do censo, hai 4,4 millóns de cidadáns estadounidenses de orixe india, e ese número creceu un 50% entre 2010 e 2020. Entre os grupos de orixe asiática só o superan os chineses americanos, que son 5,2 millóns.
A candidatura de Harris suxire principalmente a continuidade das políticas de Biden no substancial e unha moderación quizais en aspectos como a inmigración e o aborto, temas que van figurar na axenda da campaña en primeiro plano. Harris, sen diferenzas na economía con Biden, podería ser máis progresista na promoción das redes de seguridade social como Medicaid, Medicare, etc, con políticas públicas máis atrevidas aínda que ben lonxe de calquera veleidade que poidamos considerar meramente socialdemócrata para os parámetros europeos.
As primeiras enquisas dispoñibles, entre elas unha sondaxe de Reuters/Ipsos realizada tralo anuncio de Biden de retirarse da contenda, sinalan que Harris avantaxa a Trump en dous puntos, un 44 por cento contra un 42, se ben queda moita tela por cortar e moitos xiros de guión son posibles no que resta dunha longa campaña electoral na que a violencia pode estar mais presente do habitual.
Trump e o Proxecto 2025
O candidato presidencial republicano Donald Trump ten que adaptar agora un guión de campaña no que a idade e a saúde van deixar de ser factores prominentes no debate. Os demócratas poderán volver o dedo acusatorio contra el neste eido (78 anos), pero o eixe da súa campaña probablemente xirará arredor da súa cualificación como unha ameaza para o sistema democrático dos EUA, unha acusación recorrente en virtude dos supostos vencellos, que nega, co Proxecto 2025.
Un dos maiores obxectivos de Trump é renovar o seu programa “America First”. Ademais da dura retórica sobre as fronteiras e a inmigración, Trump propón un aumento dos aranceis do 10 por cento a todas as importacións dos Estados Unidos, e mesmo dixo que podería impoñer un arancel do 60 por cento a todas as importacións procedentes de China. Algunhas declaracións de Trump alimentaron a preocupación exterior sobre a súa posición respecto ás alianzas, guerra en Ucraína, etc., participando dun enfoque transaccional da diplomacia que afectaría aos orzamentos militares de boa parte dos seus aliados na OTAN e a contenciosos xeopolíticos de envergadura como Taiwán.
Pero é o “Proxecto 2025”, o plan de 887 páxinas elaborado pola Heritage Foundation, un think tank conservador moi influente en Washington, o que pode marcar a diana dos demócratas para mobilizar ao electorado. Durante a presidencia de Ronald Reagan (1981-1989), foi esta organización quen principalmente artellou o movemento conservador estadounidense.
O citado proxecto contempla, entre outros, reformar o estatuto do funcionario federal, ata agora protexido das alternancias de poder político, propón tamén reestruturar as axencias federais para centralizar o poder executivo na Casa Branca e permitir así a implantación a gran escala dunha política moi conservadora sobre problemas clave, postula a fin de todos os programas de enerxía limpa e unha explotación aínda máis agresiva dos combustibles fósiles, eliminaría o Departamento de Educación….
O documento do “Proxecto 2025” esboza catro obxectivos principais: restaurar a familia como a peza central da vida estadounidense; desmantelar o Estado; defender a soberanía e as fronteiras; e garantir os dereitos individuais “dados por Deus para vivir libremente”.
Entre as medidas máis criticadas están a creación dun mecanismo de “vixiamento do aborto” que funcionaría en todo o estado, a prohibición da pílula abortiva utilizada na maioría das interrupcións voluntarias do embarazo e a limitación do uso da pílula do día despois.
Esta cuestión do aborto, unha vez que Trump eloxiou a decisión do Tribunal Supremo en 2022 de anular o dereito federal, é un tema gañador para os demócratas, xa que os republicanos loitan por conseguir votos entre as mulleres suburbanas que mostraron un entusiasmo cada vez menor por outro mandato de Trump. Entre os votantes dos estados de maior disputa, o 52 por cento considerou o aborto un tema “moi importante” para as eleccións de novembro, segundo unha enquisa de Bloomberg/Morning Consult realizada entre o 1 e o 15 de xullo.
Con esta bagaxe ultraliberal, o Proxecto 2025 vai camiño de se converter no principal argumento dos demócratas contra os republicanos. Quizais por iso, o expresidente Donald Trump tentou distanciarse deste documento, se ben algúns dos seus colaboradores máis próximos están entre os autores. Os demócratas sinalan a varios membros do círculo íntimo do magnate republicano pola súa relación ou participación na elaboración, entre eles, Stephen Miller, antigo conselleiro principal de Trump, ou mesmo Ben Carson e Christopher Miller, antigos membros do seu gabinete.
Se a folla de ruta adoptada na convención republicana de Milwaukee amosa posicións máis moderadas, sobre todo sobre o aborto, o “Proxecto 2025” retoma múltiples ideas presentadas por Donald Trump. En 2022, nunha cea organizada pola Fundación Patrimonio, o multimillonario aseguraba á audiencia que o traballo feito por esta organización sentaría as bases “do que fará o noso movemento” durante un segundo mandato.
“Estamos no camiño dunha segunda revolución estadounidense, que terá lugar sen derramamento de sangue se a esquerda non se opón”, dixo Kevin Roberts, presidente da Heritage Foundation, a principios de xullo sobre unha recente decisión do Tribunal Supremo que ampliaba a inmunidade ao ex presidente.