Os dilemas de Cuba

A illa caribeña viviu nas últimas semanas diferentes acontecementos de gran transcendencia política e emotiva. Dunha banda, a conmemoración do 30 aniversario do falecemento do Che e as impresionantes cerimonias do seu enterramento en Santa Clara, que foron precedidas da derradeira homenaxe rendida por milleiros de cubanos desfilando perante o seu féretro, instalado na pranta baixa do Memorial José Martí, na Praza da Revolución de La Habana. Doutra, a celebración do V Congreso do Partido Comunista Cubano (do 8 a 10 de outubro) no que Fidel, cun discurso inaugural de sete horas de duración, tentou disipar as dúbidas sobre o seu estado de saúde, ó parecer infundadas e procedentes do mesmo Miami no que Mas Canosa, o Presidente da anticastrista Fundación Nacional Cubano Americana, permanecia ingresado na unidade de cuidados intensivos do Hospital Pan American. Por ultimo, o 19 de outubro iniciabase a primeira volta dos comicios para elixir ós delegados das Asembleas Municipais do poder Popular, longo proceso electoral que culminará en  xaneiro coa renovación dos gobernos provincias e da Asemblea Nacional do Poder Popular, encargada de elexir ó Consello de Estado. En Galicia, a atención sobre Cuba viviuse ademais dende o prisma particular dun hipotético e significado papel do Presidente da Xunta na normalización das relacións hispano-cubanas que pasarían polo designación dun galego como próximo embaixador do Reino de España na capital caribeña.

O ambiente xerado na illa polo descubrimento dos restos mortais do Che, o "Guerrilleiro Heroico", serviu para fortalecer o tradicional discurso da resistencia, do sacrificio, do heroismo, do compromiso coa Revolución ata as últimas consecuencias, condimentado nesta ocasión cunha particular chamada á loita contra a desidia e o burocratismo. No exterior, tanto simbolismo resultou rapidamente fagocitado por un novo remuíño consumista, edulcorando a figura do Che Guevara cun aquel de romanticismo benintencionado pero políticamente erratico complementado cun esforzo inxente dirixido ós benpensantes para pór de manifesto as discrepancias que marcaron as políticas impulsadas polos comandantes Guevara e Castro, e mesmo para denunciar a presunta traizón e abandono por parte de Fidel do seu antigo camarada debido ás presións soviéticas.

A situación na illa

Cuba desperta tanta paixón que non resulta doado formular xuizos obxectivos. Mesmo podería afirmarse que os propios cubanos poden ser máis criticos coa súa sociedade do que calquer observador exterior que intente asomar un punto de vista minímamente crítico que non sexa rapidamente descalificado por aquel papanatismo cego que na mellor das tradicións dogmáticas eleva toda diferencia á condición de antagonismo, aberto ou submarino, pero sempre perverso e destructor. Pero ademais, calquer valoración sobre a capacidade do rexime para sair airoso da situación xurdida coa desaparición daqueles países do socialismo ir-real cos que mantiña o 90% dos intercambios económicos e comerciais, resulta pouco doada porque dende 1989 non se publican en Cuba estatísticas oficiais. Todo mais podemos apuntar unha observación aquí, un apunte alá, pero nun conxunto inevitablemente definido pola dispersión e a escasa claridade. Sirva en todo caso como referencia global que, entre 1992 e 1994, segundo as estatisticas do PNUD (Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento), a illa pasou da posición número 61 á 89 nos indices de benestar humano. No informe de 1997 ocupa a posición 86 dun total de 175 paises

A vista do tempo transcurrido dende comezos dos anos noventa, parece evidente que os comunistas cubanos conseguiron superar o que parecia máis dificil: manter o control político da situación nun contexto de inmenso desplome económico que sen embargo non derivou nin en colapso nin conseguiu quebrar a lealdade e o apoio da maioría da poboación. A Revolución cubana conta sen dúbida cun caudal de credibilidade que lle permite unha certa capacidade de manobra para asegurar a súa supervivencia.  Ata 1995 practicamente conseguiuse estabilizar a situación económica sen recurrir a despedimentos; subsistiu a gratuidade e o acceso universal ós servicios sociais fundamentais, ben é verdade que  cun maior racionamento do consumo, menor calidade en determinadas prestacións pero procurando que a ninguen lle faltase o elemental. O crecemento do PIB nese ano foi dun 4% e de case un 8% no seguinte. Algúns chegaron a pensar seriamente en que o pior xa pasara. Pero os sectores máis conscientes son sabedores de que non hai especiais motivos para a alegria. No discurso inaugural do V Congreso, Fidel encargouse de lembrar ós 1.500 delegados que o crecemento para 1997 debia ser corrixido á baixa ata situarse nun 2-3% en vez do 4-5% previsto inicialmente.

Pero a situación actual na illa ven determinada sobre todo pola aparición dunha serie de factores novidosos potencialmente moi desestabilizadores porque establecen un divorcio cada vez mais acusado entre a realidade cotián e os valores proclamados. O problema está en que para salvar a Revolución, non parece quedar mais opción que dar paso a reformas e conductas que propician a súa progresiva erosión.

Precisamente, un dos elementos máis destacables é o incremento notable das desigualdades. A relación entre o salario máis alto e o máis baixo pasou de 4 a 1, a 25 a 1. Hoxe un médico ciruxán ou un enxeñeiro gañan 550 veces menos que o dono dun paladar, 30 veces menos que unha prostituta e 10 veces menos que o conductor dun coche de cabalos. O área dólar está establecendo un novo marco de segregación social. Os asalariados estatais, que en 1989 representaban máis do 90% da poboación empregada, son as primeiras victimas dese proceso de dolarización da economía que dificulta gravemente o seu acceso á maioría dos bens de consumo.Incluso dentro do que é o sector de empregados estatais estase a producir unha diferenciación substancial segundo en que sector da economía esté instalado, en favor sempre daquelas empresas estatais que son minimamente competitivas no mercado mundial. A diferencia agrandase ainda mais en relación a esa pequena porcentaxe de poboación (5%) asalariada nas empresas vencelladas ó capital estranxeiro.

Os novos sectores sociais emerxentes, tanto cooperativistas agricolas (como consecuencia da creación en 1993 das Unidades Básicas de Producción Cooperativa) como os chamados "cuentapropistas" ou autónomos, movense en escalas diferentes pero cun resultado desigual. Mentres os primeiros poden afianzarse ainda que o seu futuro é bastante incerto, os segundos funcionan nun réxime de inestabilidade moi grande. A maior parte atenden pequenos postos de bebidas ou de alimentos e menos  do 1% estan instalados en actividades realmente lucrativas. Ademais, a inmensa maioría utilizan este traballo como complemento do que poderiamos chamar a súa profesión habitual, como axuda familiar (amas de casa) ou simplemente para mellorar a pensión de xubilación.

Un segundo elemento a ter en conta é a aparición dun sector social que acumula importantes recursos económicos. É un dato difícil de coñecer pero unha idea das fortunas existentes pode deducirse da análise da estructura das contas correntes. Pois ben, segundo fontes do propio Banco Nacional de Cuba case o 80% dos depósitos bancarios están en mans dun 14% da poboación e, mais sorprendente ainda, un pequeno 0,5% controlaba en 1995 o 17% dos aforros. Probablemente boa parte destas fortunas foron blanqueadas dende o mercado negro a través das pequenas fiestras abertas pola reforma e grandes reservas monetarias, en pesos e dólares, permanecen ainda soterradas. Bótase en falla un sistema fiscal de imposición directa que dalgunha maneira podería contribuir a moderar desequilibrios tan profundos e xerados en tan breve espacio de tempo.

Prevese a corto prazo un aumento do desemprego. Estimase que os traballadores excedentes do sector estatal oscilan entre un 11 e un 20%. As estimacións extraoficiais máis optimistas consideran que o desemprego situarase axiña ó redor do 10% da poboación activa. Soamente na Habana, a finais de 1995, superaba o 8%. O goberno non pode subsidiar indefinida e continuadamente ás empresas e estas dispoñen dunha insuficiencia crónica de recursos. Sectores industriais de gran importancia como o azucareiro, o quimico ou o enerxetico estan practicamente descapitalizados; as exportacións non logran cubrir as necesidades, e os ingresos por turismo non medran ó ritmo desexado. A economia cubana precisa diñeiro con urxencia non soamente para manter o decoroso nivel de vida acadado senón sobre todo para investir en sectores fundamentais da economia nacional. Pero a débeda externa rolda os 11.000 millóns de dolares e as negociacións cos debedores están rotas dende 1986.

Neste contexto, non parece posible impedir a progresiva diminución do nivel de vida marcada polo incremento das carencias de material de primeira necesidade como cirúrxico, de vacinas, de repostos para equipos sanitarios, de material escolar, etc, que tan negativamente inciden no mantemento desas conquistas sociais que constituen o lexitimo orgullo da revolución.

Un futuro complexo

Asi pois, como balance, as reformas introducidas nestes anos provocaron resultados tan esperanzadores  como contradictorios, pero ademais de amosarse claramente insuficientes son contempladas dende a dirixencia cubana como "remedios inevitables e dolorosos " que obrigan a estar vixiantes para impedir que se abra camiño a calquera tipo de proceso interno de restauración capitalista. Cuba segue presa dunha dificil contradicción: precisa innovar para subsistir; pero teme innovar por medo a sucumbir. Por iso se extreman as cautelas para medir e calcular as consecuencias políticas e sociais de todas e cada unha das reformas.

Cuba ten ante si un complexo dilema. Ata agora a maior parte das medidas adoptadas responden á necesidade de paliar os efectos dunha crise que provocou unha caida catastrófica do nivel e calidade de vida da poboación. Pero, nun mundo sen referentes, cun discurso cargado de retórica ideoloxica pero en boa medida vacio e incapaz de vertebrarse practicamente, urxe buscar unha nova orientación para construir un sistema que permita salvar o mellor da revolución e procurar a integración do pais nun sistema internacional que funciona con reglas que non lle benefician en absoluto. ¿Como?  Non pode pensar evidentemente na restauración dun modelo como o soviético, tan esgotado como para non ser reivindicado nin polo propio Ziuganov na Rusia. Rexeitase igualmente calquer terapia de choque semellante á aplicada nos paises da europa central e oriental. A autarquia, nun mundo caracterizado pola interdependencia e a globalizacion tampouco parece viable.

A construcción dunha especie de "socialismo con peculiaridades cubanas" semellante ó impulsado polos comunistas chineses presenta tamén en Cuba matices considerables. Nas reformas introducidas nos ultimos anos hai coincidencias que revelan o interese de Cuba por esa experiencia pero tamén diferencias notables como igualmente as hai entre paises e culturas tan diversas como distantes. Uneos ese  empeño por construir unha nova "civilización espiritual" en contraposición ó individualismo burgués pero mentres as reformas contemplanse en Cuba con fatalismo, como auténticos sapos a tragar, en China realizase unha leitura delas totalmente positiva.Separaos sobre todo unha estructura económica e social: un alto nivel cultural e de formación, unha elevada taxa de urbanización, un nivel de benestar modesto pero equitativo en termos globais, unha cultura politica que pon ainda o acento no impulso da solidariedade, un sistema de valores cunha raiz histórica moi diverxente.

En Cuba non se quere construir un socialismo (asi definido pola natureza do poder politico-burocratico dirxente) de rostro capitalista (papel do mercado, liberalización de prezos, proliferación de desigualdades e desequilibrios, etc ) como pode aparentar o chinés. Baste un exemplo. Mentres en China, a terra, ainda formalmente de propiedade estatal, foi cedida en usufructo ós campesiños e ás suas familias como medio para fomentar a eficiencia e elevar a productividade, en Cuba esta iniciativa ten un selo particular: a descentralización transformouse en cesión a grupos de traballadores fomentando unha xestión colectiva e cooperativa da terra fronte ó individualismo oriental. Sen embargo os resultados reais foron mellores en China que en Cuba. En 1996 o goberno cubano tivo que importar alimentos por valor de 700 millóns de dolares.

Un elemento exterior agrava a complexidade do proceso cubano. Mentres China conseguiu normalizar plenamente as súas relacións con Estados Unidos, a situación de Cuba é cada dia mais adversa. Á adopción de medidas lexislativas (lei Helms-Burton) contrarias ó dereito internacional e destinadas a asfixiar o modesto crecemento económico destes anos, sumase agora esa oleada de atentados (detención de Walter van der Veer e outros) que pretende frear o auxe do sector turistico. E por ultimo duas observacions finais: Polo momento non semella doado que Cuba poida establecer cos grupos de exilados o mesmo nivel de dialogo que China sosten coas súas comunidades espalladas por todo o mundo, un modelo en todo caso a considerar e explorar con iniciativas máis audaces. Por último, o exemplo de Deng Xiaoping, dunha retirada a tempo para deixar paso a unha nova xeración ainda en vida, sería moi conveniente para Fidel e a Revolución co obxecto de racionalizar e interiorizar o compromiso social cun determinado sistema que hoxe pasa en grande medida pola idea de "estar con Fidel", pero que remite á incerteza cando se imaxina un escenario sen o líder.

Para salvar Cuba fai falla un milagre, din algúns e quizais por iso se agarde con tanta expectación a visita en xaneiro de Karol Wojtyla, Juan Pablo II. As relacións co Vaticano melloraron nos ultimos anos. Unha das primeiras reformas políticas introducidas despois da liquidación do socialismo ir-real en Europa consistiu na admisión de crentes no seo do Partido, e a reforma constitucional de 1992 pasou a definir a Cuba como un Estado laico, prohibiu toda discriminación por motivos relixiosos e recoñeceu o importante papel social da familia. A visita do Papa pode contribuir á suavización e encauzamento das relacións coas comunidades exiliadas cubanas e co propio goberno estadounidense.

Compre en todo caso reivindicar o dereito soberano de Cuba a experimentar aqueles camiños que considere oportunos para construir unha sociedade mellor, mais digna e humana, aínda que algúns estimemos que non será doado sen unha maior profundización democrática, sen mais autonomia dos axentes populares e menor dirixismo burocratico, sen admitir unha maior diversidade social que pode ou non  cristalizar en opcións plurais pero leais ás esencias do sistema. Se democracia significa respecto da discrepancia e tolerancia do adversario, a súa universalización debe contemplar o dereito de cada pais á libre conformación do seu sistema politico. Cuba non ameaza a ninguén. Ninguén ten dereito a ameazala.