ucraina mapa

Os feitos de Ucraína

Apartados xeográficos Europa ARCHIVO
Idiomas Galego
 Clic para aumentar
Ucraína é o centro de Eurasia. É o país que liga as repúblicas caucásicas e os seus recurss de hidrocarburos con Europa, a avanzada occidental cara o corazón de Asia. É o país que garante a Rusia o acceso ó Mar Negro e o seu control. Sen Ucraína, Rusia non pode aspirar ó regreso ó club das grandes potencias. A loita electoral destes días é o escenario onde occidentais e rusos disputan a dirección estratéxica futura do país.
 

Ucraína é o centro de Eurasia. É o país que liga as repúblicas caucásicas e os seus recurss de hidrocarburos con Europa, a avanzada occidental cara o corazón de Asia. É o país que garante a Rusia o acceso ó Mar Negro e o seu control. Sen Ucraína, Rusia non pode aspirar ó regreso ó club das grandes potencias. A loita electoral destes días é o escenario onde occidentais e rusos disputan a dirección estratéxica futura do país.

A prensa occidental ten feito fincapé en cómo Vladimir Putin e o seu réxime metéronse nas eleccións ucraínas. Das pletóricas arcas do xigante do gas Gazprom saíu moito do diñeiro da campaña de Yakunovich. Expertos electorais rusos instaláranse en Kiev. O propio Putin viaxou en diversas ocasións a Ucraína para reforzar ó protexido do presidente Kuchma. A manipulación das eleccións polo "candidato do Kremlin" é algo que dáse por demostrado.

A protesta occidental foi unánime. Ata certo punto, reconforta ver que o establishment, tan dividido hai un ano en Iraq, recompuxo a súa alianza tan cedo. Estados Unidos e o Vaticano, Alemaña e Polonia, PP e PSOE, ABC, El Mundo e El País están de novo unidos na fronte común. Todos eles apoian ós freedom fighters das rúas de Kiev. Todos eles nos reaseguran as vellas verdades: Occidente é Liberdade, Oriente é Despotismo. Javier Solana fala en nome do progreso. Vladimir Putin do neoimperialismo ruso.

O lector avisado, ó observar os feitos de Ucraína, ten unha inevitable sensación de dejà-vu. El xa ten visto, noutras ocasións, esa mesma película. Serbia, Xeorxia e Bielorrusia (anque aquí fracasou lamentablemente) foros escenarios doutras revolucións de veludo. Nelas, tamén actuaron coordinados a coñecida coalición de observadores internacionais, de enviados especiais, de manifestacións espontáneas e de políticos occidentais, con Javier Solana á cabeza, meténdose nos asuntos internos deses países en nome da democracia. Meses máis tarde, inevitablemente, a prensa publica unha reportaxe na que podemos ler ata qué punto o que se supoñía unha revolución espontánea, animada polo amor á liberdade, era un complexo golpe de estado (ou golpe de man, se o prefiren) ideado e financiado por unha alianza de intereses internos e máis os sospeitosos habituais de Occidente. O resultado sempre é o mesmo: un goberno disidente coa lóxica euro atlantista cae con estrépito e sube ó poder un político crecido e criado baixo o amparo das mesmas institucións que propiciaran o cambio de poder. Con acerto, se lles chama "golpes posmodernos", pois xa non é preciso tomar o poder físico. O importante é agora dominar a percepción que o mundo ten dos acontecementos.

Causan estupor, por conseguinte, as acusacións cara Rusia dende os nosos periódicos. Dúas son as máis recorrentes: Rusia conserva a mentalidade da guerra fría; Rusia é incapaz de abandonar o seu antigo imperialismo. Se observamos sen prexuízos a evolución da política estratéxica occidental, as nosas análises dirían outra cousa. A política cara Rusia que xurde de certos centros de poder en Washington e Bruxelas é continuación da lóxica estratéxica da guerra fría: impedir calquera forma de asociación do espacio ex soviético, cercar o país con bases militares da OTAN, arrebatarlle o control dos oleoductos, e " a máis longo prazo- dividilo nunha vaga confederación que impida unificar os seus vastos recursos. Non hai que buscar estes datos en misteriosos documentos agochados nos arcana imperii, senón nas doutrinas oficiais e nas análises de numerosos think-tanks. Lembremos que, en canto se refire a Rusia, o analista de referencia continúa a ser Zbigniew Brzezinski, que reúne na súa persoa a defensa dos intereses dos grandes mercaderes de petróleo e armas, coa rusofobia profunda dun nacionalista polaco. Precisamente é a el e ós seus fillos a quen acusan os rusos de estar detrás do golpe.

A outra paradoxa desta farsa e á de asumir coma evidente que toda interferencia de Rusia nos asuntos de Ucraína é un regreso intolerable ó imperialismo, mentres que os manexos na tramoia de polacos, alemáns e americanos son vistos coma o lexítimo esforzo do mundo libre para impedir que Ucraína retorne á barbarie. O feito de que Rusia teña ofertado unha cooperación económica máis xenerosa ca UE, que baixo o primeiro ministro Yanukovich, Ucraína coñecera os mellores datos económicos dende a caída do muro, que as zonas máis ricas sexan precisamente as prorrusas, non impiden que o feliz relato de Progreso-Occidente frente a Reacción-Oriente sexa reiterado en todas as crónicas.

Neste contexto, é cada vez máis significativo a hostilidade cara Vladimir Putin dos comentaristas occidentais máis afíns con eses centros de poder hostís a Rusia. Safire no New York Times, Krauthammer no Washington Post, e o noso Herman Tertchs de El País, os mesmos que aceptaban como mal menor a Boris Yeltsin, un alcohólico corrupto capaz de bombardear ó parlamento, indígnanse agora contra Putin, pola simple razón de ter a coraxe de defender o poder de Moscova fronte á anarquía e a dispersión, e de tratar de protexer os intereses nacionais rusos tras unha década de latrocinio e oligarcas. Putin non se dobrega ante o que, con razón, denominou unha dictadura internacional de certos países so capa de expansión democrática.

A guerra de Iraq non foi, entón, outra cousa que un breve impasse de disenso no monolítico acordo entre a dereita e a esquerda no sistema político euroatlántico. Os primeiros impulsan a defensa dos intereses económicos. Os segundos o aderezan con fermosas palabras en defensa da democracia. Os antigos vicios da nosa política exterior seguen alí: a rapacidade ilimitada dalgúns actores políticos, a cegueira de considerarse o centro do mundo, e a hipocrisía que os leva a falar como portavoces da Virtude.