20070702 kennebunkport bush putin 04

Os reclamos de Putin

 Putin e Bush en Kennebunkport, clic para aumentar
Convencido xa de que lle será practicamente imposible evitalo, Rusia pretende controlar o dispositivo promovido por Estados Unidos, participando desde dentro e compensando o unilateralismo de Washington coa implicación dos estados europeos formando un pool de países contrarios á proliferación de novas ameazas. (Foto: Vladimir Putin e George Bush no cumio familiar en Kennebunkport o 2 de xullo de 2007).
 

O presidente de Estados Unidos recibiu a Vladimir Putin nun cumio familiar en Kennebunkport para intentar abrandar a súa posición contraria ao escudo anti-misiles que pretende despregar en Europa. Pero nin a lagosta no prato, nin a relaxante xornada de pesca, expresión dunha recepción que habería que situar por riba da media e nunca dispensada a ningún outro xefe de estado, serviron para rebaixar a tensión nin aproximar os respectivos puntos de vista.

Washington segue empeñado en instalar o seu escudo nas fronteiras occidentais de Rusia. Na reunión do G-8, Putin propuxo desprazar a base anti-mísiles a Acerbaixán. O secretario de Defensa estadounidense, Robert Gates, dixo que podería ser un complemento, pero nunca un substitutivo. Unha maneira diplomática de dicir que non. Agora Putin foi máis alá. O líder ruso ofreceu incluír o escudo no marco do acordo Rusia-OTAN asociando ao proxecto a máis estados europeos, e utilizar os radares de alerta do sur de Rusia como parte do escudo. Dese xeito, pensan en Moscova, non serían necesarias máis instalacións en Europa. Putin tamén ofreceu a creación dun centro para compartir información de intelixencia, que podería ter a súa sede en Bruxelas.

Convencido xa de que lle será practicamente imposible evitalo, Rusia pretende controlar o dispositivo promovido por Estados Unidos, participando desde dentro e compensando o unilateralismo de Washington coa implicación dos estados europeos formando un pool de países contrarios á proliferación de novas ameazas. Desde Tashkent, Serguei Ivanov, vicepresidente primeiro do goberno ruso, ameazou con instalar novos mísiles en Kaliningrado, se Bush non da o brazo a torcer.

Rusia recoñece a ameaza que pode representar Irán, país que é socio relevante do Kremlin, e comparte a tese de proporcionar tecnoloxía nuclear civil a terceiros países baixo o control da AIEA, pero á hora da verdade, os matices prácticos poden ser múltiples e complexos. Putin saiu do cumio cun estatus e recoñecemento que antes non tiña e seguirá a presentar a Bush propostas "dignas de estudo", como el mesmo dixo, aínda que con moi poucas posibilidades de saír adiante. O tira e afrouxa non fixo mais que comezar.