Palestina e o cambio do poder israelí

 Tzipi Livni; clic para aumentar
Tzipi Livni, que algúns analistas definen como o relevo da primeira dama de ferro israelí, Golda Meir, comezou o seu camiño cara as eleccións sentenciando que o pobo palestino debía borrar a palabra Nakba "Catástrofe, en referencia á perda do seu territorio en 1948" do seu discurso. Así mesmo, a actual ministra de Asuntos Exteriores negouse a falar da capitalidade de Xerusalén, adiando o discurso, sen esquecer o apoio que recibe do partido conservador relixioso Xas "Seis Ordes" sempre presente nas coalicións.
 

Tzipi Livni, ministra de Asuntos Exteriores do goberno israelí, vén de gañar as eleccións primarias ao seu partido, Kadima "Cara Adiante. Este paso parece ser o definitivo para conseguir un novo goberno do que o actual primeiro ministro, Ehud Olmert, quedaría apartado, ocupado en defenderse de cargos que o culpan de corrupción. Na súa primeira intervención, tras a vitoria como candidata á presidencia, Livni subliñou a súa intención de continuar os pasos emprendidos na conferencia de Annapolis do ano pasado. Con todo, a propia Livni afirmou, fronte ao ministro de Asuntos Exteriores francés, Bernard Kouchner, oporse ao proceso de paz proposto por Olmert.

Livni, filla de combatentes do Irgún "brazo militar do sionismo, anterior á creación do estado de Israel", comezou a súa carreira política no Likud "Consolidación" da man dos seus predecesores, Ariel Sharon e Ehud Olmert. Durante esa etapa foi unha das principais defensoras da retirada israelí da Franxa de Gaza, motivo que propiciou a escisión do grupo e a formación de Kadima, actualmente no poder.

Livni, que algúns analistas definen como o relevo da primeira dama de ferro israelí, Golda Meir, comezou o seu camiño cara as eleccións sentenciando que o pobo palestino debía borrar a palabra Nakba "Catástrofe, en referencia á perda do seu territorio en 1948" do seu discurso. Así mesmo, a actual ministra de Asuntos Exteriores negouse a falar da capitalidade de Xerusalén, adiando o discurso, sen esquecer o apoio que recibe do partido conservador relixioso Xas "Seis Ordes" sempre presente nas coalicións.

Do lado palestino, o seu presidente, Mahmud Abbas, declarouse entusiasmado coa postura de Livni, confiando na consecución do proceso de paz e a futura creación do estado palestino. No entanto, os líderes políticos opositores manteñen as súas reticencias, argumentando que a solución non é unha cuestión de sinaturas diante dos medios de comunicación, senón un compromiso real. Neste sentido, o voceiro de Hamas Muxir Al-Masri criticou a visita de Kouchner, tachándoa de incompleta, posto que só se reuniu con certos representantes palestinos e non con todas as forzas políticas implicadas no conflito.

Ante o próximo cumio de novembro a celebrar en Exipto, no que estarán presentes as diferentes faccións palestinas, os distintos grupos parecen seguir en desacordo respecto á forma en que dar continuidade á folla de ruta. Emporiso, todos parecen dispostos a acudir á cita. Aí estriba a maior diferenza entre uns e outros, na implicación co goberno israelí e o seu achegamento. Por outra banda, Israel continúa ameazando a feble estabilidade que rodea as súas fronteiras, delimitando unhas liñas a seguir que ben conteñen silencios "Xerusalén, os Altos do Golán, os asentamentos- ou aclaracións en canto á súa postura: estender a man ao goberno de Fatah e privar da posibilidade de dialogar aos considerados extremos radicais: Hamas, Ihad ou mesmo os partidos de esquerda.