O conflicto en Oriente Medio evidencia unha vez máis que moitas das tensións existentes na sociedade internacional contemporánea dificilmente poden ter solución de non producirse unha intervención activa da comunidade internacional, mesmo, chegado o caso, asumindo a vía armada, amparada en reglas e normas internacionais definidas no seo de institucións lexitimadas ao efecto.
Ariel Sharon leva meses practicando unha política de terra queimada en Palestina. O seu respecto pola legalidade internacional é nulo. Desoe e humilla os chamamentos de líderes europeos para que cese as hostilidades de inmediato. Acala as protestas dun cínico Bush prometendo rematar "axiña" co xenocidio e as masacres.
A comunidade internacional é responsable polas mortes que se suceden na rexión. Se foi quen de actuar en Bosnia, en Cosova ou en Timor, por qué non se intervén en Palestina para deter a ofensiva israelí e prestar apoio ás propias resolucións de Nacións Unidas que garanten un Estado para os palestinos, obxectivo último que os tanques israelís pretenden inviabilizar.
Washington e Londres actuarían de maneira totalmente diferente se o agresor fose Sadam. Todo é satisfacción cando se comenta o xulgamento de Milosevic. Aínda agora, cando os ataques se suceden sen interrupción, ambos líderes acentúan a importancia de derrocar o réxime iraquí, mentres a timidez determina a presión exercida contra Tel-Aviv ao tempo que esixen o apoio árabe para unha acción de castigo contra Bagdad. Sharon é responsable de crimes contra a humanidade. ¿Donde está o dispositivo da OTAN para conducilo ao banco dos reos?
Nacións Unidas deben alentar unha intervención externa na rexión para equilibrar sobre o terreo unha situación militar que converte aos palestinos en branco fácil das tropas israelís. Urxe asegurar a presencia de observadores en Palestina que abran paso a unha intervención militar, si, humanitaria, que internacionalice irreversiblemente un conflicto que as partes se amosan incapaces de manexar.