Panamá, soberanía total

Apartados xeográficos América Latina ARCHIVO
Idiomas Galego

Eran as 12 da mañá do 31 de decembro cando a presidenta pronunciaba o seu discurso. 1999 aínda non dera por extinguidos os seus últimos folgos, pero no istmo centroamericano non había lugar para polémicas milenarias. Ninguén dubidaba que para Panamá comezaba unha nova era política, un novo século e un novo milenio: "… O berro de Soberanía Total que temos reivindicado durante tantas xeracións, hoxe xa é unha realidade. O Canal é noso …o epicentro do tráfego mundial entre o Atlántico e o Pacífico".

O último día do 99 Panamá avanzou cara a súa total independencia dos EEUU, aos que sempre estivo supeditado dende a súa concepción, e cos que aínda mantén uns molestos e maternais cordóns umbilicais sobre os que xira a crónica controversia política interna, dende principios de século. Trátase do mantemento do dereito a enviar tropas ao territorio panameño para asegurar o funcionamento do canal, en caso de situacións de emerxencia ou do status de neutralidade imposto.

Panamá débelle aos EEUU o seu emerxer coma estado emancipado do seu veciño do Sur. Cando o 3 de novembro de 1903 Colombia se negou a subscribir un acordo cos EEUU, no que se proxectaba a construcción do Canal, de inmediato, Panamá proclamou a súa independencia, á que os estadounidenses deron pronto recoñecemento o 18 de novembro. EEUU obtiña, ¡por fin! vía libre para ocupar e controlar a perpetuidade a chamada zona canal de Panamá.

Mais introduciuse unha cláusula, aínda vixente, e que sempre foi considerada coma ofensiva para a soberanía nacional panameña. Os norteamericanos asumían o papel de garante da independencia de Panamá con dereito a intervención nos asuntos internos de Panamá, se acontecesen desordes.

A indemnización anual fixada primeiro en 250.000 dólares, logo en 430.000 e a partir de 1955 en 1.930.000, non foi suficiente argumento para deter as demandas nacionalistas de soberanía total, especialmente, a partires do control exipcio do Canal de Suéz no 56. En 1959 e 1964 producíronse masivas e intensas manifestacións, reprimidas polas forzas estadounidenses estacionadas na zona, baixo a permanente gillotina da ameaza dunha intervención, cun dramático saldo de 21 mortos.

Neste clima, reabríronse primeiro as renegociacións do tratado vixente e posteriormente dos novos, que incluirían proxectos de desenvolvemento actualizados, pero que non deron por rematada a onda de reivindicación nacionalista en pleno deterioro económico. Os acordos Torrijos-Carter rematan o proceso negociador reaberto no 71. No transcendente tratado do 77 se contempla unha maior porcentaxe das peaxes para Panamá, o acceso libre de todos os países ao Canal, a neutralidade de Panamá e ponse como data final do mantemento e presencia norteamericana o canal o 31 de decembro de 1999, pero se mantiña a cláusula de defensa indefinida do mesmo, para garantir o seu funcionamento.

O histórico tratado de 1977 levantou duras reaccións nos EEUU, onde os sectores máis conservadores consideraron este acordo, coma un regalo dunha propiedade norteamericana. Tampouco deixou satisfeito aos sectores quen seguían a considerar a disposición de defensa indefinida, coma unha vulneración da soberanía, nin, por tanto, rematou coas tensións panameño-norteamericanas que acadaron o seu punto álxido coa invasión de outubro do 89, na que 24.000 marines tomaron o país para deter ao xeneral Noriega.

A campaña de presión económica e illamento internacional á que os EEUU someteu durante anos a Panamá, como método de coacción contra Noriega, acusado de instigar o narcotráfico, deteriorou gravemente a empobrecida economía do país e permitiu o incremento da criminalidade organizada que continuou a exercer parcelas de poder, especialmente dende o narcotráfico.

O último día do ano a Presidenta Mireya Elisa Moscoso Rodríguez sobrevoou a historia dun século, repasando e incorporando para a memoria nacional todas as demandas de soberanía nacional, que custaron mortos, feridos, detidos etc. Rendeu homaxe aos poetas, políticos, artistas que mantiveron viva a reivindicación da soberanía. Non se esqueceu dos 21 mortos na represión norteamericana dos disturbios do 64. A viúva do caudillo Arnulfo Arias, tivo tamén unha mención para Torrijos como protagonista do tratado do tratado "tres en un" do 67 (tres proxectos nun acordo) e do asinado no 77 -aos que agora se lle da cumprimento-, a pesares de ter sido o protagonista do golpe de derrocara ao defunto presidente.

Rematou "…entramos no S.XXI coma donos absolutos dun dos máis importantes medios de comunicación e comercio do mundo como é o do Istmo Nacional… non haberá máis cancelas, non haberá máis letreiros que nos impidan a entrada…O berro de soberanía total que tantas xeracións teñen reclamado, hoxe é unha realidade… O canal é noso."

Nesta hora de emocións e sentimentos, o pranto apoderouse de moitos panameños. Revertía a importante vía interoceánica e sentían acadar a maioría de idade política como nación. Aínda así, persisten sectores insatisfeitos coa vixencia do tratado de neutralidade e de intervención dos EEUU.

A pesares da transcendencia da devolución do Canal, no país vívense novas preocupacións. O 70% dos panameños coidan que o seu país non está en condicións de defender o Canal e as súas fronteiras. Está vía marítima ten que converterse na trabe do desenvolvemento socieconómico do país. Ten que demostrar a capacidade para ser unha empresa eficiente e rendabel, diversificando os seus servizos e mellorando a productividade. O ministro para os asuntos do Canal, os administradores e fiscalizadores teñen a tarefa facer unha empresa pública que xere beneficios para as arcas do estado.

Enlaces relacionados:

http://www.presidencia.gob.pa/
http://www.mireyaeselcambio.com/index1.htm
http://www.pa/canal/index.html
http://www.pa/patria/acta3.html