Parte de defunción

Resulta paradoxal que miles e miles de médicos cubanos salven vidas polo mundo adiante e que ese mesmo sistema que tanto se gaba non sen razón da súa solidariedade como norma no proceder exterior non sexa quen de impedir a morte de Orlando Zapata.

Apartados xeográficos América Latina
Palabras chave Cuba
Idiomas Galego

Resulta paradoxal que miles e miles de médicos cubanos salven vidas polo mundo adiante e que ese mesmo sistema que tanto se gaba non sen razón da súa solidariedade como norma no proceder exterior non sexa quen de impedir a morte de Orlando Zapata. Claro que non estamos a falar dun problema de saúde pública senón de orde política. Como políticas son tamén as misións que os médicos cubanos levan a cabo en mil e un lugares do planeta, para escarnio e vergoña de tantos países ricos renuentes e incapaces de institucionalizar o máis elemental sacrificio polo benestar global. Pero tal estado de cousas non é suficiente para absolver a Cuba senón que exemplifica a enorme contradición que desautoriza a ética do réxime: reivindicar o progreso e a liberdade fóra que se negan dentro cando a defensa numantina do propio sistema prima como estrutura sobre a preservación daqueles obxectivos emancipadores.

Pódese tentar descualificar de mil maneiras a disidencia cubana pero desde o distanciamento de quen non comparte a maioría dos seus postulados nin reclama a adopción de modelos que parasitan nas desigualdades e na opresión como fórmula de subsistencia, débese defender o seu dereito a pensar e opinar de forma diferente. Negando as liberdades elementais non se pode construir unha sociedade solidaria nin de progreso. Qué xustiza pode haber sen liberdade? A fortaleza ética de calquera socialismo debera ser suficiente para dixerir, en condicións de pluralidade, ata as reivindicacións antisistema. Moi feble é un réxime cando debe defenderse con tanta intransixencia fronte a reivindicacións de grupos tan minoritarios. 

A perda de iniciativa política que revela a parálise en que está instalado o réxime é consecuencia do bloqueo mental e ideolóxico manifestado polos dirixentes cubanos e explica a incapacidade para saír da canella en que se atopan, equiparando toda hipotética reforma mínima substancial a síntoma de claudicación e polo tanto, de entrada, condenable. Por iso, cabe esperar tempos moi complexos para a illa.

Non é só que o modelo económico sexa totalmente irracional e insostible e que precisa da adopción de instrumentos e mecanismos que lle permitan gañar eficiencia e adhesión social, senón que a multiplicación da represión desacredita calquera ilusión emancipadora asociada a un socialismo alternativo, chámese como se chame ou do tipo que sexa.

O dogmatismo e a incapacidade para adaptarse aos cambios rexistrados no mundo nas últimas décadas, ao abeiro do consabido bloqueo que, pese á innegable forza do seu mentor, enfronta a dificultade dunha realidade global onde a abrumadora maioría dos estados non soamente pronúnciase pola condena senón que moitos deles están dispostos a activar as relacións con Cuba (velaí o relanzamento da colaboración de Rusia, o apoio chinés ou de Brasil), semellan un lastre insuperable para pensar noutras posibilidades de existencia política sen renunciar ás claves antiimperialistas e de benestar social nas que aínda cabe militar, en Cuba e fóra dela. Pero esta Cuba non está en condicións de trascender o bloqueo e tirar proveito desas novas coordenadas emerxentes, tanto por razóns estruturais internas como por esa desconfianza exterior que medra ante a expectativa dun agravamento da inestabilidade nos próximos anos. Ninguén arriscará se non o fan os propios cubanos.

Resistente e ancorada, entre tabús e medos, esta Cuba pode ser un parque temático de interese político-turístico pero xa non é un modelo a imitar. Nin sequera, desde o respectuoso silencio, na propia América Latina, para aqueles dirixentes de esquerda hoxe no poder que no seu día defenderon os valores éticos e transformadores da Revolución cubana e que agora lamentan o seu triste destino. Non porque renunciaran aos seus ideais senón porque comprenden que é necesario explorar outras vías para a súa realización, adaptadas ás condicións nacionais (unha relectura indispensable en Cuba á vista das súas opcións pasadas no contexto da guerra fría) e globais, para evitar entrar nunha vía morta como a cubana, temerosos igualmente do demoledor impacto na rexión dun hipotético colapso que desexarían evitar a toda costa. Mágoa que todo acabe así. A admiración doutrora convértese en nostalxia do que foi. Anticipado e premonitorio, todo un parte de defunción.