No Parlamento galego, o 28 de xaneiro, Diego Calvo, diante das preguntas do BNG e o PSdG ao respecto, afirmou que Galicia síntese ben representada por España e que non entrará “no xogo dos independentistas”, polo cal a Xunta non ten interese en participar na Unesco e ONU Turismo.
Obviamente, o proceso inscríbese nas negociacións parlamentarias impulsadas polo PSOE para garantir estabilidade política até 2027. Porén, máis alá do seu contexto inmediato e circunstancial, estamos ante unha mudanza relevante no desenvolvemento do Estado autonómico na súa esfera exterior, polo que a resposta merece pensarse dúas veces.
Especialmente en Galicia, xa que a Unesco e ONU Turismo operan en ámbitos onde posuímos activos singulares xa recoñecido globalmente—patrimonio, cultura, lingua, turismo, modelo territorial— con impacto directo no noso desenvolvemento, benestar e PIB. De verdade a Xunta non vai procurar a interlocución co Ministerio para seguir o proceso? Onde queda o noso status de nacionalidade histórica?
Ao día seguinte da intervención do Conselleiro de Presidencia, a Xunta Directiva do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (1991-2026) expresou nun comunicado público, #Pensalo2Veces, a nosa preocupación ante esta negativa, animando á Xunta a reconsiderar a súa decisión. Tralo comunicado recibimos respostas desde representantes do PP, BNG e PSdeG, até empresas, centros galegos no exterior ou especialistas, que coincidiron na necesidade de abrir este debate con serenidade e visión estratéxica.
O proceso aberto para Catalunya e Euskadi é un primeiro paso, cheo de incertezas e con efectos potenciais de grande impacto. A decisión final non chegaría até 2027, cando se celebren as Asembleas Xerais de ambas axencias de Nacións Unidas, que deben votar favorablemente. Até entón, polo tanto, poden acontecer moitas cousas e polo tanto existen diversos escenarios por diante ata que o camiño aberto cristalice.
En definitiva, hai tempo. Non se trata de confrontación nin de mimetismos, senón de responsabilidade institucional e modernización institucional no mundo, na España e na Galicia do segundo cuarto do S.XXI. Pensalo dúas veces é estar á altura do momento. Hai tempo para reconsiderar a decisión, modelar a resposta e abrir vías de comunicación orixinais que abran un tempo novo para a nosa Acción Exterior.

