Pinochet & Thatcher: ¿vidas paralelas?

Apartados xeográficos Otros ARCHIVO
Idiomas Galego

A vulnerabilidade xudicial do ex dictador chileno Augusto Pinochet, pillado polo Tribunal Supremo do seu país trala participación na "Operación Cóndor", e as mercenarias vinculacións do fillo da ex "Dama de Ferro", Margaret Thatcher, no fracasado intento de golpe contra o dictador guineano Teodoro Obiang, amosan un curioso paralelismo nas relacións dunha das parellas mais famosas da "guerra fría". A pesar de ser dous casos diametralmente opostos, o tándem Thatcher-Pinochet vese agora salpicado por escándalos que motivan a intervención xudicial.

Mentres Pinochet estivo no seu "exilio" londinense, tralas acusacións de violacións de dereitos humanos por parte do xuiz Baltasar Garzón, a visita da ex primeira ministra Margaret Thatcher deixou en claro que a súa amizade co ex dictador chileno non era só por razóns políticas senon tamén persoais e ideolóxicas. Chile tivo unha importante participación na Guerra das Malvinas en 1982, actuando como "cabeza de ponte" para accións bélicas británicas no solo arxentino. Curioso caso, tomando en conta que os rexímenes dictatoriais de Bos Aires e Santiago formaron unha das mais importantes alianzas contra a sociedade civil e o pluralismo político de América do Sur, a tristemente célebre "Operación Cóndor", a partir de 1976. Nembargantes, as relacións entre os dous países pasaron tamén por épocas conflictivas, trala breve guerra fronteriza polo diferendo dos Xeos Continentais en 1979, finalmente solventado pola intervención do Vaticano.

Thatcher sempre agradeceu a disponibilidade de Pinochet no conflicto das Malvinas, e eloxiou o seu marcado anticomunismo. Os anos de Thatcher en Downing Street (1979-1990), os mesmos de Reagan en Washington, foron fértiles na relación entre os dous gobernos, un apoio polémico cara un réxime represivo e criminal.

O "terrorismo de estado" aplicado polos gobernos militares de Arxentina, Chile, Uruguai, Paraguay, Brasil, Ecuador, Perú e Bolivia contra a insurxencia e os partidos políticos opositores nos anos setenta e oitenta, deixou unha estela de crimes que hoxe comezan a ser contemplados dende a perspectiva da xustiza global. Por iso e mais, Pinochet non terá precisamente un retiro tranquilo. A súa directa participación nos asasinatos do ex xefe militar chileno Carlos Prats, o ex ministro de Asuntos Exteriores Orlando Letelier, e milleiros de opositores e militantes da esquerda, así como a coordinación da "internacional do terror", avalada dende Washington por Henry Kissinger e, posiblemente, desde Londres por Thatcher, está deixando ao octoxenario Pinochet ás portas do enxuizamento, tralo retiro da súa inmunidade polo Tribunal Supremo, abrindo a posibilidade de que sexa interrogado, anulando as imputacións de indisponibilidade senil, polo xuiz Guzmán.

Tamén hai que engadir que Pinochet está sendo investigado xudicialmente tralas revelacións do Senado estadounidense de amasar unha fortuna en bancos norteamericanos. A pista levou a unha conta de oito millóns de dólares no banco estadounidense Riggs e outros sete millóns na súa sucursal londinense. Ademais, séguese a pista das eventuais desviacións de diñeiro en bancos de Aruba e as Bahamas. Curioso: as acusacións de enriquecemento ilícito tamén tocan directamente ao dictador guineano Obiang.

Polo tanto, non deixa de ser significativo que, cando a xustiza chilena ten no seu punto de mira a Pinochet, a súa similar surafricana ten no seu ao fillo da Thatcher, Mark, un empresario millonario a conta da súa nai. A detención de Mark Thatcher en Suráfrica, acusado presuntamente de participar no intento de golpe contra Obiang, revela unha trama plagada de mercenarios, intereses petroleiros e vinculacións políticas que explota na faciana da propia Margaret Thatcher. O goberno guineano enviou unha solicitude oficial para poder interrogar a Mark, do mesmo xeito que o xuiz chileno Juan Guzmán está a facer con Pinochet.

No caso de Mark, un home que se cree ten unha fortuna persoal valorada en 85 millóns de euros, a súa participación no eventual golpe non foi para nada irrelevante. Dise que facilitaría un helicóptero para transportar ao líder guineano exiliado, Severo Moto, a Malabo, unha vez os mercenarios liderados por Nick du Toit e Simon Mann (hoxe detidos en Guinea, xunto a outros 14 mercenarios), lograran facer o "traballo sucio" de derrocar a Obiang. A CIA, o Pentágono, o MI6 británico e os servizos de seguridade españois coñecían os plans do grupo golpista. En arresto domiciliario, ao igual que Pinochet, Mark Thatcher espera agora un posíbel xuizo con pena de cárcere.

Deste xeito, o tándem Pinochet & Thatcher ben podería formar parte da versión moderna do clásico de Plutarco, "Vidas paralelas".