Tras derribaren o globo o día 4 de febreiro, as forzas armadas dos Estados Unidos recuperaron recentemente material crítico da aeronave, incluíndo sensores electrónicos que o FBI está a estudar.
Dende o abatemento do primeiro, outros tres obxectos voadores teñen sido derrubados do espazo aéreo estadounidense e canadense. Todos eles eran máis pequenos en tamaño que o primeiro globo detectado, o que dificultaría a labor dos pilotos militares cuxo obxectivo sería acabar con estas aeronaves.
O primeiro globo, que saltou á prensa internacional por ser avistado na localidade de Billings (Montana), levaba días a ser vixiado polas autoridades de Estados Unidos, que non chegaron en ningún momento a autorizar a presenza do globo no seu espazo aéreo, polo que se tratou dunha violación da soberanía nacional.
O goberno chinés afirmou que se trataba dunha aeronave civil desviada do seu curso debido a fortes rachas de vento. O problema é que o globo foi visto preto de infraestruturas críticas estadounidenses coma, por exemplo, silos de mísiles nucleares.
As autoridades chinesas desculpáronse, explicando que só se trataba dunha expedición científica e que o globo non era máis ca un instrumento meteorolóxico. O Pentágono de Estados Unidos non achou este argumento convincente.
Os respectivos gobernos de Canadá e de Estados Unidos levan traballando dende entón en conxunto para xerar intelixencia acerca do sucedido e controlar posibles ameazas derivadas do incidente. O xoves, 2 de febreiro, o goberno canadense requiriu ó embaixador chinés en Ottawa para ofrecer explicacións.
A versión oficial ofrecida por China é que o globo sufriu un desvío no seu percorrido debido a causas de forza maior, pero a conveniencia de se topar con instalacións críticas e o clima de desconfianza que existe na actualidade entre ámbolos dous países son elementos que dan pe á existencia de voces críticas.
A posesión destas tres últimas aeronaves derrubadas non se coñece polo momento. Hai opinións diverxentes ao respecto: tras cuestionar as capacidades de recolección de intelixencia de obxectos tan pequenos, fálase de que poderían ter sido mecanismos con propósitos comerciais ou de investigación. Porén, ningunha empresa ou outro tipo de entidade ten reclamado segundo esta liña de especulación.
Agora, pola contra, é o goberno chinés o que acusa ó seu homónimo estadounidense de ter infrinxido o seu espazo aéreo polo menos dez veces no último ano mediante a utilización de aeronaves non identificadas de características similares.
Na segunda semana de febreiro acháronse, tamén, indicios dun segundo globo, esta vez en América Latina. Portavoces do Pentágono atribúen a propiedade tamén a China, pero aínda non se ten revelado a súa localización exacta.
Algúns expertos estudan a posibilidade de que non se tratara dun accidente, senón máis ben dunha demostración de forza. As limitadas capacidades que parecía ter o obxecto en canto a recadación de información crítica, sumado ao feito de que fose fácil e rapidamente detectado, parecen indicar que unha verdadeira misión de espionaxe como tal non era o seu verdadeiro obxectivo.
Con todo, as capacidades reais do primeiro globo aínda están a ser estudadas a partires dos restos recuperados do Atlántico despois de derribaren a aeronave.
O momento é crítico para a relación entre China e Estados Unidos, xa que ambos países teñen varios puntos de fricción nas súas respectivas políticas exteriores. O crecemento da relevancia de Pequín entra en conflito coa preponderancia global que Washington leva abandeirando as últimas décadas.
A seguridade no espazo Indo-Pacífico é un elemento central nestas relacións. Cuestións como a de Taiwán, a soberanía de varios arquipélagos no mar Meridional, ou a militarización progresiva dun área xeográfica onde se sitúan algunhas das principais rutas comerciais do planeta son algúns elementos de fondo a ter en conta.

