images lorespremio

Pontevedra e a acción exterior de Galicia

A historia de Galicia, principalmente determinada neste sentido pola nosa posición xeográfica, foi de sempre unha historia conectada ao mundo de maneira intensa. Especialmente desde o mar e as rutas marítimas globais, das orixinarias ás actuais. Nesa vibrante aventura de conectividade internacional de Galicia, Pontevedra terá o seu momento de máxima exposición coa aparición da Feira Franca a finais do S.XV, convertendo a cidade nun porto referencial das ruta comerciais en Europa, sendo a cidade máis poboada e próspera de Galicia durante 200 anos….

Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Idiomas Galego

A historia de Galicia, principalmente determinada neste sentido pola nosa posición xeográfica, foi de sempre unha historia conectada ao mundo de maneira intensa. Especialmente desde o mar e as rutas marítimas globais, das orixinarias ás actuais. Nesa vibrante aventura de conectividade internacional de Galicia, Pontevedra terá o seu momento de máxima exposición coa aparición da Feira Franca a finais do S.XV, convertendo a cidade nun porto referencial das ruta comerciais en Europa, sendo a cidade máis poboada e próspera de Galicia durante 200 anos….

Desde aquela e chegados os tempos distópicos actuais, impresiona observar a liña de tempo da Pontevedra internacional actual ligada á referencialidade do modelo urbano, hoxe tan premiado internacionalmente. Ao comezo a loita medioambiental contra a contaminación, a recuperación da beleza e orgullo de cidade ou a procura da seguridade vial, foron elementos tractores da reforma e revolución urbana, que se converteu de maneira visionaria no eixo central do modelo de cidade desde o primeiro mandato de Lores.

Pontevedra hoxe, coma cidade intermedia no mundo do S.XXI é un referente global no deseño urbano das cidades do futuro, premiada a nivel europeo e mundial, e o seu exemplo reprodúcese por medios de comunicación e cidades do mundo enteiro. Desde aquel Premio ao Metrominuto no 2011, o ONU-Habitat no 2015 ou a aparición viral no xornal británico The Guardian 2018, os minutos e os espazos de publicidade internacional para a cidade multiplicáronse, converténdose nun dos nosos activos máis relevantes para a proxección internacional de Galicia. O máis sorprendente e indicador máis verdadeiro é que calquera persoa que visita Pontevedra experimenta cos seus pasos os premios e os piropos de urbanistas de todo o mundo.

images lorespremio

A inspiración do modelo vai dos clásicos de sempre e da época, aterrada ao contexto da Pontevedra dos anos 90. Teñen moito de simbólico co paso do tempo as primeiras visitas a Pontevedra de Jeanne Picard ou F. Tonucci, arredor da reforma urbana e o deseño amigable das cidades coa infancia a comezo dos anos 2000. Ademais, é un un modelo onde a relación coa actual ENCE fixo do ecoloxismo unha pegada estrutural da cidade.

As consecuencias daquelas decisións de comezos de século dan 20 anos despois resultados rotundos en relación á seguridade vial e a mobilidade urbana, a saúde das persoas ou do aumento sistemático do número de visitantes e turistas da cidade, mais tamén en relación a unha visión estratéxica en relación co internacional no impulso da súa programación: o Salón do Libro, os multitudinarios e variados eventos deportivos internacionais, a Feira Franca, o Festival de Jazz, a Semana galega da Filosofía, as relacións con Portugal e a a lusofonía en xeral… 

Nese proceso a cidade medrou orgullosa de maneira transversal coa cidade construída, contando xa con actores consolidados e empresas e entidades internacionalizadas en liña co propio modelo, así coma segmentos estratéxicos ben posicionados na relación co global; coma a moda, o deseño, a saúde, o deporte, as tecnoloxías, a gastronomía, a Universidade ou a cultura…. A ollada plural desa vida internacional engade moito valor diferencial e posicionamento.

Na ollada da Axenda 2030 de Nacións Unidas e a próxima década, pensando desde Galicia e Pontevedra, a captación dos fondos europeos e internacionais, investimentos, talento, ou visitantes, o perfil internacional de excelencia desenvolvido co modelo urbano é potencial embaixada de todas as persoas e axentes da cidade, e de Galicia. Na ollada dos próximos vinte anos todo este capital acumulado pode xogar un papel extraordinario no modelo de desenvolvemento da cidade e da propia Galicia, nese aliñamento integral coa Axenda 2030.

Este artigo realizouse no contexto da chamada realizada polo Ateneo de Pontevedra arredor dos Retos de futuro de Pontevedra.