20060620petrobras primeira producao hbio

Por que tanta teima coa Lusofonía?

Apartados xeográficos Otros ARCHIVO
Idiomas Galego
 Primeira produção do óleo diesel H-Bio, clic para aumentar
Na Lusofonía está Brasil, potencia económica emerxente con espectacular potencial que, entre outras cousas, podería vir a ser o principal produtor mundial de bio-combustíbeis, substitutos limpos e renovábeis do petróleo. Na Lusofonía está Angola, segundo maior produtor de petróleo da África Subsahariana e principal fornecedor desta substancia á China, actualmente. (Foto: São José dos Pinhais (Paraná). Presidente Lula comemora a primeira produção do óleo diesel H-Bio, tecnologia inédita criada pela Petrobras que vai permitir ao Brasil economizar a importação de óleo diesel em 250 milhões de litros/ano. ©Domingos Tadeu/PR).
 

Hoxe en día aínda non existe un acordo arredor de se galego e portugués son linguas diferentes ou dúas variantes dunha mesma. Así e todo, dase un elevado grao de concordancia arredor da facilidade de entendemento existente entre as persoas que falan galego e as que falan portugués. É nisto que se fundamenta, por exemplo, o feito de a TVG non usar subtítulos cando alguén fala en portugués ou o que explica o lema que ten usado o IGAPE (Instituto Galego de Promoción Económica) nos EUA, segundo o que "Galician people speak Portuguese": as persoas galegas falan portugués. E é esta facilidade de entendemento lingüístico a que abre á Galiza un inefábel mundo de posibilidades nos territorios de lingua portuguesa cuxo aproveitamento impón o senso común.

Poñamos cifras na mesa. A Lusofonía representa, sen incluír a Galiza, máis de 222 millóns de persoas no mundo e manexa aproximadamente a 1/50 do PIB mundial. O PIB lusófono creceu en 2004 a un ritmo medio de 6,5%, tendo sido os crecementos medios de Mozambique e Angola no período 2000-2004 de 7,36% e 7,03% respectivamente. Constitúe, pois, un mercado considerábel con perspectivas de crecemento notábeis que chegan mesmo a ser extraordinarias. Obsérvese, por exemplo, que Angola podería crecer arredor do 30% no presente ano, segundo un artigo recente aparecido na revista Visão.

Na Lusofonía está Brasil, potencia económica emerxente con espectacular potencial que, entre outras cousas, podería vir a ser o principal produtor mundial de bio-combustíbeis, substitutos limpos e renovábeis do petróleo. Na Lusofonía está Angola, segundo maior produtor de petróleo da África Subsahariana e principal fornecedor desta substancia á China, actualmente. Na Lusofonía están Macau e Goa, portas de entrada para a China e a India, respectivamente, dous dos mercados máis cobizados nos días de hoxe. Na Lusofonía está Mozambique, país co maior crecemento mundial do turismo no ano 2005 segundo a Organización Mundial do Turismo.

A Lusofonía é costa, quilómetros e quilómetros de costa para os nosos mariñeiros. "Da minha lingua vê-se o mar" dicía o escritor portugués Vergílio Ferreira. A Lusofonía é necesidade de edificios, de estradas, de universidades, de tecnoloxía, de coñecementos técnicos do máis diverso tipo… para os nosos empresarios e profesionais especializados. A Lusofonía é tamén necesidade básica, de comida, de bebida, de medicina… para a nosa cooperación para o desenvolvemento. A Lusofonía é actividade cultural intensa e heteroxénea coa que nos enriquecer, e tamén mercado cultural para os nosos artistas: escritores, músicos, pintores…

Galiza ten, en fin, practicamente as mesmas posibilidades de aproveitamento da Lusofonía que pode ter calquera país lusófono. Con dúas vantaxes que a fan única e que lle poderían abrir, quizá, máis portas que aos demais países: Galiza é un país desenvolvido e Galiza non foi a metrópole imperial da Lusofonía. O que se precisa é vontade política. Haina?