igadi nos no mundo 2025 weintheworld pages to jpg 0001 1

Presentación Informe Nós No Mundo 2024-2025: E agora que?

Se nas últimas edicións do Informe Nós No Mundo puxemos o acento na necesidade de activar a Lei de Acción Exterior de Galicia, publicada no DOG no 2021, este ano centramos o foco na nova Estratexia Galega de Acción Exterior 2025-2029. Despois de catro anos de preparación pública, oficializouse en marzo do 2025, sendo o primeiro marco estratéxico da nosa Acción Exterior trala aprobación da Lei no 2021.
Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia

A nova EGAEX parécese moito a primeira (2018-2020), o cal ten algunhas cousas boas, como amosarnos o proxecto de internacionalización do conxunto do Goberno galego, que como a EGAEX describe, atravesa todo o orzamento da Xunta: do Xacobeo á Estratexia Retorna, ou do Plan de internacionalización do IGAPE ao traballo da Fundación Galicia Europa e as convocatorias internacionais de proxectos, da Eurorexión, á cooperación internacional de ONGD´s, fondos europeos, Universidades…

Aínda co fondo pesar que nos da non ter unha EGAEX máis ambiciosa, como levamos anos aspirando a mellorar, o marco normativo da Acción Exterior de Galicia construído nos últimos 10 anos, dos Decretos á Lei e á EGAEX e os órgaos consultivos (Consello de Acción Exterior, Consello de Galeguidades, Observatorio da Lusofonía Paz Andrade), definiu unha arquitectura institucional da Autonomía, que cristalizou a obra emprendida por Manuel Fraga nos anos 90.

Asumindo que o ciclo da EGAEX 25-29 seguirá sen mecanismos de coordinación, coherencia e avaliación, e no ánimo de seguir o noso camiño os próximos anos, cómprenos apuntar ao lugar onde está a esencia das posibilidades para mellorar a nosa Acción Exterior entre o 2025 e o 2029. Seguir á EGAEX 25-29 e o seu índice, especialmente nos puntos 3-Unha acción exterior reticular a favor da eficiencia e 4-Axentes e actores galegos da acción exterior: coordinación, cooperación, colaboración perfeccionada.

O IGADI desde a misión e o traballo que levamos adiante desde 1991, seguirá cada día, construíndo espazos plurais, para que a diplomacia pública galega achegue, ademáis de coñecemento e innovación, oportunidades e benestar á sociedade galega.

O Informe Nós No Mundo 24-25

Desde o ano 2010 o Informe Nós No Mundo serve para falar balance da acción exterior de Galicia. Levamos todo este tempo facendo seguimento ao desenvolvemento das accións de internacionalización do goberno e a sociedade galega, dando contas das portas e autoestradas globais que levamos con nós. Nesta edición número 16, quixemos poñer o foco na nova EGAEX e o momento da nosa acción exterior.

Para esta misión contamos en primeiro lugar con catro achegas desde a Xunta de Galicia. En primeiro lugar e abrindo o Informe, o Director Xeral de Acción Exterior, UE e Cooperación, Jesús Gamallo, acompañado de moi aprezadas achegas desde a Xunta de Galicia, como a de Marta Villaverde (Consellaría do Mar), Valentín García (SX de Lingua), Ildefonso de la Campa Montenegro (Director da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo de Galicia), ou Covadonga Toca, (Directora do IGAPE), ou desde outra natureza institucional, a participación de Xavier Queipo, da Comisión de Acción Exterior do Consello da Cultura de Galicia. Xunto a todos eles, contamos tamén coas achegas sobre a EGAEX dos grupos parlamentares do Partido Popular, BNG e PSdG.

Finalmente, o Informe conta co valor engadido de achegar textos de destacados investigadores asociados do IGADI, Serafín Pazos Vidal, Diego Sande Veiga, Christoph Schreinmonser ou Paula Sabajanes.

Como no 2024, faise pertinente concluír o Informe Nós No Mundo 2024-2025 coas Conclusións do Maratón de Galeguidades 2025, un programa de televisión por internet da Deputación da Coruña que producimos o 24 de xullo por segunda ocasión, para conectar á Galicia territorial coa Galicia exterior.

Só nos resta por agradecer a todas as persoas participantes neste Informe a súa valiosa achega, así como a Secretaría Xeral de Política Linguística, que desde hai 16 anos apoia a edición deste Informe anual.

Descarrega desde aquí o Informe anual Nós No Mundo 2024-2025

Podes coñecer as 16 edicións do Informe Nós No Mundo desde aquí.