200411bombas fosforo blanco sobre faluya01

Que estratexia para Iraq?

Apartados xeográficos Oriente Medio ARCHIVO
Idiomas Galego
 Fósforo blanco sobre Faluya, clic para aumentar
Resulta evidente que a administración Bush non ten intencións de reflectir un "mea culpa" polos custosos erros da súa invasión a Iraq . As torturas en Guantánamo e Abu Ghraib e, presuntamente, en Cosova; os voos secretos da CIA en Europa; a revelación na utilización de armas químicas no ataque a Faluya; a fractura da legalidade internacional ante a falta de credibilidade… todos estes son elementos preocupantes para unha presidencia que, no aniversario da súa reelección, se atopa acurralada ante o descontento da opinión pública. (Foto: Imaxe dun documental italiano denunciando o uso de bombas de fósforo blanco sobre a cidade iraquí de Faluya en novembro de 2004).
 

¿Qué clase de análises, informacións e consellos recibe Bush da situación en Iraq? ¿Está inmerso o presidente estadounidense nunha "burbulla", illado e afastado da realidade? Despois do discurso do mandatario republicano na Academia Naval de Annapolis, na que se presentou un documento sobre a "Nova Estratexia para a Vitoria en Iraq", semella unha verdade que en Washington non esperan variar a súa política no país árabe, ao mesmo tempo que os seus estrategos viven inmersos nun falso e arriscado optimismo.

Isto evidencia tamén que, a pesar da contrariedade das recentes enquisas (un 55% dos estadounidenses non cren na vitoria que Bush pregoa en Iraq), do escepticismo da opinión pública estadounidense e a falta de credibilidade do goberno, os republicanos consideran que o discurso de Bush podería traer beneficios electorais a futuro, xa que aspiran a reforzar o seu poder político nos comicios lexislativos de outubro de 2006.

Varios signos do documento do Consello de Seguridade Nacional e do discurso de Bush, presentados publicamente na noite do mércores 30, permiten concluír que a Casa Branca, a pesar das críticas, dos reveses e da baixa na popularidade do presidente e das dúbidas ante a "guerra contra o terrorismo", non pensa en mudar a súa política en Iraq nin concreta aínda, nun marco temporal, a retirada de tropas. O cálculo da crise segue a cifrarse desde o punto de vista estritamente militar.

Catro aspectos se resaltan no discurso de Bush. En primeiro lugar, resulta necesario identificar o marco presencial no que se desenvolveu o discurso presidencial. Non foi casual elixir unha academia militar naval para difundir os pasos desta nova estratexia. Con este xesto simbólico, Bush reforza aínda mais o papel dos "marines" como axentes móbiles da estratexia hexemónica estadounidense, distante da legalidade internacional, e manifesta tamén a súa intención de concentrar no poderío militar a principal baza desta estratexia. Neste momento, é a única audiencia capaz de escoitar atentamente a mensaxe do presidente.

En segundo lugar, o excesivo énfase, tanto no documento coma no discurso, na palabra "vitoria", achega elementos discordantes. ¿De qué vitoria están a falar Bush e o seu equipo? Con dous mil efectivos militares mortos na posguerra iraquí, 16.000 feridos, unha continua acción da insurxencia que afonda o sectarismo étnico e relixioso e o caos interno, as dificultades para conseguir consenso político e unha evidente baixa de popularidade na súa xestión, o termo "vitoria" semella contraproducente.

Nos derradeiros días, no marco da Liga Árabe, as comunidades xiíta e kurda alcanzaron acordos coa comunidade sunnita para levar adiante o proceso electoral presidencial do próximo 15 de xaneiro. Nun comunicado, as tres comunidades rexeitaron identificar a insurxencia como "terrorista", preferindo o termo "resistencia nacional". Pouco despois do discurso de Bush, a rama de Al Qaeda en Iraq atacou unha base militar estadounidense en Ramadi, rodeando aos seus efectivos.

¿Significa todo isto unha "vitoria" para Bush? Aínda que os líderes políticos en Iraq lograran lexitimar unha Constitución (de natureza"islámica" nun antigo Estado laico), levar a cabo eleccións e facilitar unha sensación de transición da era post-Saddam, a realidade iraquí non permite a Bush reflectir nos seus discursos e nas súas futuras estratexias a sensación de que "a guerra se está ganando". O discurso é monotemático, simplista e falto de realidade: como explicara o mércores, "a vitoria tomará tempo" mentres pediu paciencia porque "a nosa estratexia está funcionando". Semella obsesionado por non dar unha imaxe de debilidade, de rectificación, co cal estaría perdendo unha boa oportunidade de conciliar a súa estratexia coas demandas dos países europeos, árabes e asiáticos.

En terceiro lugar, resulta evidente que a administración Bush non ten intencións de reflectir un "mea culpa" polos custosos erros da súa invasión a Iraq . As torturas en Guantánamo e Abu Ghraib e, presuntamente, en Cosova; os voos secretos da CIA en Europa; a revelación na utilización de armas químicas no ataque a Faluya; a fractura da legalidade internacional ante a falta de credibilidade… todos estes son elementos preocupantes para unha presidencia que, no aniversario da súa reelección, se atopa acurralada ante o descontento da opinión pública. A necesidade da "vitoria" xustifica a súa acción e a súa política.

Finalmente, Bush explicou que a base da transición e a estabilidade do país será "conformar un goberno e un exército propiamente iraquí". Só dese xeito podería falarse dunha paulatina retirada de tropas estadounidenses, aínda que advertiu que non permitiría "calendarios artificiais". Un dos principais problemas para a transición iraquí ven sendo a conformación dun goberno de consenso entre as tres comunidades. Do mesmo xeito, a desintegración do Exército "baazista" da era de Saddam acelerou a fragmentación sectaria e o ascenso das milicias nun país onde a lexitimidade das institucións e a conformación dunha identidade nacional, amosa puntos débiles.

Esta estratexia de "vietnamización" da situación en Iraq, similar á configurada por Richard Nixon no país asiático en 1969, corre riscos de empantanar aínda mais a posguerra no país árabe. Bush considera a Iraq como o punto clave na súa estratexia de reforma, formulada no 2003, dentro do plan para o Grande Oriente Medio. Neste sentido, o presidente estadounidense reforzou a súa tese no discurso, apuntando contra Siria e Irán, posiblemente amosando unha ampliación mais rexional da súa estratexia en Iraq.

Pero o evidente momento de transformación na rexión, consecuencia tamén directa da invasión militar a Iraq, non se dirixe exactamente cara os obxectivos e desexos de Washington e contribúe afondar a fenda entre EEUU e a comunidade internacional. Bush e o seu equipo non semellan darse conta diso.