O certo é que a animadversión de Prigozhin cara á cúpula militar rusa acumulárase e quentárase desde hai meses. A súa estraña empresa, que carece de personalidade xurídica, foi creada en colaboración coa Dirección xeral de intelixencia do Ministerio de Defensa, para levar a cabo fóra de Rusia tarefas especiais nas que os militares rusos non podían participar abertamente. Inicialmente recrutáronse efectivos retirados de tropas especiais para realizar operacións pouco transparentes no estranxeiro, por exemplo, en Malí, a República Centroafricana e Sudán, onde os gobernantes necesitaban afianzar a súa propia seguridade, o que significaba represión de calquera manifestación de disidencia. Por iso Rusia, representada pola empresa ou polo propio Prigozhin, recibía unha parte substancial na explotación mineira das maiores riquezas naturais dos devanditos países: ouro, volframio, titanio e uranio. Grazas a isto Rusia, repuxo considerablemente a súa reserva de ouro e, como consecuencia diso, a campaña militar de Prigozhin converteuse nunha organización de elite que gozaba dunha confianza case ilimitada de Putin e todos os altos mandos. Por tanto, cando o Kremlin comezou a súa agresión contra Ucraína, a compañía Wagner foi involucrada de novo para resolver tarefas de tipo subversivo, socavando a posición do estado ucraíno naqueles territorios que Rusia pretendía ocupar e incorporar.
Xa o ano pasado, Prigozhin, que non ten nin gradación nin formación militar, acusou á dirección do Ministerio de Defensa ruso de incompetencia e, sentindo que el estaba a cumprir o papel principal na guerra sucia, propuxo que se enviase aos xenerais que estaban ao mando como soldados rasos ás seccións máis duras da fronte. Máis tarde afirmou que os seus combatentes non recibían munición suficiente e que agora simplemente empregaban lanzamísiles múltiples. Prigozhin, probablemente, deuse conta de que, como ocorre nas asociacións criminais, o favor dos líderes pode mudar sinxelamente polo que debería temer pola súa propia vida. A campá de alarma soou cando Putin asinou unha lei que obrigaba aos membros dunha empresa militar privada a asinar contratos individuais co Ministerio de Defensa. Como isto podía significar o fin de Prigozhin, este decidiu ir ao seguro. Chegou a afirmar que Putin non dispoñía de información crible sobre a situación, afirmando mesmo que a decisión de invadir Ucraína fora errónea porque este país non estaba a preparar ningún ataque contra Rusia. Isto xa cualificaba para unha acusación a nivel estratéxico.
Quentándose ata tal nivel, Prigozhin dirixiuse a Moscova cos seus 25.000 combatentes. Segundo el, esta debía ser unha marcha pola xustiza: primeiro conseguiríana para a tropa (facendo algo contra os xefes corruptos do Ministerio de Defensa), logo rescataría a xustiza para toda a nación. “Non queremos que o país siga vivindo na corrupción, a fraude e a burocracia”, dixo o xefe da agrupación criminal que durante décadas beneficiouse deste mesmo sistema e recibira encargos multimillonarios do Kremlin.
Prigozhin sempre foi considerado un intocable, entre outras cousas pola súa proximidade a Putin. Ambos son oriúndos de Leningrado e ambos practicaron deportes para desenvolver a súa forza física co fin de asentarse nunha contorna marcada pola delincuencia xuvenil (a diferenza é que grazas ao deporte Putin conseguiu unha bolsa na Universidade e posteriormente foi aceptado na seguridade do Estado, mentres que Prigozhin, ao cumprir 18 anos, comezou o seu periplo polos cárceres, condenado por crimes violentos).
Para a marcha dos “rebeldes” a Moscova, na capital declarouse estado de ameaza terrorista, activouse a defensa antiaérea e dispúxose maquinaria militar en lugares estratéxicos. A televisión emitiu unha alocución gravada de Putin na que chamou traidores aos responsables do motín e prometeu castigalos con toda a severidade. Con todo, non mencionou a Prigozhin persoalmente, do mesmo xeito que este tampouco acusou o presidente explicitamente, falando dun avoíño que toma decisións nefastas sen querer proverse de información real sobre o que pasa no país.
Mentres analistas en todo o mundo facían conxecturas sobre se a compañía de Prigozhin era capaz de neutralizar as forzas de seguridade do goberno ruso, se provocaría algún cambio no sistema de poder en Moscova e que pasaría no país que ten ao maior arsenal nuclear no mundo, a “rebelión” rematou sen pena nin gloria. Cando as forzas de Prigozhin estaban a 200 km de Moscova, el anunciou que, para evitar baixas inútiles (xactándose que non perdera a ningún dos seus combatentes durante a “campaña” de menos de 24 horas), daba a orde a todos os seus efectivos de poñer marcha atrás e volver aos seus campamentos de guerra.
Na tarde do 24 de xuño, o autoproclamado gobernante bielaruso, A. Lukasenka, declarou que mantivera conversacións con Prigozhin, segundo o acordado co presidente ruso, e Prigozhin aceptou deter a marcha dos seus combatentes do grupo e regresar aos seus campamentos. Aos combatentes da PMC de Wagner proporcionóuselles seguridade e o Kremlin deixaría sen efecto todas as causas penais abertas contra os responsables do motín.
A pesar das frecuentes insinuacións de que Prigozhin pretendía facerse co poder no país, en realidade non estaba descontento nin do lugar que ocupaba no réxime nin do papel que estaba a cumprir. Pero, tras a decisión de que os seus mercenarios celebrasen contratos individuais co Ministerio de Defensa, perigaba o seu papel como principal forza de choque na guerra contra Ucraína, o que o réxime comezara a ver como unha ameaza para o seu poder. No fondo, Prigozhin buscaba recuperar este papel e fíxoo á súa maneira de matón, que por certo é perfectamente comprensible para o réxime. A chantaxe fracasou e foi relegado a Bielarús, posiblemente para preparar unha nova campaña de mercenarios contra Kíiv desde o seu territorio.
Referíndose ao motín fracasado, o secretario de Estado norteamericano, A. Blinken, afirmou que o “caótico sábado” deixou ao descuberto “auténticas gretas” na autoridade do presidente Putin, e o asesor xefe da Oficina do Presidente de Ucraína, comentou que os acontecementos humillaron “a Putin e á cúpula do Kremlin e demostraron que as autoridades rusas xa non teñen o monopolio da violencia”. As rifas internas non afectaban a unidade rusa contra Ucraína; todas as partes implicadas no conflito estaban unidas en canto á necesidade de destruír a Ucraína, discrepaban só sobre quen o podía facer mellor e quen debía levar a batuta. A situación na fronte non se viu afectada pola “rebeldía”. A retirada dos wagnerianos da fronte non debilitou os ataques rusos contra as Forzas Armadas ucraínas. Ademais, os combatentes de Kadyrov, que teñen a mesma falta de criterio moral no seu “traballo”, foron postos no seu lugar o mesmo día.
Noutras palabras, a guerra continua coa mesma crueldade e a atención de todos debe seguir centrándose en como apoiar a Ucraína na súa loita pola súa existencia, porque a estas alturas é ilusorio esperar que en Rusia apareza un cambio por dentro que faga posible unha renuncia á agresión.