Rambouillet: A pacificación armada

A presión exercida pola diplomacia franco-británica conduciu a serbios e kosovares ata as aforas de París para negociar un acordo de paz, paradoxalmente, pouco negociable. O ultimato occidental pretende reproducir en boa medida o escenario dos acordos de Dayton de 1995. De feito, unha das variables barallada como alternativa ó conflicto é a propia "bosnificación" de Kosovo e a conseguinte aparición de enclaves configurados como "rexións autónomas serbias" que deixarían aberta a posibilidade de fragmentar a unidade deste territorio. Sexa cal sexa o resultado final destes "exercicios espirituais" de Rambouillet cos que Europa pretende operar o seu particular lavado de cara en vésperas do cincuenta aniversario da OTAN e das eleccións previstas para xuño, será vendido, con toda probabilidade, como un éxito diplomático sen parangón. O fracaso conduciría directamente á intervención armada. Nun e noutro suposto, inevitablemente, quedarán flecos dabondo como para alentar o escepticismo.

Os albaneses foron os primeiros en anunciar a súa participación nestas "negociacións". Convencido da positiva influencia da intervención exterior sobre a evolución do conflicto, case de inmediato, o líder moderado, Ibrahim Rugova, amosouse disposto a asistir a Rambouillet. Algo máis tarde tamén deron a súa conformidade os representantes da UÇK (Ushtria Çlirimtare e Kosovës), quen aceptaron compartir a representación albanesa. As diferencias entre ambos movementos manteñense, sen embargo, como demostrou o fracaso da convocatoria realizada días antes dende Tirana para intentar perfilar unha estratexia e alternativa comúns a defender durante as negociacións. Pese ós esforzos, sorprendentemente mancomunados, do ex-presidente Sali Berisha e do actual primeiro ministro albanés, Pandeli Majko, os representantes da Liga Democrática de Kosovo declinaron a invitación.

As expectativas de acadar un acordo beneficioso para os intereses kosovares atopanse con algunhas reservas importantes. En primeiro lugar, a posición de fortaleza interna de Slobodan Milosevic, o presidente iugoslavo. Pouco dado a concesións, nos últimos meses, Milosevic procurou tirar proveito do conflicto de Kosovo para asentar aínda máis firmemente o seu poder en Belgrado. Dunha banda, atraeu para a súa política non soamente ao líder da extrema dereita, Vojislav Sesejl, habitual compañeiro de fatigas, senón inclusive ó "demócrata" Vuk Draskovic, quen hai escasos anos lideraba precisamente a mobilización dos estudiantes e da oposición iugoslava para esixir a dimisión de Milosevic, acusado entón de fraude electoral. Por outra, en menos dun mes, destituía ó xefe da policía secreta, Jovica Stanisic; ó comandante das forzas aéreas e da defensa antiaérea, Ljubisa Velickovic e ó xefe do estado maior do exército iugoslavo, o xeneral Momcilo Perisic. Durante as protestas de 1996-97, Perisic recibira unha delegación de estudiantes para garantirlles a neutralidade castrense na polémica. Deste xeito, argumentando deslealdade, Milosevic reemprazaba as persoas clave da policía e do Exército. A substitución do xeneral Perisic foi duramente contestada polos representantes montenegrinos no Consello Supremo de Defensa da Federación. O presidente de Montenegro, Milo Djukanovic, destacou o perigo de destrucción da Federación e mesmo chegou a falar de incitación á guerra civil. Pero tan graves tensións non tiveron, ata agora, maiores consecuencias.

En segundo lugar, a posición diplomática occidental, interpretada, por regla xeral, como pouco favorable ás teses kosovares a prol da independencia. En efecto, tanto a diplomacia británica, como especialmente a francesa, responsabilizan fundamentalmente á UÇK do incremento da tensión na zona. Gabriel Keller, asistente da Misión de verificación da OSCE, responsabilizou directamente ós membros da UÇK da escalada bélica. Por activa e por pasiva, en máis dunha ocasión reiteraron que baixo ningún concepto admitirán a alteración das fronteiras sen que medie a improbable anuencia das autoridades serbias e iugoslavas. Escenificacións aparte, ata agora as presións do Grupo de Contacto revelaronse infinitamente máis tibias con Milosevic que cos albaneses. Pese a todo, estes son conscientes de que deberán efectuar concesións pois sen o compromiso e apoio exterior dificilmente mellorarán as súas expectativas dunha minima normalización política.

O plan do Grupo de Contacto

A proposta do chamado Grupo de Contacto (Reino Unido, Francia, Alemania, Italia, Rusia e Estados Unidos) baséase nun plan americano para o Kosovo que foi publicado o 17 de setembro do pasado ano no diario albanés de Pristina "Koha Ditore". A iniciativa contempla un complexo estatuto político para Kosovo en base á configuración dunha autonomía sextuple (local, nacional, rexional, republicana, federal e internacional) que procura transcender as denominacións conflictivas para centrarse na definición do marco competencial e no establecemento de garantías para o seu pleno exercicio. Sen dicilo abertamente, o plan establece que o "territorio" de Kosovo formaría parte da Federación Iugoslava, se ben recoñecendo un nivel tal de autonomía nacional e local que esixirá importantes modificacións da vixente Constitución serbia.

Segundo o proxecto, baixo o control de Belgrado quedarían a política exterior, a defensa, a política monetaria e alfandegaria e a facenda federal. Os albaneses contarían cunha fiscalidade propia e con órganos de poder autónomos ós niveis lexislativo, executivo e xudicial. Igualmente contemplase o deseño de estructuras de xestión para cada unha das comunidades étnicas que habitan na zona e que contarán cadansúa cun "Consello nacional" e representantes directos na Asemblea lexislativa. Arbitranse igualmente garantías para a protección dos dereitos culturais, étnicos e relixiosos das diferentes comunidades (uso da lingoa propia e da escritura, da toponimia, en materia de información e educación, etc). A proposta americana contempla ademais a figura dun "Valedor do Acordo" que sería nomeado polo goberno iugoslavo a partir dunha lista de candidatos proposta polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.

Promovese e garantese a participación nas institucións federais mediante a asignación dun cupo de representantes nas institucións lexislativas (Parlamento e Cámara federal) e nos executivos de Serbia e da Federación. O plan preve que Kosovo dispoña dunha estructura xudicial autónoma pero tamén con representantes propios nos Tribunais Supremos tanto de Iugoslavia como de Serbia.

No marco da proposta, a priori, os puntos máis polémicos son dous. En primeiro lugar, a posibilidade de establecer mecanismos de comunicación cos albaneses situados fora das fronteiras iugoslavas. Os representantes serbios consideran que esa facultade é un elemento da política exterior e que polo tanto soamente pode ser desenvolvida por Belgrado. En segundo lugar, todos os aspectos relativos á seguridade. O proxecto establece que a función policial quedará en mans das comunidades locais. O mantemento da orde pública non sería competencia da policía federal, limitada na súa actuación ó control das fronteiras, a seguridade exterior e a persecución de crimes e delincuentes internacionais. A implementación do plan esixiría a retirada das tropas da policía e do Exército iugoslavos, a desmilitarización das forzas da UÇK e o desplegue das tropas da OTAN. Serbia aceptou o despliegue de verificadores da OSCE (reféns potenciais no suposto de intervención armada) pero rexeita a presencia militar internacional no "seu" territorioe procurará impedila ou limitala á minima expresión.

Asumindo todas as partes que a vixencia do plan é limitada (tres anos) e que durante ese periodo de transición deberá negociarse un estatuto definitivo para Kosovo, o horizonte final dese proceso é igualmente obxecto de controversia. O Grupo de Contacto rexeitou a posibilidade de celebrar un referendo de autodeterminación, proposto polos kosovares como opción lóxica e inevitable na previsible suposición de non conseguir unha solución definitiva ó cabo destes tres anos. Sen embargo, a posición da administración estadounidense é mais ambigüa e, a diferencia dos europeos, non descarta a hipótese da independencia. Os líderes kosovares, tanto moderados como da UÇK, contemplan a súa participación na Federación como unha mera coordinación, sen subordinación xerárquica e autodefinen Kosovo como "unha entidade asociada por tempo definido". Con independencia de cal sexa a letra do acordo de Rambouillet, en Prístina ninguén quer ser o primeiro en renunciar ó Estado nacional. Esta disxuntiva alimentará as diferencias no seo das formacións políticas kosovares durante os próximos meses.

Pechar en falso

A UÇK teme a desmobilización dos seus efectivos e considera que os custes do esforzo despregado dende o verán pasado merecen unha recompensa política apreciable. Segundo revelou a "Kosova Sot", Naim Maloku, integrante do Estado Maior da guerrilla, as súas forzas non son inexpertas e melloraron substancialmente a súa capacidade de pelexa. Dende o inicio do conflicto reclutaron numerosos combatentes con experiencia nas guerras de Croacia e de Bosnia e outros cadros con formación nas academias militares iugoslavas. A UÇK aspira á proclamación da independencia de Kosovo como primeiro paso para a creación dunha "Gran Albania" que incluiría tanto ós albaneses de Tirana comode Skopje (Macedonia). Esta reinvidicación e as denuncias, desmentidas pola UÇK, de participación de voluntarios chechenos nas súas filas, provocan grandes reticencias en Bruselas.

Para Milosevic, despois das perdas sufridas en Croacia e Bosnia-Herzegovina, non resultará doado resignarse a perder o control sobre o territorio de Kosovo. A aposta pola "Gran Serbia", idea central do seu proxecto político, determinou paradoxalmente a progresiva reducción das dimensións do país. Pero ademais, sen guerra, pode diluirselle o ingrediente nacionalista que o aupou e mantivo no poder durante a ultima década e deberá atender os graves problemas dunha economía en desfeita. Por iso non son poucos os que opinan que Milosevic prefire deixar aberta a cuestión de Kosovo.

A maiores, pese ó férreo control exercido en Serbia, en condicións de paz, Kosovo podería convertirse no seu talón de Aquiles. Se os dous millóns de kosovares poden desenvolverse en condicións democráticas e se incorporan á vida política serbia e iugoslava e asi mesmo cristalizan as diferencias de Montenegro, poderían abanear as súas maiorías parlamentarias e Milosevic estaría na corda floxa. El sabe que se perde o poder, son moitas as posibilidades de ser conducido perante o Tribunal Internacional de La Haya. Máis que a paz ou o futuro do berce histórico da nación serbia, no fondo, ese é o único perigo que realmente lle pode quitar o sono a Milosevic, o verdadeiro dinamitador da Iugoslavia de Tito.