“Refuxiados” en Múnic

Sen prover un marco definido para a solución do interminable conflito sirio así como do desastre humanitario motivado pola crise de refuxiados, a recente Conferencia de Seguridade de Múnic evidenciou en qué medida as grandes potencias antepoñen sen ambigüidades os seus intereses xeopolíticos na confección do “novo Oriente Próximo”, por riba das necesidades de poboacións azoutadas polos estragos da guerra. Intereses principalmente motorizados por EUA e Rusia a través dos seus respectivos aliados (Arabia Saudita, Turquía, Irán), persuadidos da necesidade de asegurar os seus imperativos estratéxicos nunha cada vez mais visible desintegración de feito de Siria.

Apartados xeográficos Oriente Medio
Idiomas Galego

Sen prover un marco definido para a solución do interminable conflito sirio así como do desastre humanitario motivado pola crise de refuxiados, a recente Conferencia de Seguridade de Múnic evidenciou en qué medida as grandes potencias antepoñen sen ambigüidades os seus intereses xeopolíticos na confección do “novo Oriente Próximo”, por riba das necesidades de poboacións azoutadas polos estragos da guerra. Intereses principalmente motorizados por EUA e Rusia a través dos seus respectivos aliados (Arabia Saudita, Turquía, Irán), persuadidos da necesidade de asegurar os seus imperativos estratéxicos nunha cada vez mais visible desintegración de feito de Siria.

Incapaces de albiscar o final da guerra siria, as grandes potencias citadas en Múnic semellaron mais ben discutir e asegurar os seus intereses post-conflito. Coa ausencia da chanceler alemá Ánxela Merkel e do mandatario ruso Vladimir Putin, a Conferencia de Múnic desatou toda serie de diverxencias que, ironicamente, culminaron nun tácito compromiso entre Washington e Moscova non só para manter as súas respectivas influencias no hipotético escenario de desintegración territorial do actual Estado sirio, senón para asegurar os seus imperativos xeopolíticos na contorna periférica euroasiática.

A pica do Kremlin

É moi probable que o principal gañador de Múnic en termos xeopolíticos sexa Putin. A ausencia de Merkel, motivada pola forte presión política interna sobre o manexo da crise de refuxiados, deixou a este cumio sen un dos principais voceiros críticos contra o Kremlin, principalmente co respecto á crise ucraína, colocando  eventualmente “fora de órbita” a unha líder político de cariz claramente “atlantista”.

Precisamente, as discusión en Múnic sobre o manexo da crise de refuxiados en Europa provocou unha repentina ruptura interna na UE, toda vez París, da man do seu representante na conferencia, o ministro de Interior francés Manuel Valls, rexeitou categoricamente a política de Merkel en materia de refuxiados, negándose a aceptar o reparto de cotas de refuxiados acordado por Berlín.

No relativo á crise siria, as advertencias do enviado ruso, Dmtri Medveded, sobre a posibilidade de activarse unha “guerra permanente” e incluso unha réplica de “III Guerra Mundial” se Washington e os seus aliados decidían intervir militarmente en Siria, supuxo igualmente outro “golpe na mesa” por parte de Putin no cometido de garantir a viabilidade dos seus intereses estratéxicos en Oriente Próximo, con Siria como epicentro de irradiación.

Estes intereses rusos vense determinados en manter, ata onde sexa posible, o actual status quo a través da supervivencia do réxime de Bashar al Asad, propiciando ó mesmo tempo como un fait accompli a “balcanización” territorial siria. Aquí imponse a estratexia de confinar ao Estado Islámico (EI) a un status de paria dentro dun labirinto étnico e sectario sumamente polarizado, perpetuado pola presenza dunha diversidade de identidades, entre eles curdos, turcománs, alauítas, sunnita, xiítas e asirios, entre outros.

A necesidade de “manter a raia” ao EI apunta paralelamente a dúas direccións. A primeira, persuadir a Turquía de calquera intervención directa en Siria, toda vez a fricción ven dominando as recentes relacións entre Ankara e Moscova, con consecuentes disparidades no equilibrio estratéxico euroasiático(1). E colateralmente, como segunda perspectiva, evitar unha irradiación do “xihadismo salafista” impulsado polo EI cara o Cáucaso ruso, con epicentro en células irredentistas en Chechenia, Daguestán e Osetia do Norte, nun momento no que o Kremlin observa o rexurdir de determinadas demandas autonomistas en rexións e provincias dentro do seu espazo euroasiático, que cuestionan e contrastan coa política centralizadora moscovita(2).  

Putin calcula minuciosamente que, cun crispado e incerto ano electoral en EUA e coas expectativas cifradas no impulso dunha histórica apertura con Irán, o seu homólogo estadounidense Barack Obama dificilmente decidirá unha intervención militar directa en Siria, particularmente tomando en conta as súas repercusións de impopularidade nunha opinión pública electoralmente decisiva, onde a temática da inmigración e os refuxiados cobra un capital determinante.

Toda vez, esta eventual intervención militar estadounidense en Siria afirmaríase como unha aposta arriscada dentro das perspectivas de consolidar a viraxe aperturista de Washington con Teherán, tomando en conta a tácita alianza estratéxica iraniana co réxime sirio.  

A “pos-post-guerra fría”

Con todo, as expectativas trazadas dentro do contexto post-Múnic intúen a eventualidade dun súbito e tácito entendemento entre Washington e Moscova para afianzar posicións estratéxicas nunha conxuntura trazada polo retorno do clima de “guerra fría” entre ambas potencias.

Coa parálise do escenario ucraíno, que claramente favorece os intereses rusos, Siria emerxe agora como a peza táctica desta nova balanza estratéxica que abrangue o tradicionalmente inestable espazo euroasiático, tal e como se observou coa conversa telefónica mantida por Obama e Putin tras finalizar a conferencia muniquesa. Previo ao cumio de Múnic e o debate sobre Siria, Rusia e a OTAN adiantaban por separado diversos exercicios e contactos militares no Mar Negro e o Cáucaso (Xeorxia)(3), toda vez o Kremlin acelera os mecanismos de fortalecemento da súa Unión Euroasiática entre as repúblicas ex soviéticas de Asia Central.

Moi probablemente, os plans de Obama para Siria se cifren en manter un canal de intervención indirecta vía OTAN e aliados estratéxicos rexionais, en especial Arabia Saudita e Turquía, sen desestimar a intervención de Emiratos Árabes, Bahrein e Catar. Neste sentido, o cumio de Múnic certificou un inédito nivel de cooperación entre Turquía, membro da OTAN, e Arabia Saudita, co respecto á utilización da base aérea turca de Incirlik no cometido de que cazas sauditas poidan bombardear posicións do Estado Islámico en Siria.

Potenciando este nivel de cooperación á hora de bombardear as posicións do Estado Islámico, Washington e a OTAN buscan arrefriar dous escenarios de fricción: o primeiro, desconxelar e “desfragmentar” os roces causados cos emiratos do Golfo Pérsico co respecto á estratexia aperturista de Obama con Irán, propiciando a tácita aceptación atlantista dos intereses destes emiratos dentro do conflito sirio e da eventual reconfiguración estratéxica rexional.

O segundo escenario implica directamente unha nova relación co Kremlin. Aceptando bombardear ao Estado Islámico, Washington e a OTAN semellan lexitimar colateralmente a política de Putin iniciada coa súa intervención militar en Siria dende setembro pasado, trazada en apoiar ao réxime de sirio a través destes bombardeos “quirúrxicos” e selectivos contra o Estado Islámico.

Estes bombardeos, con alto nivel de baixas civís, teñen afectando aínda mais a crise e fluxo de refuxiados. Na actualidade, a metade da poboación siria está practicamente refuxiada en países veciños (Turquía, Líbano, Xordania), mentres a outra metade vive azoutada polos intentos bombardeos, que poden ser humanitariamente mais dramáticos se a nova cooperación de aliados rexionais da OTAN cobra curso nas próximas semanas. Con isto, a conversa telefónica de Obama e Putin posterior ao cumio de Múnic pode intuírse como o primeiro paso para marcar posicións e esferas de influencia

Paralelamente, a debilidade política de Merkel, patente tanto na súa ausencia do cumio de Múnic como pola creba de apoios dentro da UE a súa política de refuxiados, supón para Washington un notable revés estratéxico, en particular de cara á eventualidade de que esta crise de refuxiados e as incertezas de Berlín co respecto a Siria afecten politicamente a Merkel, co horizonte electoral 2017 á volta da esquina. Por tanto, intervir militarmente en Siria suporía para Washington activar un indesexable nivel de fricción con Teherán, aliado estratéxico tanto de Rusia como do réxime sirio de al Asad, nun momento en que Obama tenta acelerar os mecanismos de apertura de relacións con Irán.

En terra de ninguén

O colofón deste cumio foi a decisión conxunta de EUA, a UE e a OTAN de activar un mecanismo de defensa contra as mafias de tráfico de persoas que se apoderan da ruta de refuxiados. Para activar este mecanismo, o eixe atlantista coloca a Grecia e Turquía como socios estratéxicos que sirvan de “policías fronteirizos” na área mediterránea, con claras expectativas de frear e eventualmente repeler o fluxo de refuxiados cara Occidente e sen políticas adecuadas para acometer a axuda a uns refuxiados cada vez mais illados e deixados ao seu cruel destino.

O visto en Múnic evidenciou como as grandes potencias “refuxiáronse” nos seus intereses estratéxicos, desestimando a adopción de política orientadas a solucionar as causas reais da traxedia humanitaria. Siria supón, por tanto, un taboleiro decisivo destinado a experimentar a eventual reconfiguración xeopolítica dun Oriente Próximo desestruturado nun labirinto de intereses no que se inclúen todo tipo de actores con sinuosas esferas de influencia.

 



(1) Tras unha etapa de achegamento e entendemento, a súbita crise nas relacións turco-rusas acaecida desde o abatemento de dous cazas rusos no espazo aéreo turco en novembro pasado está alterando o equilibrio estratéxico e as esferas de influencia de Moscova e Ankara dende o Cáucaso ata Asia Central. Para observar o novo contexto xeopolítico desta zona, consultar o artigo de VELIOGLU, Ipek, “How the Russian-Turkic Crisis Affects Central Asia and the Caucasus”, The Central Asia -Caucasus Analyst, 11 de febreiro de 2016. Ver em: http://www.cacianalyst.org/publications/analytical-articles/item/13328-how-the-russian-turkish-crisis-affects-central-asia-and-the-caucasus.html

(2) Un recente estudo publicado en xaneiro pasado polo Instituto de Estratexia Nacional, un think tank independente ruso, intitulado “Russia: Reports on Ethnopolitics”, advirte sobre o ascenso de movementos islamitas radicais, mafias e clans étnicos entre as comunidades musulmáns do Cáucaso ruso, en particular as de orixe túrquico, que cuestionan as súas respectivas lealdades ao Estado ruso. Este estudo especula con problemas de relación entre centro e periferia que ameazan á integridade estatal rusa, cotexando a eventualidade de focos de inestabilidade que poden retrotraer escenarios similares á desintegración política e territorial da URSS, agora dentro do propio Estado ruso. Para maior información, consultar: “Russia: Raising a Red Flag about Imperial Overreach”, Eurasianet, 8 de febreiro de 2016. Ver en:   http://www.eurasianet.org/node/77231

(3) “Russia, NATO, Both Start Exercises On Black Sea”, Eurasianet, 13 de febreiro de 2016. Ver en: http://www.eurasianet.org/node/77316