O 9 de maio é unha data histórica na loita dos exércitos aliados contra o nazismo. Un 9 de maio de 1945, Berlín caeu nas mans das tropas aliadas, o que contribuíu á caída do réxime nazi e deu paso, anos despois, á celebración do Día de Europa. Xustamente un ano antes, o 9 de maio de 1944, as tropas soviéticas derrotaban aos alemáns na batalla de Grozny, capital chechenia.
Esta data é lembrada anualmente con orgullo en Rusia e, nesta ocasión, a celebración militar que se realizou en Grozny tiña o sentido de exaltar a supremacía militar rusa. Porén, para os chechenios é unha data chea de dor, xa que significou o comezo das deportacións de milleiros de chechenios aos campos de traballos forzados na Siberia, ordeados polo líder soviético Josef Stalin, quen acusara os chechenios de colaboracionistas cos nazis.
Todo iso é parte da historia contemporánea, pero ninguén esperaba que o domingo 9, durante o desfile militar conmemorativo, un comando terrorista vencellado ás milicias separatistas do líder chechenio Shamil Basayev, puidera golpear tan contundentemente o orgullo ruso. Mentres as tropas desfilaban e os civís observaban expectantes o despregamento militar, unha forte explosión debaixo da bancada onde se atopaba o presidente chechenio Ahmed Kadírov, acabou coa vida do mandatario imposto polo Kremlin, ademais de con 31 persoas, entre elas membros do goberno e civís.
Este novo capítulo do drama chechenio chega nun momento chave para o presidente ruso Vladímir Putin. Reelixido abrumadoramente en marzo, o líder ruso esperaba culminar victoriosamente a situación na república rebelde do norte do Cáucaso. É por iso que pensaba aproveitar o desfile do 9 de maio como exemplo de que Moscova mantén o férreo control na rexión, cando menos dende o punto de vista militar.
Se ben o terrorismo chechenio segue causando estragos, dende hai meses a guerra nesa rexión é abertamente cualificada de "baixa intensidade". Tralo espectacular asalto ao teatro Dubrovnik en Moscova en outubro de 2002, as accións terroristas chechenias teñen sido máis ben poucas, aínda que non menos espectaculares. Dúas razóns semellan configurar este escenario. A primeira é que, ante o poderío militar ruso, os terroristas chechenios fan uso do "métode kamikaze", cunha especial participación das mulleres. Pese á brutalidade dos atentados, esta estratexia non logrou diminuír a confianza popular rusa en Putin, que aumentou amparada no férreo control político do líder do Kremlin.
Segundo, o mandatario ruso desexaba controlar o problema chechenio para poder dedicarse exclusivamente a outros asuntos na súa segunda lexislatura. A confianza de Putin en que Chechenia estaba baixo control militar e político, tralo referendo que apoiou ao presidente Kadírov en abril do 2003, amparada no medo dos chechenios pola presencia militar rusa, deixou vencelladas as sortes de Kadírov e da nova clase política chechenia aos designios do Kremlin e á seguridade militar rusa, debido a que eles se converteron no principal obxectivo dos rebeldes chechenios. Un Putin confiado sorriu aínda máis cando en abril pasado, os servizos secretos rusos asasinaron en Qatar a Abu al-Walid al-Ghamidi, líder saudita dos separatistas chechenios, estratego dos máis mortíferos ataques terroristas e principal ligazón coas organizacións do Golfo Pérsico que financian aos rebeldes chechenios, moitas delas vencelladas á rede Al Qaeda. Esta victoria militar de Putin deu a impresión de debilitar á resistencia chechenia.
Tralo atentado do domingo, o escenario semella complexo para Putin. A solución militar parece non ser a máis efectiva, a pesar do control do 80% do territorio chechenio. O medo da poboación chechenia aos militares rusos, acusados de cometer violacións dos dereitos humanos, e, ao mesmo tempo, a rebelión chechenia, restánlle lexitimidade aos plans de Putin. Sen Kadírov, amplamente rexeitado polos chechenios a pesar de ter logrado pacificar algunhas faccións rebeldes, Moscova perde unha peza importante no conflictivo taboleiro chechenio.
Do mesmo xeito, o Cáucaso estase a converter nunha loita silenciosa entre Moscova e Washington, onde o primeiro perde forza. Hai uns días, o presidente xeorxiano, Mikhail Shakasvillii, aliado de Washington, impúxose ao seu rival político Aslam Abashidze, líder separatista na rexión de Ajaria e presumible aliado de Moscova, mediante unha rebelión popular. Putin observa como perde terreo na Xeorxia, país clave pola entrada ao Cáucaso e o petróleo do Mar Caspio e Medio Oriente, e que é acusado por Moscova de albergar terroristas chechenios.
A resposta de Putin tralo atentado de Grozny anuncia máis violencia e vinganza, o que revela que Moscova non pensa cambiar a súa estratexia en Chechenia. A única certeza é que a Chechenia converteuse nunha mortal ruleta rusa, ademais dun pesadelo, para Putin e os seus intereses xeopolíticos.