O fulminante cesamento de Serguéi Stepashin e de todo o seu goberno evidencia unha vez máis o rumbo errático da política rusa. O desasosego agrava a intensa loita pola supervivencia desatada no Kremlin a un ano escaso dunhas eleccións presidenciais que, de celebrarse, implicarán necesariamente o relevo na xefatura do Estado dado que o Tribunal Constitucional dictaminou que Ieltsin non pode presentarse á reelección. Ninguén pode identificar nesta forzada e brusca substitución razóns económicas, ideolóxicas ou políticas. Stepashin non chegou a cumprir sequera os cen días de rigor no seu mandato. A súa destitución é unha mostra máis das miserias que habitan nun entorno presidencial, corrupto, illado e desesperado por acoirazarse de cara ó futuro. E para gardar as intrigas e protexer os escuros intereses da "Familia", o selecto grupo de persoas que parasita ó redor de Ieltsin, ninguén mellor que o xefe dos servicios secretos.
A simultaneidade da designación de Vladimir Putin como candidato preferido para as presidenciais e a convocatoria de eleccións lexislativas para o próximo mes de decembro debe tranquilizar a poucos. As posibilidades de Putin fronte a calquer outro candidato son mínimas e o seu fulgurante nomeamento, que lembra o de Lébed e outros no pasado, abre interrogantes moi serios, incluso sobre a posibilidade última de celebración das eleccións de decembro. A coincidencia busca tranquilizar a un Occidente temeroso de que se produza un xiro autoritario en Rusia, pero a imprevisibilidade dun Ieltsin sempre celoso das súas amplas prerrogativas constitucionais, fai albergar importantes reservas. Non hai garantías.
Certo que a nova situación de vacío de poder pode pecharse nos próximos días se a Duma, tan cauta como impotente, non pón impedimentos á confirmación do primeiro ministro proposto. É probable que os deputados opten por non respostar a esta provocación aprazando a batalla política co obxecto de non dar excusas a un Presidente que pode sentirse tentado de aproveitar a situación de inestabilidade e o estoupido da nova guerra caucásica para propiciar un autogolpe. Pero a crise quedará pechada en falso e rebrotará con maior virulencia en tanto non se garanta a inmunidade post-presidencial para el e os seus achegados. Unha empresa difícil pola que semella estar disposto a chegar ata o final con tal de protexerse. Ieltsin, quizáis mirando de reollo a experiencia de Pinochet, teme que lle pidan contas pola disolución da URSS, a guerra en Chechenia, o bombardeo do Parlamento ou a súa implicación nas tramas financeiras.
Pero ata agora ningunha forza política amosou interese suficiente por chegar a un compromiso e mesmo no caso de acadalo, o Presidente é consciente de que o seu valor será relativo pois soamente un sucesor da súa plena confianza estaría disposto a velar polo seu respecto. Pero ningún dos seus favoritos ten a máis mínima posibilidade de gañar os comicios. Todo un labirinto que pode conducir o país a un dos momentos máis delicados da súa historia recente.