Rusia: opaco centenario

Compre observar os contrastes establecidos entre Occidente e Rusia co respecto ao centenario dos procesos revolucionarios acontecidos en 1917. Mentres a prolífica produción bibliográfica sobre este acontecemento fervía nas principais cidades europeas, así como numerosas actividades de recoñecemento sobre este aniversario, o mesmo transitaba nun marco de certa opacidade oficial precisamente no país onde aconteceron estes sucesos transcendentais para a historia mundial. 

Liñas de investigación Relacione Internacionales
Apartados xeográficos Rusia
Idiomas Galego

Compre observar os contrastes establecidos entre Occidente e Rusia co respecto ao centenario dos procesos revolucionarios acontecidos en 1917. Mentres a prolífica produción bibliográfica sobre este acontecemento fervía nas principais cidades europeas, así como numerosas actividades de recoñecemento sobre este aniversario, o mesmo transitaba nun marco de certa opacidade oficial precisamente no país onde aconteceron estes sucesos transcendentais para a historia mundial. 

O feito da opacidade oficial deste centenario en Rusia non é casual, como tampouco a apatía da sociedade ante este evento. A única excepción foi a convocatoria realizada polo Partido Comunista da Federación Rusa, erixido como o principal partido opositor na Rusia actual, con a penas 42 dos 450 deputados na Duma.

A diferenza, o centenario revolucionario si que é expresado en Rusia a nivel académico, aínda que con menor intensidade que en Europa. Desde xaneiro funciona un Comité Organizador dos eventos do Centenario, única iniciativa oficial de canalizar estas celebracións a través de diversas actividades (artísticas, editoriais, cinematográficas, etc) cuxo obxectivo está mais enfocado na reflexión e o debate.

Con todo, o sentido “tráxico” de 1917 marca moitas das declaracións oficiais do Kremlin sobre o centenario. Cabe destacar neste sentido as declaracións de Mikhail Shvydkoy, representante de asuntos culturais do goberno de Vladimir Putin, quen non dubidou en cualificar á revolución como “a sentencia de morte da Gran Rusia”.

Esta perspectiva semella consolidarse nas altas esferas do poder no Kremlin. Con anterioridade, durante un acto celebrado en xaneiro de 2016, o propio Putin chegou a cuestionar á revolución bolxevique de Lenin considerando que “non precisábamos dunha revolución mundial”. Mais atrás, en 2008, denunciou a disolución da URSS como “o peor desastre xeopolítico do século XX”.

A qué se debe esta posición reaccionaria dende o Kremlin co respecto a este centenario? Pode argumentarse que Putin non desexa procrear divisións sociais sobre un legado, o soviético, que aínda segue moi presente na sociedade rusa. Como igualmente argumentara o propio Shvydkoy, calquera celebración oficial por parte do Estado ruso “só axudaría a afondar esas divisións”.

Outras perspectivas observan a intención do Kremlin por “silenciar” o centenario a fin de fortalecer a unidade nacional e glorificar o sentido histórico imperial da “Gran Rusia”, en aras de potenciar un proxecto político determinado polo propio Putin e a nova nomenklatura do poder.

Paralelamente, outros argumentan que unha celebración oficial con mobilizacións na rúa en tempos de crise económica e cun 2018 electoral á vista, podería ser igualmente contraproducente para os intereses de Putin e da súa nomenklatura. A intención de pechar feridas ante un pasado controvertido, a través dun opaco centenario que permita acentuar o feito de vivir Rusia a súa etapa “post-soviética” gravita así como o modus operandi do Kremlin.

A diferenza dos tempos soviéticos, cando o desfile militar do 7 de novembro (a data histórica da revolución bolxevique de Lenin) supoñía glorificar con esplendor esa celebración, a Rusia post-soviética liderada nos seus primeiros tempos polo falecido Boris Ieltsin e desde 2000 por Putin, prefiren celebrar outros feitos que consolidan as súas expectativas de “unidade nacional da Gran Rusia”.

Cobran aquí importancia capital o desfile militar de cada 9 de maio, en conmemoración da “Gran Guerra Patriótica” contra os fascismo e a Alemaña nazi na II Guerra Mundial; e o Día da Unidade Nacional (4 de novembro), oficializada a partir de 2005 e que conmemora, cunha mestura de patriotismo e de fervor relixioso, a rebelión do pobo ruso contra o dominio polaco en 1612.

Este acontecemento ocorreu xusto un ano antes da entronización ao poder en Rusia da dinastía Romanov (1613), cuxa abdicación tres séculos despois, a partir dos procesos revolucionarios de febreiro/marzo de 1917, tamén pasaron por debaixo da mesa na Rusia actual.

Resta por observar cal será a reacción oficial por parte do Kremlin cando, para xullo de 2018, se celebre o centenario do asasinato do zar Nicolás II e da súa familia a mans dos bolxeviques, principalmente nun momento en que a perspectiva de “gloria imperial rusa” estase consolidando nas esferas de poder. E isto obsérvase claramente na activa diplomacia global por parte de Putin e na recuperación das esferas de influencia e do peso decisivo de Rusia na reconfiguración dunha nova orde mundial.

Putin aposta forte no taboleiro xeopolítico global, toda vez recupera o sentido estratéxico do orgullo nacional ruso a través dos seus principais activos: unhas Forzas Armadas modernizadas e unha industria enerxética eficaz. A pesares da crise económica, Rusia conta con notable liquidez financeira que lle permite, entre outras cousas, actuar de salvavidas de aliados en apuros, como é o caso da Venezuela de Nicolás Maduro.

Outras perspectivas da apatía sobre o centenario aducen do temor estrutural do Kremlin a todo síntoma de “revolución”, tomando en conta que a Rusia post-soviética observou con ansiedade a reprodución na súa periferia euroasiática de mobilizacións contestatarias (as “revolucións de cores”) que desde 2003, e con apoio occidental, se acentuaron en Ucraína, Xeorxia ou Kirguizistán.

Se ben esas revolucións resultaron ser infrutuosas na súa reprodución na mesma Rusia, para pesar dos intereses occidentais, dende o Kremlin prefírese abortar calquera reminiscencia “revolucionaria” que puidera substraerse deste centenario.

Con todo, a comezos de 2017 realizáronse varias protestas en diversas cidades rusas, convocadas polo activista opositor Andrei Navalny, contra a corrupción e o autoritarismo imperante no Kremlin. Por tanto, Putin coida minuciosamente cada detalle sobre a conmemoración do centenario, abortando calquera posibilidade de que se converta nun acto reivindicativo contra o seu poder.

O centenario da revolución rusa de 1917 podía constituír unha oportunidade histórica para a reconciliación de Rusia co seu pasado. Pero a opacidade do mesmo pode igualmente explicar outras expectativas. Mais que a reconciliación co seu pasado, Putin e a nova nomenklatura de poder ansían romper con ese pasado para instaurar unha nova era.

Mentres a matriz da gloria imperial rusa cobra cada vez mais intensidade na opinión pública, Putin marca o 2018 como un punto de inflexión desta nova era que desexa instaurar. En perspectiva está unha reforma constitucional para ampliar a seis anos o mandato presidencial e posibilidades de reelección indefinida. Con isto establece unha especie de “neo-zarismo” constitucional e politicamente competitivo que sirva como punto final dun centenario a todas luces pouco estimado no Kremlin.