Salvar a Palestina

Sen calificativos nen apelidos, iso que damos en chamar humanidade, na acepción máis etimolóxica e universalista do termo, tén hoxe unha apremiante prioridade, librarse de Ariel Sharon. É dificil atopar un personaxe tan primitivo, tan comido polo odio, e desempeñando un papel tan nefasto no marco dun conflicto tan grave como o palestino-israelí, hoxe ao borde do abismo pola intensificación de tanta amargura e tanta desconfianza mutua. Ao exacerbar todos os radicalismos posibles, dende o racismo dos colonos xudeus ata o antisemitismo dos humillados, o criminal de guerra de Sabra e Chatila non soamente é o verdugo do pobo palestino que tanto dispara contra nenos como a ambulancias senón a ameaza máis seria para toda unha rexión que pode comezar a arder en calquer momento.

Sobran comentarios para repudiar a deriva sharonista das últimas semanas e días. Esa política baseada na venganza de cada atentado suicida bombardeando as instalacións da Autoridade Nacional Palestina, soamente pode calificarse de absurda e imbécil pola simple e lóxica razón de que propicia unha dinámica interminable de atentados e violencia que afoga en sangue toda perspectiva ou visión política que aspire a unha mínima pacificación. Sen política non haberá solución. Está cego Sharon cando imaxina reducir polas armas as reivindicacións palestinas.

Paz e liberdade para Palestina é sinónimo hoxe de clamor pola extinción política de Ariel Sharon, unha demanda que soamente pode resultar da conxunción de dúas presións: a exterior e a interior. Da a impresión de que con Bush non vai esta guerra, salvo no que atinxe ao puntual fornecemento do material bélico necesario para reprimir a Intifada. Existen sectores da Administración de Estados Unidos disconformes coa política sharoniana de guerra a ultranza, pero non conseguiron aínda revertir a demisión intelectual do Sr Bush. O problema está en que no fondo, a nivel rexional, Sharon representa o mesmo que Bush a nivel planetario: a convicción de que a coartada da loita contra o terrorismo abre novos e posibles escenarios para conseguir pola forza o que antes do 11 de Setembro resultaba inviable sen unha mesa de negociación. Washington pode pechar a porta tras Sharon.

Respecto a esa Europa que agora preside España, a evidencia dos ataques a un Presidente Arafat, literalmente secuestrado en Ramala mentres permanecía reunido co enviado especial, Miguel Angel Moratinos, da idea do temor que inspira en Tel-Aviv a pusilanimidade comunitaria.

No ámbito interno, Israel precisa unha revolta, unha eclosión de mil e unha razóns e vontades que dificilmente emerxerá da súa clase política, fascista na dereita e narcotizada na esquerda. É a hora da sociedade civil, aquí e alá, da ampliación do campo dos partidarios da paz, a unha e outra banda.

Sen esquecer a solidariedade debida cos cidadáns árabes que se atopan entre nós, vaia desde aquí todo o noso alento para ese pobo palestino que resiste en dificilísimas condicións a brutal agresión israelí e todo o noso apoio tamén para a inaprazable proclamación dun Estado palestino, plenamente soberano.