20081127 mumbai patrulla de soldados pola rua

Será Afganistán o “Iraq de Obama”?

Apartados xeográficos Estados Unidos ARCHIVO
Idiomas Galego
 Soldados patrullan as rúas de Bombai; clic para aumentar
Os atentados de Bombai e a inestabilidade de Karzai en Afganistán descifran unha lectura política claramente dirixida a Obama. Esta lectura está destinada a colocar a Asia Central como epicentro da súa política exterior, desmontando así a preponderancia alcanzada por Oriente Próximo durante a administración Bush. [Foto: Soldados de patrulla polas rúas de Bombai, o 27 de novembro de 2008, tras os atentados do día 26].
 

A polvoreira centroasiática, con especial atención a Afganistán, incrementa un potencial de riscos para a seguridade internacional que, a grandes resgos, pode definir un eido preponderante na axenda de política exterior do próximo presidente estadounidense, Barack Obama.

Os recentes acontecementos descifran a violenta potencialidade deste escenario. O avance talibán en Afganistán practicamente mantén cercado ao goberno pro-occidental de Hamid Karzai na capital, Cabul. Paralelamente, a destrución na veciña Paquistán de material móbil pertencente á OTAN coloca a este país no centro da atención para Washington, sen esquecer que a recente demostración terrorista na cidade india de Bombai, con presunta conexión paquistaní, activa un perigoso potencial bélico entre dous países con material nuclear.

Durante a súa campaña electoral, Obama amosou as súas intencións de fortalecer a axuda militar e a cooperación cara o goberno de Karzai, tanto como comprometerse no combate contra a rede terrorista Al Qaeda no seu presunto santuario da fronteira afgano-paquistaní. Ambas expresións de Obama supoñen unha evidente concesión cara os "falcóns" da política exterior estadounidense, proclives na "era Bush" e que conservarán determinadas cotas de poder na próxima administración da Casa Branca.

Os atentados de Bombai e a inestabilidade de Karzai en Afganistán descifran unha lectura política claramente dirixida a Obama. Esta lectura está destinada a colocar a Asia Central como epicentro da súa política exterior, desmontando así a preponderancia alcanzada por Oriente Próximo durante a administración Bush.

Así, un breve repaso xeopolítico centroasiático da conta de diversos eidos estratéxicos para Washington: presunto santuario do terrorismo yihadista global; inestabilidade e posible variante anti-occidental en dous países clave como son Afganistán e Paquistán; preponderancia de India como actor nuclear e potencia emerxente; proximidade de China e Rusia; e conexións enerxéticas a través do Mar Caspio.

Cada escenario e cada actor involucrado merece unha minuciosa atención para Washington. O imparable avance talibán en Afganistán determinaría a caída dun peón estratéxico como é o inestable e títere goberno de Karzai, con directas implicacións no delicado taboleiro político paquistaní.

Cumpre observar as actuais diferenzas de actuación na loita antiterrorista manifestadas entre Washington e Islamabad dentro do novo goberno paquistaní de Zardari, crítico coa preponderancia da alianza militar pro-occidental do seu antecesor Pervez Musharraf. Velaí que a inestabilidade afgana inflúe directamente no panorama político paquistaní e, indirectamente, indio. Está por ver cal será a relación entre Zardari e o poderoso estamento militar paquistaní, no ollo do furacán para Nova Delhi tralos recentes atentados de Bombai.

De certificarse o avance talibán e dos seus aliados yihadistas en Paquistán, o ascenso dun islamismo radical anti-occidental incrementaría a súa potencialidade de expansión cara outros países centroasiáticos, como son Uzbekistán, Kirguizistán e Tadxikistán.

Do mesmo xeito, reforzar a alianza con India significaría para Washington un contrapeso xeopolítico importante especialmente dirixido a amortecer calquera aproximación de Rusia, China e incluso Irán. Velaí a urxencia da xira realizada pola secretaria de Estado Condoleeza Rice a Nova Delhi tralos atentados de Bombai, visita que foi posteriormente secundada pola chegada do presidente ruso Dmtri Medveded.

A recente xira de Medveded por América Latina e os seus contactos políticos, enerxéticos e militares con Venezuela, Cuba e Brasil probablemente poderían persuadir a Obama a reforzar un ángulo euroasiático pro-occidental dende Ucraína e Xeorxia ata Afganistán, Paquistán e India. Estas variables definirían a Asia Central como a posible prioridade da axenda de política exterior para o próximo goberno estadounidense.