liberdade

Serbia despois de Milosevic

Apartados xeográficos ARCHIVO Balcáns
Idiomas Galego
 Slóbodan Milosevic e Vojislav Seselj, clic para aumentar
A morte de Milosevic, pouco vai mudar no incerto futuro de Serbia. Dos serbios na lista de A Haia, Vojislav Seselj, o líder do Partido Radical, é o que máis influinte na política nacional, xa que o seu partido de extrema dereita segue a ser o máis votado. Unha hipotética desaparición de Seselj mudaría substancialmente o presente e o futuro de Serbia. (Foto: Milosevic (esquerda) durante un brinde con Seselj).
 

A morte de Slóbodan Milosevic o pasado sábado 11 de marzo vai mudar moi poucas cousas na política serbia. Xa de por si, a reacción popular ao se coñecer a nova a través da estación radial B 92 foi máis ben fría. O ex-presidente levaba xa tempo fóra de Serbia como para que agora a súa ausencia definitiva tivese unha maior transcencencia.

A poboación recibiu friamente a nova. Non houbo nin manifestacións públicas nin sinais ostentosos de dor ou ledicia. Tan só un pequenísimo número de simpatizantes socialistas se achegaron ás sedes do SPS ou á vila natal do expresidente para amosar o seu pésame.

Dende que comezara o seu xuízo, o interese que espertaba decaeu. En boa medida pola duración do proceso "que os serbios poden seguir todos os días pola televisión dende hai tres anos- e tamén por unha obvia necesidade de seguir cara adiante. Milosevic si que contou con apoio popular, pero non especialmente nas grandes cidades. Aínda así, as súas primeiras palabras perante o xuíz ao responder á pregunta Cómo se declara, culpábel ou inocente? That’s your problem, se converteron en slogáns de camisolas e autocolantes. Só durante o primeiro ano do seu proceso foron seguidas as vistas con certa atención.

Pero existen varios factores que poderían ser de interese:

O principal, e se cadra o máis importante para o futuro político de Serbia, sería o rumbo que o SPS, o Partido Socialista Serbio, poida ter a partir de agora. Se calquera persoa visita a súa sede en Belgrado (rúa Kralja Petra) verá unha enorme cartaz na fachada que leva colocado varios anos. Baixo unha foto de Milosevic a palabra liberdade " "liberdade"" mostra o que podería ser un vaticinio de novos tempos no Partido Socialista, unha renovación profunda agora que o seu líder xa non está.

A renovación política do SPS é necesaria para o futuro de Serbia. Os distintos partidos socialistas de outras ex repúblicas iugoslavas levaron a voz cantante nos procesos de transición política. En Eslovenia, xa dende a independencia en 1991, o partido socialista tivo sempre a presidencia do país (Kucan e DrnovÅ¡ek) e levou pola vía rápida ao país alpino ate Bruxelas. En Croacia, os socialistas, guiados por MeÅ¡ic e Racan, foron protagonistas na transición tras da morte do ex presidente Franjo Tudman en 1999. Decidiron colaborar co Tribunal d’A Haia "arriscando moito no 2001- e puxeron economicamente a Croacia no limiar da Unión Europea.

O caso croata é especialmente significativo porque durante o mandato socialista (nos catro anos nos que houbo un presidente e un primeiro ministro dese partido) o HDZ, o partido de Tudman que liderou á república adriática ate a independencia, fixo unha limpeza que permitiu que cando o primeiro ministro Sanader accedeu ao seu cargo, puidese continuar a colaboración co Tribunal de A Haia.

Neste sentido, Serbia precisa dun partido socialista forte. A ausencia de Milosevic pode ser o reactivo necesario para unha fonda limpeza. O actual dirixente do SPS, o avogado Tomislav Fila, comentara hai uns meses na televisión que o tempo verá a Milosevic coma un heroe nacional serbio. Dicíao nun ton que semellaba deixar a Slóbodan coma un personaxe fora da realidade.

Un aspecto menos importante, pero curioso, é a reacción dos cargos políticos actuais perante a nova. Dende os máis claros e duros, coma o Ministro de Exteriores Vuk Dráskovic, ate o ambiguo Presidente de Serbia Vojislav Kostunica. La posición que mostran podería ter certa influencia nun decepcionado electorado. Ademais, un día despois da morte cumpríase o terceiro aniversario do asasinato do ex primeiro ministro Zoran Djindjic, xusto cuando en Serbia estase a xulgar aos principais acusados baixo a sospeita de que Milosevic estaba detrás de todo.

O pulso Kostunica-Draskovic semella que vai forte. Probabelmente decante un pouco o futuro a curto prazo do goberno e o motivo será a participación no funeral da familia. Se a herdanza de Milosevic é pouco perceptíbel, o que si fica, á marxe da indiferenza persoal que esperta, é xenreira abondo cara o seu clan. A súa muller Mira Márkovic non pode pisar territorio serbio e vive dende hai tres anos en Moscova; o seu fillo Marco está en paradoiro descoñecido e en busca e captura por varios delictos. Eis o motivo da disputa: un Kostunica ambiguo nas declaracións de dó, disposto a ceder ás pretensións dos radicais para permitir a presencia con inmunidade da muller e do fillo no funeral e Draskovic, cristalino no seu parecer sobre a morte de Slóbodan e inflexíbel con respecto á presenza en territorio serbio de Mira e Marco.

O dúo Dráskovic-Boris Tadic (primeiro ministro actual) podería ser decisivo se apartando a Kostunica do goberno "o menos cooperador dentro da cúpula gobernamental co tribunal de A Haia" consegue arrincar o primeiro paso definitivo para comezar a fin da transición que xa leva tempo en punto morto.

O seu procesamento queda visto como unha vitoria persoal. Non chegou a ser condenado por ningún dos crimes que se lle imputaban nin tampouco pasou á ser o primeiro ex presidente condenado por unha corte internacional. Ademais, a súa morte pasa a crear todo tipo de teorías da conspiración que xa circulan por Serbia. Dende o seu asasinato ate que se trocou a súa desaparición pública pola entrega inmediata dos dous executores da política de limpeza étnica en Bosnia e Hercegovina: Radovan Karadzic e Ratjko Mladic.

A morte de Milosevic vai mudar directamente pouco no incerto futuro de Serbia. Dos serbios en A Haia, Vojislav Seselj, o líder do Partido Radical, é o que máis influinte na política nacional, xa que o seu partido de extrema dereita segue a ser o máis votado. Unha hipotética desaparición de Seselj mudaría substancialmente o presente e o futuro de Serbia. De Milosevic pouco vai ficar na lembranza ou no recordo. Como dixo o sábado un dannificado ao que se lle preguntou ao respecto: "non vou gardar un minuto de silencio por el, porque durante quince anos todos ficamos en silencio".