Este artigo fai parte da publicación online “O Mundo en Galego” coordinada polo IGADI no seu 29º aniversario, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística

Shadi, refuxiado curdo

En 2013 Shadi Khaled decidiu abandonar a súa vila natal, no Curdistán sirio, na procura dunha vida mellor. En primeiro lugar, buscaba saúde, xa que Hadiya, a muller, estaba enferma. En segundo lugar, precisaba tranquilidade e paz, ambas totalmente afastadas do seu país, sumido en guerra dende as protestas antigobernamentais de 2011. Por último, necesitaba vivir e para iso debía fuxir da morte, que era o único que habitaba daquela no seu fogar.

Liñas de investigación Relacione Internacionales
Apartados xeográficos Oriente Medio
Idiomas Galego

En 2013 Shadi Khaled decidiu abandonar a súa vila natal, no Curdistán sirio, na procura dunha vida mellor. En primeiro lugar, buscaba saúde, xa que Hadiya, a muller, estaba enferma. En segundo lugar, precisaba tranquilidade e paz, ambas totalmente afastadas do seu país, sumido en guerra dende as protestas antigobernamentais de 2011. Por último, necesitaba vivir e para iso debía fuxir da morte, que era o único que habitaba daquela no seu fogar.

Qamishli, onde naceu Shadi, serve de fronteira entre Siria e Turquía. De aí que as orixes de Shadi estean na beira otomá, ata onde chegaba o Orient Express, nunha ruta en tren que conectaba Bagdad con Istambul. Alí, no medio desa liña férrea, creceu engorde esa vila na que se congregaron os siríacos fuxidos do xenocidio de Anatolia, os curdos que escapaban das persecucións en Iraq e en Turquía, e comerciantes e peregrinos que toparon acubillo no lugar.

Shadi criouse nunha Qamishli próspera onde estudou, ensinou música e formou unha familia de seu. Esa parte do Curdistán xa tiña sona por aquel entón, pois entre os seus veciños estaba un dos escritores máis sobranceiros das letras sirias: Salim Barakat. Foi este quen afirmou que a súa terra era un territorio inacabado, sempre en fuxida. Tan certeira afirmación confirmouna o exilio do propio autor e mais o de Shadi e o de moitas outras persoas que non puideron decidir máis que marchar.

A mestura de pobos fuxidos fixo de Qamishli un espazo sempre presente nos conflitos do país. Ata 2004, as tensións non liberadas e acumuladas adoitaban apagarse silandeiramente e sen maior problema. Con todo, a ira de afeccións rivais durante un partido de fútbol deveu nunha avalancha de cánticos e insultos que remataron no chamado «masacre de Qamishli». O partido de fútbol do campionato sirio que enfrontaba o al-Jihad co al-Fatwa acabou por pór fronte a fronte dúas faccións políticas. Nunha bancada estaban os seareiros curdos e da outra os iraquís. Os dunha beira entoaban cánticos a favor de Bush e os da outra a prol de Saddam. As voces axiña saltaron por fóra do estadio e os golpes substituíron os berros que durante varios días tinguiron a cidade dunha violencia que acabou con máis de trinta persoas mortas e centos de feridas e detidas.

A calma regresou devagar ás rúas de Qamishli. Porén, só un ano despois do masacre, o asasinato dun clérigo curdo abriu feridas nunca cicatrizadas e retornaron as tensións. Dende aquela, a inestabilidade fixo que se contasen mortes cada vez que estouraba unha faísca prendida por faccións distintas. E así, en 2008, durante a celebración do Noruz, o ano novo persa, unha nova lea elevou as cifras de defuncións amais de acrecentar o odio. E do mesmo xeito, o 2011 encheu as rúas do país para esixir cambios no goberno e desas protestas naceron outras e delas grupos para apagalas e deses intentos de matar ou de avivar os lumes, alimentouse unha guerra civil que dende entón invade toda Siria.

Qamishli proclamouse capital da autodenominada rexión autónoma do norte de Siria e converteuse nun labirinto de grupos rivais. Sobrevivir mudou a concepción da vida e non aceptar as regras do xogo significou unha catapulta cara a morte. Este foi un dos motivos que levaron a Shadi a deixar a cidade, mais non o único. A carencia de paz provocou o excedente de necesidades básicas por garantir, e entre estas estaba a saúde. Hadiya precisaba axuda para curar o cancro que padecía e os únicos sitios ata os que poder chegar eran Damasco, a capital siria, e Erbil, no Curdistán iraquí. Foi alí onde conseguiron superar a enfermidade e onde logo quedaron, no campo de refuxiados de Qushtapa.

O fillo pequeno de Hadiya e Shadi naceu refuxiado. Aínda nunca coñeceu a liberdade que connota a palabra habitante, dunha aldea, dunha vila ou dunha cidade. A súa irmá apenas lembra iso, pois leva anos entre os arames do campo de refuxiados e, non é quen de recoñecer fronteiras nin de entender que son as viaxes con visados. Por iso, os cativos só comprenden que o papá está fóra, mais pronto han xuntarse de novo.

Tras sete anos como refuxiado, á espera dun permiso co que poder abandonar Qushtapa, Shadi decidiu obter unha cidadanía polos seus propios medios. Coa axuda de amizades e familia conseguiu o apoio necesario para emprender a marcha. Logo, só agardou polo aviso de que o camiño estaba despexado e entón comezou a andaina. O 11 de agosto recolleu o pouco que un peregrinar permite cargar e, coa esperanza de solucionar toda caste de papelame, dirixiuse cara a Europa.

A pé, en coche, en autobús e en camión, sorteou os camiños máis transitados para fuxir das diferentes policías e pedir asilo nalgún lugar onde non o persigan para axustizalo polo simple feito de ser. Pensou en Reino Unido, polo idioma, pero a idea do Brexit freouno. Entón aceptou Alemaña, mais xa de camiño propuxéronlle Países Baixos e pareceulle a mellor opción para poder unificar a familia canto antes.

Bordeou Siria ao pasar de Iraq a Turquía. Tras varios días en Istambul foi a Grecia, de onde o deportaron. De volta en Turquía, agardou polo momento exacto para continuar sen ser visto, temeroso dunha expulsión que significaría o retorno do que fuxía. Cando cruzou de novo cara a Grecia, axiña seguiu camiño ata Macedonia do Norte, Albania, Kosovo, Serbia, Hungría, Austria, Alemaña e Países Baixos.

O 24 de setembro, Shadi logrou o papel que legalizaba o status de refuxiado en Europa. Despois de mes e medio a deambular, coa mirada posta no futuro máis próximo e esperanzador, puido durmir tranquilo nunha cama resgardada e a cuberto. Agora espera que os documentos que cubriu nas últimas semanas apuren e faciliten a viaxe de Hadiya e dos rapaces. Mentres, Shadi segue a pensar no futuro da súa xente e no presente dos seus. Non esquece as clases de árabe que dá en Natakallam nin o costume de escribir versos ou de ler nos libros que tanto admira, tampouco deixa de escoitar a música que el mesmo compón nin de soñar que todos eses anos foron un pesadelo, como as guerras todas.

Este artigo fai parte da publicación online “O Mundo en Galego” coordinada polo IGADI (coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Linguística) no seu 29º aniversario, coa vontade de impulsar e normalizar o uso do galego en todos os ámbitos, de maneira específica e desde a natureza do IGADI, na análise das relacións internacionais, xeopolítica e novos estudos globais.