O ex primeiro ministro italiano Silvio Berlusconi semella listo para regresar á primeira liña da política italiana despois de que a coalición que apoiou gañara as eleccións rexionais en Sicilia. O seu favorito, o ex eurodeputado Nello Musumeci, derrotou ao candidato anti-establishment do movemento cinco estrelas de Beppe Grillo con pouco menos do 40 por cento dos votos nunha rexión tradicionalmente escorada á dereita. Sen embargo, máis do 50 por cento dos sicilianos non votaron.

Ese resultado vai fortalecer a alianza de centrodereita recen formada nuns comicios considerados toda unha proba decisiva para as votacións xerais do ano próximo. Berlusconi está na boca de todos como a ave fénix da política italiana. Os platós de televisión, xornais e emisoras fanse eco do seu regreso, polo que ninguén apostaría en serio hai pouco tempo. Así pois, cando todos daban por derrotado para sempre ao magnate italiano, Berlusconi, ata onte na marxinalidade política, rexurde das súas cinzas.
A carreira política do empresario multimillonario de 81 anos estivo chea de escándalos dentro e fóra do goberno. Catro veces primeiro ministro, deixara o centro da escena política desde que foi expulsado do parlamento hai catro anos despois de ser declarado culpable de evasión fiscal. Silvio Berlusconi agora tenta anular unha prohibición que lle impide ocupar un cargo público antes dos comicios de 2018. Esa condena fora ratificada polo Tribunal de Casación en 2013, estando inhabilitado ata 2019. O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos revisará o seu caso e podería chegar a sentenza antes dos comicios.
Berlusconi, que conta con apoios rechamantes como o de Antonio Tajani, presidente do Parlamento europeo, preséntase como emblema do cambio real, serio e construtivo, baseado na honestidade, a competencia e a experiencia, asegurou nun alarde de hipocrisía tras coñecer o resultado de Sicilia. Tres días despois da votación, a policía arrestaba por evasión fiscal a Cateno de Luca, deputado democristián recen elixido nas súas listas… Pero, como acontece nalgún estraño país da península ibérica, é mais que probable que eses procederes e a súa propia condición de impresentable, chegado o caso, non lle pasen factura.
O resultado das eleccións en Sicilia é un duro golpe para o goberno italiano de centroesquerda. A coalición formada reúne ao partido Forza Italia de Silvio Berlusconi, refundado en 2013, e os partidos de dereita da Liga Norte e os Irmáns de Italia. O M5S mantense nas sondaxes como primeiro partido de Italia e os meses ata a contenda electoral, en marzo ou maio do ano próximo, prometen sorpresas. Matteo Renzi, do Partido Democrático, xa adiantou que non descarta pactar con Berlusconi. Italia, Italia…