Trala disolución do réxime de Saddam Hussein en Iraq, as presións occidentais céntranse actualmente no goberno do partido Ba´ath en Siria, irmán ideolóxico do seu veciño iraquí. O "ba´athismo" foi un movemento ideolóxico e político, derivado do "nasserismo" en Exipto, con ampla repercusión en Oriente Medio. A finais dos sesenta, este partido socialista e panarabista, alcanzou o poder tanto en Damasco como en Bagdad, polo que se fala das dúas variantes do movemento neses países, que non sempre foron homoxéneas e complementarias.
A orientación prosoviética do réxime sirio dominado por Hafez al Assad e o seu carácter esencialmente militarista chocou coa inicial vía "occidentalizada" do réxime de Saddam Hussein nas décadas do setenta e oitenta. A revolución islámica en Irán en 1979 dividiu politicamente a Hussein e al Assad: o primeiro virouse cara os intereses de EEUU e Europa occidental, e iniciou unha guerra de oito anos con Irán, considerado coma unha ameaza para o Oriente Medio. Pola súa banda, Damasco reforzou unha alianza con Teherán nun momento en que Siria estaba inmersa na longa guerra civil libanesa. Deste xeito, a alianza sirio-iraniana no Líbano reforzou o ascenso do movemento islamista Hezbollah no escenario político libanés.
O recente suicidio en Damasco de Ghazi Kanaan, ex ministro do Interior e ex xefe da intelixencia siria no Líbano, ocorre nun momento en que a ONU publica o informe sobre os responsables do asasinato do ex primeiro ministro libanés Rafik Hariri, en febreiro pasado. O informe é produto da investigación do fiscal alemán, de orixe turca, Detlev Mehlis, e no mesmo se acusa a altos oficiais sirios e libaneses de planificar e executar o asasinato de Hariri. En EEUU e Europa occidental sospeitan se o de Kanaan foi en realidade un "suicidio" que tivo que ver coa súa presunta vinculación neste asunto.
O que semella evidente é que Siria atópase acurralada ante as presións políticas da ONU, EEUU e Europa. Con Saddam Hussein ante a xustiza en Bagdad e cun Iraq convulsionado que acaba de aprobar en referendo, e cunha alta porcentaxe, unha nova Constitución, o réxime de Bachar al Assad, fillo e herdeiro da estrutura de poder do seu pai Hafez, asiste a un persistente acoso exterior, illado rexionalmente e en vésperas dunha posible desintegración. Se isto ocorre, Oriente Medio asistiría ao fin dunha era. Pero a nova etapa é tan complexa e incerta que os mellores prognósticos semellan atrevidos.
Se ben os gobernos sirio e libanés rexeitaron as conclusións da investigación da ONU, en Damasco aprécianse fortes dilemas respecto de cómo afrontar esta crise. A pesar de que o presidente libanés Emil Lahoud segue no poder, a hexemonía siria no Líbano xa deixou de ter un peso evidente, trala retirada militar siria en xuño e as recentes eleccións lexislativas. O movemento Hezbollah ascende pola súa propia forza, aínda que mantén os seus contactos sirios e iranianos. Pola súa banda, en Teherán non rachan os seus vencellos con Damasco, pero a crise nuclear coa ONU, Europa e EEUU concentra a maior parte das súas estratexias e decisións.
Os casos sirio e iraniano cabe contextualizalos tamén na perspectiva do conflito en Iraq. Washington acusa a Damasco de axudar aos insurxentes sunnitas, algúns deles herdeiros da estrutura de poder do Ba´ath iraquí, e tamén aos chamados "yihadistas". Un alto oficial estadounidense confirmou a escalada no enfrontamento entre tropas norteamericanas e sirias na fronteira iraquí a principios do 2005 e o fluxo de combatentes dende Siria a Iraq. No caso de Irán, a súa influencia entre a comunidade chiíta de Iraq leva a Washington e Europa a suscitar o dilema estratéxico de cómo negociar con Teherán, ou ben cómo potenciar un novo conflito rexional contra un país que, para Washington, forma parte (tamén xunto a Siria) dun ampliado "eixe do mal".
Siria, Líbano, Iraq, Irán, son demasiadas "frontes" políticas e militares para o plan do "Gran Oriente Medio" exposto por George W. Bush no 2003. Sen contar o drama palestino, Oriente Medio transformase grazas a factores esóxenos, unilaterais e complexos, sen coñecerse ben cales serás as súas verdadeiras consecuencias.