1. A emigración, presente na vida política, social e cultural de Galicia
A emigración perténcenos, forma parte da nosa identidade, non se entende Galicia sen falar da nosa emigración. Ata hai pouco tempo sempre foi enfocada dende a perspectiva da "anomalía", é dicir, da privación, como país, de recursos humanos de gran valor e que só o seu retorno podería emendar.
A emigración hoxe deixou de ser un tema de preocupación nesa liña tradicional, por máis que aínda haxa galegos que saian do seu país en busca de traballo ou mellores expectativas profesionais.
No enfoque actual predominan outras consideracións, nomeadamente:
⢠A importancia dos emigrantes como votantes, ata o punto de condicionar a formación de maiorías absolutas en determinados ámbitos, especialmente o local e o autonómico.
⢠A situación social dos emigrantes en determinados países que por mor de crises económicas ou doutra natureza, reclaman medidas de atención por parte dos diferentes gobernos e administracións, tanto local como autonómico e mesmo central. A Galicia beneficiada polas remesas dos nosos emigrantes noutro tempo, pode hoxe devolver en forma de asistencia social parte dese legado histórico tan presente na nosa xeografía, a educativa a e outras.
⢠O aproveitamento dese capital humano relacional que supón o dispoñer de galegos ocupando posicións relevantes nas sociedades de acollida, tanto no ámbito político, económico, social e cultural, en condicións de contribuír ó favorecemento de dinámicas de cooperación e intercambio con Galicia, hoxe máis capaz por dispor tamén de posibilidades de actuación, con autonomía, no concerto internacional.
2. A emigración e a mundialización: un activo irrenunciable
Dise, e con bastante razón, que no tempo presente o futuro de cada país, de cada colectividade debe ser contemplado na súa relación co exterior. Estar presente no mundo é unha das formas esenciais de garantir o propio futuro. Pois ben, nós estamos presentes no mundo dende hai tempo, a través dunha diáspora, produto tanto da emigración como do exilio, que constitúe un activo esencial para que as relacións de Galicia progresen no mundo.
Dispoñemos de políticos, de empresarios, de xente da cultura, dos sindicatos, da vida profesional, do eido xurídico ou eclesiástico, recursos todos de indudable valor que, aproveitados racionalmente e dende unha perspectiva de beneficio recíproco poden favorecer a transformación dos desafíos que supón a mundialización en oportunidades para facer progresar o noso país.
Galicia non pode renunciar á súa diáspora, debe facer por incorporala ó proceso de construción do seu benestar, abrindo formas de operar e mecanismos que permitan un aproveitamento real e efectivo da súa potencialidade.
3. Estratexias de vinculación (no cultural, no económico, no social)
Calquera propósito de consideración da diáspora debe tomar en consideración diferentes perspectivas, tantas como necesarias para facer posible a construción real dese terceiro espazo onde se poidan atopar a Galicia territorial e a Galicia da diáspora. Queda aínda moito por facer nese terreo, non soamente no ámbito do estudo da emigración ou o exilio dende unha perspectiva histórica, senón do propio coñecemento contemporáneo das oportunidades que pode brindar un tratamento adecuado de semellante riqueza humana, especialmente polo dobre factor de intensa integración na sociedade de acollida e conservación das raíces que a relacionan coa súa orixe.
A definición de mecanismos activos de vinculación, con programas continuados de alto valor engadido resulta de importancia extrema naqueles contextos en que o tránsito xeracional nos leva a pensar con fundamento na desaparición do segundo factor citado, isto é, a perda das raíces.
Cando falamos de vinculación estamos a pensar na necesidade de que a diáspora sexa unha preocupación do país, non soamente da súa administración. Na asunción desa perspectiva deben operar actores culturais, económicos ou sociais para optimizar adecuadamente os recursos de que dispoñemos no exterior e especializar o noso nivel de resposta para que os vínculos así establecidos poidan evolucionar a partir da identificación dos intereses comúns.
4. A vinculación política
O gran desafío para propiciar unha mirada diferente do papel da diáspora no presente de Galicia cómpre referilo á vertente política. O reto consiste en habilitar os medios para pasar da instrumentación á configuración dun espazo xenuíno onde a diáspora dispoña de voz propia para alentar o debate da súa problemática específica, sen intermediarios, e contribuír dende a súa óptica ó debate xeral. Trátase pois de artellar a representación política da diáspora, hoxe ausente na política galega.
· Institucional e partidaria
Cómpre en calquera caso salientar que nos últimos anos se propiciaron medidas que dan conta da crecente importancia política da diáspora. Tanto a existencia dunha comisión de emigración no Parlamento galego como a creación dun departamento especifico nesta materia co rango de Consellería evidencian con claridade que algo mudou nos últimos tempos. Igualmente, no ámbito local dispuxéronse numerosas iniciativas (viaxes, subvencións) para afortalar as relacións entre unha comunidade emigrante e o concello do que partiron no seu día. Mesmo xurdiron voces, a raíz esencialmente da crise arxentina de 2001, no sentido de que boa parte da cooperación internacional ao desenvolvemento debía contemplar o apoio ós emigrantes en situación de dificultade económica. Un exceso conceptual, sen dúbida, pois unha cousa é a extensión da rede de apoio social a cidadáns que residen fora do país e outra a acción en materia de cooperación internacional. As dúas poden desenvolverse fora de Galicia, pero a naturaleza de cada unha é ben diferente.
No eido partidario aconteceu outro tanto. Os principais partidos políticos galegos estreitaron as súas relacións coa diáspora, establecendo responsábeis nesta materia nos seus órganos dirixentes, efectuando xiras periódicas a determinados países, creando organización na propia diáspora, etc.
E debemos deixar constancia de que ese interese político crecente obedece á transcendencia electoral do feito da diáspora e por iso mesmo é motivo de frecuente controversia entre os partidos políticos.
· A importancia electoral da diáspora
Na actualidade, a presenza de galegos e galegas no exterior alcanza a todos os continentes. Sen dúbida a concentración de maior relevancia atópase en América Latina e en Europa. Arxentina con 330.000 galegos e Alemaña con 90.000 son o paradigma da diáspora. Tamén Estados Unidos, por exemplo, con 75.000 ou Brasil, con 95.000 ou Suíza con 60.000, reflicten cifras altamente significativas.
O Estatuto de Autonomía de Galicia, como marco referencial das competencias galegas en materia de sufraxio, posibilitou o desenvolvemento da Lei de Recoñecemento da Galeguidade que xunto co marco estatal da Lei de Réxime Electoral contemplan o dereito ao voto dos residentes no exterior.
Nas pasadas eleccións do 2001 ao Parlamento de Galicia, atendendo ao criterio provincial, tendo en conta o listado de electores no exterior nos países onde se desenvolve o proxecto do Foros Bilaterais, obtemos os seguintes datos. 268.452 persoas tiveron o dereito a exercer o voto segundo datos do INE: 58.036 de A Coruña, 21.239 de Pontevedra, 33.071 de Ourense e 21.239 en Lugo. Ver Táboa 1.
Táboa 1. Número de Electores residentes no estranxeiro por países | |||||
A Coruña | Lugo | Ourense | Pontevedra | Total | |
Total | 58.036 | 21.239 | 33.701 | 50.795 | |
Arxentina | 28.687 | 15.040 | 12.823 | 22.839 | 79.389 |
Brasil | 5.616 | 876 | 4.628 | 9.226 | 20.346 |
México | 647 | 295 | 5.294 | 2.395 | 8.631 |
Uruguai | 14.029 | 1.990 | 2.156 | 8.889 | 27.064 |
Venezuela | 9.057 | 3.038 | 8.800 | 7.446 | 28.341 |
Fonte: INE. |
O peso do voto emigrante en relación á poboación total é do 10,45% sendo a provincia de Ourense a que se caracteriza por posuír o índice máis elevado de porcentaxe de electores no exterior cun elevado 17,3 % fronte ao 9,45% de A Coruña ou o 9,42 % de Lugo. Ver Táboa 2.
Táboa 2. Listado definitivo de electores por provincia | |||
Galicia | Estranxeiro | Total | |
Total | 2.299.219 | 268.451 | 2.567.670 |
A Coruña | 941.509 | 98.291 | 1.039.800 |
Lugo | 313.034 | 32.564 | 345.598 |
Ourense | 290.873 | 59.730 | 350.603 |
Pontevedra | 753.803 | 77.866 | 831.669 |
Asemade, os datos do INE en relación ás últimas eleccións ao Parlamento de Galicia reflicten unha elevada presenza de galegos e galegas nas cohortes que abranguen dos 85 ate 100 anos, ao representar ao 9,53% da poboación, é dicir, falamos dun total de 25.581 persoas cunha idade moi avanzada. Ver Táboa 3.
Táboa 3. Eleccións Galicia 2001, distribución por idade CERA, listas de votación | ||
Número | Porcentaxe | |
Total | 268.452 | 100,00 |
Ate 84 | 255.533 | 95,19 |
85 e máis | 12.919 | 4,81 |
85-89 | 6.869 | 2,56 |
90-94 | 4.582 | 1,71 |
95-99 | 1.211 | 0,45 |
100-104 | 227 | 0,08 |
105 e máis | 30 | 0,01 |
Se a próxima convocatoria das eleccións favoreceu a ampliación do prazo de escrutinio das papeletas remitidas dende o exterior, pasando de tres a cinco días, o control do proceso nos consulados, así como o acceso á información e ás papeletas de todos os partidos políticos e mesmo a presenza de interventores son obxecto de controversia á hora de garantir un proceso limpo e transparente.
Os integrantes da diáspora galega teñen o deber e dereito ao exercicio de voto e polo tanto a decidir sobre a composición, en primeiro lugar, dos 75 membros do Parlamento galego. Nas pasadas eleccións de 2001 foron considerados válidos 67.883 votos emitidos no exterior. Nas eleccións ás Cortes Xerais do Estado de marzo de 2004, un total de 224.222 galegos e galegas puideran exercer o dereito o voto. É dicir, tiñan un peso de 11,3%.
Agora mesmo, na oitava convocatoria dos comicios autonómicos (lembremos que as eleccións celebráronse por primeira vez no 1981 e despois convocáronse nos seguintes anos: 1985, 1989, 1993, 1997, 2001 e 2005), desatou, como en anteriores ocasións, a polémica en torno ao voto emigrante, polémica constante porque ten modificado o reparto de escanos en favor ou en detrimento dalgunha forza política, como aconteceu nas eleccións do 1997 na provincia de Ourense ou nas derradeiras eleccións ao Parlamento Europeo.
No tocante ao criterio de participación nas pasadas eleccións autonómicas, os concellos onde se rexistrou unha maior presenza de voto emigrante foron: Avión, cun 51,29 %, é dicir, máis da metade dos seus habitantes (fundamentalmente radicados en México), seguido de Beariz e do Val do Dubra. Ver Táboa 4.
Táboa 4. Concellos galegos coa porcentaxe de votos do exterior máis elevada | |||
Concello | Estranxeiros | Total | % |
Avión | 2.307 | 4.498 | 51,29 |
Beariz | 1.013 | 2.144 | 47,25 |
Val do Dubra | 3.493 | 7.657 | 45,62 |
Bande | 1.529 | 3.779 | 40,46 |
Arnoia | 647 | 1.736 | 37,27 |
Gomesende | 579 | 1.580 | 36,65 |
· A representación política da diáspora
O debate arredor da participación política da diáspora tense centrado, esencialmente, nos seguintes temas: as carencias do censo de residentes ausentes (CERA); a limpeza e transparencia do proceso electoral, isto é, as garantías da emisión do dereito de sufraxio en condicións homologables; e, por último, a igualdade de oportunidades entre os partidos políticos para facer chegar á diáspora o seu discurso e as súas propostas.
Cómpre advertir en todo caso que a participación electoral non equivale a participación política; sen dúbida é unha manifestación daquela, pero parcial.
· Carencias da situación actual: o voto inacabado
Entendemos por voto inacabado aquel que unha vez emitido non serve plenamente para representar ao representado. Os emigrantes votan pero non elixen, contribúen co seu voto á elección de representantes que, en realidade, non os poden representar, pois a súa vida desenvolvese a centos ou milleiros de quilómetros de distancia. A participación, así viabilizada, non produce unha representación da diáspora senón unha distorsión do sistema democrático ao permitir a influencia determinante no proceso electoral de persoas ausentes do debate político que se produce na correspondente demarcación.
· Propostas alternativas: o espazo político da diáspora
O que cabe reivindicar é a existencia dun espazo político xenuíno onde a diáspora poida estar cabalmente representada e que os seus representantes poidan incorporar ó debate político galego a súa problemática.
Esta situación descartaría a participación dos emigrantes no ámbito local. Non ten sentido que os votos de persoas que non viven nunha determinada municipalidade poidan determinar o signo dun goberno local (e, paradoxalmente, que moitos inmigrantes residentes non poidan votar ou que tampouco poidan facelo os que están máis próximos, residindo en León, poñamos por caso). Os emigrantes galegos, alá onde estean, deben integrarse activamente na vida política e social das comunidades de acollida.
Pola contra, o ámbito autonómico semella o mais idóneo para a construción dese espazo político da diáspora con representación propia. Quere iso dicir que debería habilitarse a reserva dun número especifico de deputados que deben proceder da diáspora e ser elixidos directamente polas comunidades do exterior, sen que co seu voto poda distorsionar o signo da representación decidida polos habitualmente residentes nas catro provincias galegas.
Igualmente, o propio podería dicirse no ámbito das eleccións lexislativas a nivel de Estado. No ámbito comunitario, a cuestión podería suscitarse en tanto se admitise a circunscrición electoral autonómica. Mentres tanto, a situación actual podería manterse.
5. Conclusións
A diáspora debe ter a oportunidade de facer unha achega estable á política galega, pero actuando como auténtica protagonista das súas inquedanzas e intereses. E nesas condicións, a política pode contribuír de forma decisiva a dinamizar todos os ámbitos das relacións bilaterais, optimizando o valor dese capital relacional que hoxe está moi infrautilizado aínda, cando non limitado á súa instrumentación electoral, con efectos, queirámolo ou non, perversos, na medida en que a ecuación representante/representado está alterada por adosamentos extemporáneos.
Esta aposta por unha integración sincera da diáspora na vida política galega contribuiría a erradicar as practicas nocivas para a saúde do sistema democrático.
Para instrumentala debería crearse unha Ponencia con participación política plural e representación da propia diáspora a fin de ditaminar os textos normativos a modificar. O futuro debate a propósito da reforma do Estatuto de Galicia non debería deixar de lado esta cuestión.