Taiwán enterra a Deng Xiaoping

O trunfo do líder independentista Chen Suibian nas eleccións presidenciais celebradas o pasado sábado en Taiwán, inicia un novo ciclo político na illa e impón un novo estilo nas relacións co continente. A fórmula «un país, dous sistemas» semella superada polas circunstancias.

A derrota do Partido Nacionalista Kuomintang pon fin a cinco décadas de dominio político absoluto das elites procedentes do continente. A indignación calou en boa parte das súas bases que rexeitaron violentamente a conducta do «aparato» do Partido, quen rexeitou a James Song, candidato finalmente independente debido á negativa do Comité Central do Kuomintang a respaldar a súa candidatura. Lien Chan, vicepresidente de Lee Teng-hui, e referente oficialista quedou en terceira posición.

Chen Sui-bian é firme partidario da separación da China, é dicir, da consolidación da identidade política taiwanesa, establecendo co continente relacións de «igual a igual». É probable que Chen prosiga a liña moderadora auspiciada dende 1996 cando, formalmente, o PDP decidiu suavizar o seu reclamo independentista. Non cabe agardar pronunciamentos especiais, nin referendos autodeterministas. Taiwán é un Estado de feito.

Con todo, a China debe recoñecer «a verdade nos feitos» e imaxinar novas propostas políticas que poñan fin á guerra fría que aínda pervive no continente asiático. A fórmula ideada por Deng Xiaoping, «un país, dous sistemas», para acadar a unificación con Taiwán foi sobrepasada. ¿Terá Jiang Zemin o suficiente atrevemento para desmarcarse do legado do seu mentor ou insistirá nun propósito que únicamente pode conducir á guerra? As espadas seguen en alto.